A segunda vaga da pandemia do coronavirus segue avanzando en Galicia cunha "tendencia moderadamente crecente nos últimos catro ou cinco días", en verbas da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán. Esa é a razón, defende a Consellería de Sanidade, para limitar dende este 22 de outubro as reunións a 5 persoas non convivintes en toda Galicia, unha das medidas máis destacadas dentro dun novo paquete de restricións que endurece aínda máis as xa vixentes na área sanitaria de Ourense, que abrangue toda a provincia e onde se concentra practicamente un cento dos 447 novos positivos (441 confirmados mediante PCR) que Galicia rexistrou nas últimas vinte e catro horas.
O Sergas defende o novo paquete de restricións pola "tendencia moderadamente crecente" dos contaxios nos últimos días; na capital ourensá a incidencia a 14 días comeza a remitir, pero segue por riba dos 460 casos por 100.000 habitantes no conxunto da provincia
Mentres comeza a remitir lentamente a situación na capital ourensá, confinada perimetralmente xunto a Barbadás dende o 8 de outubro, a incidencia acumulada na cidade segue a ser moi elevada (359,2 positivos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, citou Durán en rolda de prensa sobre un dato que a Xunta non publica) pero aínda o é máis no conxunto da provincia, que segue roldando os 460 casos neste mesmo indicador o cal, con cifras pechadas do pasado día 19, dá sinais de enlentecer a súa diminución.
Neste contexto, a provincia de Ourense xa apenas ten unha trintena dos seus 92 concellos sen restricións especiais. Ao devandito confinamento perimetral de Ourense e Barbadás e ao do Carballiño, Ourense e Boborás engádese dende as cero horas deste 22 de outubro o que rexerá sobre Verín, Oímbra e Vilardevós.
No caso do Carballiño e os outros dous concellos cos que comparte confinamento, ademais, o novo paquete de medidas implica o "peche de todas as actividades non esenciais", o que atinxe a toda a hostalaría (que só poderá servir a domicilio ou para levar), pero tamén a múltiples equipamentos culturais. É o caso de cinemas, ou espazos deportivos, museos e bibliotecas, pero tamén espazos de xogo e apostas -a cuxo peche xeral se negaba a Xunta hai apenas unha semana-.
A segunda área con maior incidencia acumulada é a de Santiago, onde a Xunta implanta o veto ás reunións de persoas que non convivan
A incidencia da COVID-19 a catorce días enlentece o seu ritmo de descenso en Ourense mentres aumenta en todas as demais áreas sanitarias. Cos datos pechados do día 19, a segunda con este indicador máis elevado e a área de Santiago-Barbanza, afectada dende as cero horas deste xoves pola prohibición de reunións de lecer entre persoas non convivintes na capital galega e mais no Milladoiro (Ames).
A tendencia é semellante atendendo aos datos divulgados este 21 de outubro por Sanidade, correspondentes ao período transcorrido entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Nesas vinte e catro horas, alén dos 97 novos casos da provincia de Ourense, destacan os 85 rexistrados na área de Vigo, 82 na de Santiago e 68, na de Pontevedra-O Salnés. A Coruña (+57), Lugo (+39) e Ferrol (+19) presentan rexistros máis baixos, pero as súas incidencias acumuladas a dúas semanas, como amosa o gráfico sobre estas liñas, tamén tenden a aumentar.
Todo isto sitúa o dato galego próximo aos 180 novos casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. É un dato notablemente inferior á media estatal -que superaba este martes os 300-, pero supón tamén o máximo galego na segunda vaga e unha cifra moi semellante ás acadadas a pasada primavera, cando por outra banda eran realizadas moitas menos probas.
Cinco novas mortes e máis de 30.000 casos acumulados
Os case 5.500 "positivos activos" supoñen a maior cifra da segunda vaga e practicamente igual o máximo da primeira, cando eran realizadas moitas menos probas que na actualidade
Este empeoramento xeral reflíctese nas cifras de casos activos, indicador de referencia para a Xunta que este 21 de outubro chega ás 5.457 persoas, a maior cifra da segunda vaga e practicamente a mesma que, segundo a serie histórica da Xunta -que non foi pública ata este mes- chegou a acadarse na primeira. Cómpre ter en conta, non obstante, que o día da primeira vaga con máis probas PCR feitas non se chegou ás 4.000 e agora son habituais as xornadas con máis de 6.000. Con estes números, as persoas que deron positivo nalgún momento en Galicia dende o comezo da pandemia xa atravesan a barreira das 30.000.
O maior número de contaxios nas últimas dúas semanas segue tendo tamén a súa tradución en máis falecementos. Este mércores entran no cómputo oficial cinco mortes máis, todas de persoas de avanzada idade das que unha delas, unha muller de 91 anos, vivira na residencia Os Gozos da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aaguiar. Ademais, morreron dous homes de 84 e 83 anos que estaban hospitalizados en Verín e Vigo e dúas mulleres de 73 e 78 hospitalizadas en Santiago e na Coruña. O total de falecementos chega así ás 836 persoas [Galicia foi un dos territorios europeos con menor exceso de mortalidade na primeira vaga da pandemia]
Outro indicador que acredita o empeoramento da situación é a taxa de positividade, isto é, a porcentaxe de probas PCR realizadas que dan positivo. O dato galego rolda as 7% nas últimas vinte e catro horas, pero segue próximo ao 10% na área de Ourense e chega ao 13% na área de Pontevedra-O Salnés. A Organización Mundial da Saúde mantén no 5% o limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio.
342 persoas ingresadas
Segundo indicaba o propio Sergas este mércores, un dos obxectivos deste novo paquete de restricións é procurar protexer os hospitais de eventuais sobrecargas, aínda que polo momento se manteña "intacta a capacidade asistencial", asegura o xerente do Sergas, José Flores. A porcentaxe de camas ocupadas "non nos preocupa" polo momento, "pero estamos vixiantes", mantén. Segundo os datos deste mércores, son 342 as persoas hospitalizadas, outro máximo da segunda vaga, e delas 125 permanecen en hospitais da área de Ourense (16, na UCI).