A Xunta enviou 50.000 tests rápidos de dobre banda ás tres universidades, que deben organizar as probas e conseguir persoal para realizalas
As tres universidades galegas arrancaron nesta semana a campaña de cribado masivo da covid-19 impulsada pola Xunta nos campus do país. Arredor de 50.000 tests rápidos foron enviados polo Goberno galego ás tres institucións académicas, que son agora as encargadas en exclusiva de organizar a loxística destas probas e da busca de persoal que as leve a cabo.
A final da pasada fin de semana anunciou o Sergas o envío dos tests e foi no inicio desta cando as universidades tiveron que empezar a organizar, non sen premura, unha campaña que fontes dalgunhas das institucións recoñecen "improvisada e ás présas".
Foi nos campus ferroláns da Universidade da Coruña (UDC) de Esteiro e Serantes onde o pasado martes se iniciaron as probas, realizadas, de maneira voluntaria, por estudantes do último curso da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, coordinados polos seus profesores, tal e como informan desde a UDC, que aclara que no caso de que os docentes non cubran todas as prazas para a supervisión dos tests, optaríase pola contratación de persoal enfermeiro externo.
As universidades tiran de estudantes de Enfermaría para realizar as probas e de docentes ou persoal de enfermería voluntario para coordinalos
"Nese caso estamos tendo algún problema para conseguir profesionais de ter que tirar deles", asumen fontes da UDC que destacan o feito de que a Xunta ceda as probas pero delegue todo o demais. "A organización é interna e os recursos tenos que poñer a Universidade", confirma a institución académica, que recoñece que varios dos tests enviados caducan en poucos días. Fontes da organización na USC recoñecen tamén que unha remesa caduca este venres, pero que outros xa o fixeron o luns e non foron, loxicamente, utilizados.
Tamén na Universidade de Vigo, que este mércores iniciou as probas nos tres campus tras facelo o martes na residencia O Castro, son estudantes voluntarios de cuarto curso do Grao en Enfermaría os que están realizando os tests, aínda que para a súa coordinación a UVigo solicitou tamén voluntarios ao Colexio Oficial de Enfermaría de Pontevedra, tal e como recoñeceu a propia institución, que colgou o anuncio na súa páxina web, unha práctica que foi criticada xa desde algún colectivo profesional de enfermeiras.
Na Universidade de Santiago, o cribado comezou este xoves e é realizado por estudantes de Enfermaría de 3º e 4º coa supervisión de persoal do Servizo de Vixilancia da Saúde da USC.
Respecto da loxística, a UVigo aclara que, "seguindo as indicacións da Xunta", é a Universidade a que "determina os espazos nos que se desenvolven as probas, que en todos os casos foron elixidos pola súa amplitude, co obxectivo de evitar aglomeracións".
Nesta primeira fase da proba, dirixida ao alumnado, a acollida por parte da mocidade foi "excelente" e "moi positiva", tal e como recoñecen desde a UDC e a UVigo. No caso dos campus ferroláns, e tras a apertura dun espazo para pedir cita previa, o martes realizáronse o total de probas previstas (225) e cubríronse as prazas para este mércores e case todas as previstas para xoves e venres. No caso dos campus da Coruña, que realizará probas este xoves e reorganizará as citas para a vindeira semana, a resposta está a ser tamén moi importante.
Estes tests serolóxicos de dobre banda detectan cunha pequena mostra de sangue dous tipos de anticorpos, diferenciando se a doenza está activa ou foi xa superada antes, coa eiva de que só son detectados cando a infección leva uns días na persoa, polo que poden dar negativo nalguén xa enfermo e con posibilidade de contaxio.
Os casos positivos son comunicados ao Sergas para que os afectados pasen unha PCR que confirme se o virus segue activo ou non
Os resultados coñécense case ao momento, en dez ou quince minutos, e os positivos comunícanse aos afectados. Estes casos póñense coñecemento do Sergas para a posterior realización dunha proba PCR que confirme se o virus está activo ou non.
De utilizarse todas as probas, serán unhas 50.000 as realizadas nas universidades galegas nos vindeiros días. En concreto, na UDC, 11.649 tests no campus da cidade herculina e 1.945 para os de Ferrol. Na USC, 16.834 ao campus de Compostela e 3.039 ao campus de Lugo. No que atinxe á Universidade de Vigo, 8.646 test están destinados ao campus da cidade olívica, 3.502 ao campus de Pontevedra e 3.967 ao campus de Ourense.
Un cribado masivo sobre o que, desde fontes da xestión universitaria, amosan as súas dúbidas e mesmo o temor de que un moi maioritario resultado negativo entre o alumnado provoque "un efecto contrario ao esperado" e opte pola "relaxación" ao comprobar que non está contaxiado pola covid. E do que critican a "premura" e "improvisación" por parte da Xunta, influída, din, polo feito de que varios dos tests enviados caduquen dentro de poucos días.
Fontes da xestión universitaria critican a "improvisación" da Xunta e temen que un resultado negativo moi maioritario leve á "relaxación" do alumnado
Mentres, o cribado levado a cabo en residencias e colexios maiores en Compotela detectou 16 positivos, que se unen aos 14 xa coñecidos. Ademais, no caso da UVigo, a propia Universidade levou a cabo tamén probas, un total de máis de 2.300 realizadas na segunda semana de setembro a persoal PDI e PAS, empregando o innovador test PCR sobre saliva baseado no sistema pooling. Caso o 80% das persoas convocadas realizaron estas probas, nas que non se detectou positivo ningún.
Do mesmo xeito, a semana pasada comezou a realización de probas aleatorias ao alumnado dos tres campus da mesma Universidade e que se continuarán desenvolvendo ao longo de todo o curso.