O vicepresidente Rueda entrega en man proteccións o mesmo día en que Feijóo anuncia tres meses máis da tarxeta moedeiro para familias necesitadas
O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, desprazouse este luns a Dozón para salientar alí unha obra de reparación da rede de abastecemento municipal de auga por 32.000 euros, cartos que á súa vez a Xunta obtén dos parques eólicos existentes nese concello. A visita aproveitouna para entregar en man máscaras de protección fronte ao coronavirus coas que promover o Xacobeo.
A Xunta vén repartindo máscaras con mensaxes promocionais a diversos colectivos ao tempo que ten en marcha dispositivos de distribución das mesmas en eidos como os servizos sociais ou o profesorado, ao que pide “sentidiño”. Porén, non contempla sufragar as que esixe como obrigatorias ao alumnado malia o seu custo para as familias.
Este mesmo luns o presidente Feijóo visitou unha ONG na Coruña e anunciou alí que prorrogará por tres meses máis a tarxeta moedeiro precargada con ata 300 euros ao mes para familias con necesidades básicas. Unha tarxeta que a Xunta lanzou xusto antes das eleccións galegas e que confrontou co Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Goberno central. A denominada Tarxeta Básica, financiada pola Xunta, é xestionada pola Cruz Vermella.