O presidente da Xunta atribúe ao PP “o difícil” de iniciar o curso escolar, lembra que gañou as eleccións e di que “o Goberno en España se desentendeu da pandemia”
Sete meses e medio despois o Parlamento de Galicia retomou este mércores as sesións de control ao Goberno galego, que como hai sete meses e medio, e durante os últimos once anos, o presidente Feijóo converteu nunha nova sesión de control á oposición. Ana Pontón desde o BNG e Gonzalo Caballero desde o PSdeG censuraron a xestión da pandemia por parte da Xunta de Feijóo, e pedíronlle novas medidas, pero a resposta deste foi desviar as súas críticas ao persoal sanitario e educativo ao tempo que atribuíu ao PP “o difícil” de iniciar o curso escolar en plena pandemia.
“Dicir que o comezo do curso é un fracaso é unha falta de respecto aos docentes”, dixo Feijóo despois de que Caballero lle criticase a inacción da Xunta durante seis meses. “Vén vostede aquí a tirar pola borda o traballo que están a facer todos estes profesionais”, reiteroulle pouco despois a Pontón, quen non obviou o xiro argumental do presidente e afeoulle que “cada vez que se lle fai unha crítica ao seu Goberno o que non pode é atacar aos profesionais, é deshonesto”.
Pontón: “Cada vez que se lle fai unha crítica ao seu Goberno non pode atacar aos profesionais, é deshonesto”
“Deixe de facer de oposición da oposición”, pediulle a nacionalista, que lle reclamou unha postura común galega ante os orzamentos do Estado e os fondos europeos para axudar á reactivación económica. A resposta de Feijóo foi incidir na súa liña argumental e pedir á oposición “que se poña arredor das institucións sanitarias e docentes”.
Nesa altura do debate o presidente xa lembrara ao PSdeG o seu “fracaso” nas eleccións do pasado 12 de xullo fronte a unha vitoria do PP que definiu como “o que quixeron os galegos”. Pero as súas críticas aos socialistas estendéronse tamén ao Goberno central, do que dixo que “o fácil era suspender as clases” mentres que “o difícil é iniciar un curso escolar en plena pandemia, iso é o que fixo o PP”. Unha afirmación coa que o presidente se desentende agora da súa propia decisión de suspender as clases en Galicia tomada un día antes de que así o acordase o Goberno central.
Feijóo critica ao Goberno central que "o fácil era suspender as clases" malia que el o decidiu en Galicia un día antes
Malia atribuír ao Goberno central decisións sobre o coronavirus, Feijóo dixo que “se desentendeu da pandemia” e “do curso escolar”. E, ao tempo, ante as críticas de que non exerce as súas propias competencias, respondeu asegurando que “efectivamente temos competencias no tema educativo, dentro das bases que dite o Estado”, para a continuación salientar que a Xunta foi a primeira administración autonómica que presentou un novo protocolo educativo, o segundo, despois de que a finais de agosto se acordase a nivel estatal unhas mesmas bases comúns. “Que houbo que rectificar, sen dúbida, que asumo esas rectificacións, tamén”, dixo Feijóo.