Asociacións de nais e pais estiman un custe de entre 20 e 24 euros ao mes por alumno en máscaras cirúrxicas, mais o protocolo da Xunta non especifica o modelo a empregar
A Xunta de Galicia non se vai encargar de facilitar as máscaras que teñen que empregar os nenos e nenas nos centros de ensino durante o curso. Tamén o deixou claro o Partido Popular esta semana no Parlamento. Mentres, os sindicatos do sector e as asociacións de nais e pais advirten do sobrecusto para as familias nun momento complexo polas consecuencias da pandemia que pode incrementar as diferenzas sociais nas aulas.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, promoveu o uso da máscara obrigatorio a partir dos 6 anos de idade durante todo o horario lectivo. E a última actualización do ′Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021′, publicada o pasado día 16, cando tiña que comezar o curso en Secundaria e FP, engade que ″será obriga do alumnado levar cando menos unha segunda máscara de recambio, así como un estoxo específico para gardala en caso necesario, como por exemplo no comedor″.
A Federación de Anpas Compostela estima que as dúas máscaras cirúrxicas que precisa un alumno por día lectivo, tendo en conta que cada 4 horas habería que mudalas, teñen un custo de entre 1 e 1,20 euros diarios, polo que calculan entre 20 e 24 euros extra mensuais para as familias por cada fillo de maneira ordinaria. ″Sendo un elemento imprescindible para que asistan ás aulas, e unha peza chave na prevención, tiñan que estar dotadas pola Xunta. Non pode ser un gasto asumido polas familias″, asegurou a vicepresidenta da federación, Esther Martínez.
"Sendo unha peza chave na prevención tiñan que estar dotadas pola Xunta", afirma Esther Martínez, vicepresidenta da Federanción de Anpas Compostela
No primeiro pleno da lexislatura, unha Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo BNG levou o ″impacto económico que está a ter para a comunidade educativa a obrigatoriedade do uso de máscaras″ ao debate do Parlamento galego. O deputado nacionalista Manuel Antonio Lourenzo defendeu que ″as máscaras son un elemento de seguridade imprescindible para o ensino presencial″ e que o Goberno galego ten que actuar para asegurar que se empregan correctamente. ″Se non garantimos que os nenos e nenas poidan empregar as máscaras con seguridade, estaremos atentando contra un principio fundamental como é o da Educación, da equidade e da igualdade de oportunidades″, sinalou.
Lourenzo incidiu na ″situación límite″ que atravesan moitas familias ″pola crise económica derivada da COVID-19″ e manifestou que, segundo os seus cálculos despois do contacto coa comunidade educativa, ″para unha familia que ten dous fillos o custo das máscaras vaise a 80 euros ao mes, 115 euros ao mes para unha familia con tres fillos″.
″Para unha familia que ten dous fillos o custo das máscaras vaise a 80 euros ao mes", dixo o deputado do BNG Manuel Antonio Lourenzo
″O que está a acontecer é que hai familias que teñen que empregar máscaras que non están testadas desde a perspectiva sanitaria, poñendo en risco a saúde dos nenos e nenos, que hai familias que teñen que reutilizar máscaras cunha vida útil de catro horas durante varios días, e familias que teñen que facer enxeñería fiscal para chegar a fin de mes″, abundou Lourenzo. Afirmacións compartidas polos socialistas, pois o deputado do PSdeG Luis Álvarez coincidiu en que ″ese gasto non resulta doadamente asumible para moitas familias″.
Para o PP, en palabras do deputado Ovidio Rodeiro, o uso da máscara ″responde ás necesidades de protección individual nunha pandemia″ e, polo tanto, ″é unha competencia derivada da saúde pública″ que ″non depende das competencias en Educación″. Rodeiro sostivo na Cámara que ″ese impacto económico xa o teñen que asumir as familias vaian os nenos á escola ou a calquera outra actividade″. E recordou que a Consellería enviou ″4.000 máscaras para o uso do persoal docente e non docente dos centros escolares″ e que ″a maiores se enviou unha partida para centros de Infantil e Primaria para o alumnado que as precise de forma puntual″. ″A gratuidade das máscaras forma parte da política ficción e non da política real″, aseverou.
″O impacto económico xa o teñen que asumir as familias vaian os nenos á escola ou a calquera outra actividade″, alegou o deputado do PP Ovidio Rodeiro
Perante o problema de financiamento presentado polo deputado do PP, o nacionalista que defendeu a PNL, que non resultou aprobada pola maioría popular, lembrou que ″Feijóo foi á Conferencia de presidentes a dicir que se podían investir os cartos que se nos daban para Educación noutros ámbitos″. Na mesma liña que o portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, que na súa interpelación ao presidente da Xunta no pleno preguntou en que se gastaron ″os 93 millóns de euros do fondo da COVID que chegaron para Educación″.
Campaña dos docentes
Máis de 700 sinaturas apoian a petición da plataforma Profesorado en Pé que reclama un ″equipamento de seguridade″ e ″medidas sanitarias″ para que a comunidade educativa enfronte a pandemia. ″Solicitamos á Consellería de Educación e á Presidencia da Xunta de Galicia que desenvolva os procedementos normativos, orzamentarios e de xestión precisos para garantir a seguridade de todos os membros das comunidades escolares dos centros educativos públicos galegos″, indican.
Desta maneira, reclaman que se establezan unhas ″medidas sanitario-educativas máximas e idénticas″ para todos os niveis do ensino e un trato diferenciado para ″aqueles membros da comunidade educativa (profesorado, PAS, alumnado) que constitúan grupos de risco, con proteccións de alta seguridade″. Así como ″equipamentos EPI de máxima seguridade″ e formación adecuada para os membros dos Equipos COVID de cada centro de ensino.
A respecto das máscaras, piden que se entregue a todo o alumnado ″unhas medidas de protección persoal básicas para garantir a seguridade de todos e todas″ para así evitar ″situacións de discriminación e verificar unhas mesmas características no equipamento de todo o alumnado″. Ademais, solicitan fornecer a todo o profesorado de ″máscaras FFP2 en cantidade suficiente para o curso escolar″ e, por se fosen precisas, pantallas faciais e batas desbotables, que no protocolo COVID para a volta ás aulas da Xunta se contemplan como un gasto que debe saír do orzamento de cada centro de ensino.
A Xunta non especifica o tipo de máscaras
Por outra banda, as características das máscaras de protección que ten que empregar o alumnado non figuran na última actualización do ′Protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021′, a pesar de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestou o pasado día 16 que nesta modificación se ía incluír ″a recomendación de que as máscaras cumpran as normas UNE correspondentes″.
O conselleiro de Sanidade dixo que as máscaras terían que cumprir as normas UNE, mais o protocolo para a volta ás aulas segue sen recoller esta especificación
Porén, esta especificación si está recollida no ′Protocolo de prevención da transmisión da COVID-19 no alumnado con necesidades educativas especiais para o ámbito educativo′, onde se detalla que ″o/a alumno/a con necesidades especiais utilizará máscara cirúrxica ou hixiénica, que cumpra coa normativa UNE 0064 (para as dun só uso) ou UNE 0065 (para as reutilizables), sempre que teña unha idade superior a 6 anos e recomendada para alumnado entre os 3 e 6 anos″.