Tras eloxiar a súa xestión, Feijóo remuda as cúpulas de Sanidade e Política Social e as delegacións territoriais da Xunta

Reunión do Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

En Sanidade as remudas afectan á xerencia do Sergas e á súa dirección de Recursos Humanos, á dirección de Saúde Pública e ao 061

Tras defender a xestión da pandemia por parte das áreas de Educación, Sanidade e Política Social do seu Goberno, hai dúas semanas Feijóo mudou de conselleiros nas dúas primeiras áreas, unha semana máis tarde cambiou por completo a cúpula de altos cargos do primeiro departamento e este xoves fixo o mesmo cos outros dous, nos que opta por ascender a cargos inferiores. O Consello deste xoves tamén remudou as cinco delegacións territoriais da Xunta, para as que foron escollidas novamente persoas de confianza do partido.

Na Consellería de Sanidade cae o ata agora director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, responsable de asinar os informes epidemiolóxicos nos que se basea a Xunta para decidir as diversas medidas restritivas fronte ao coronavirus. É substituído por Carmen Durán Parrondo, ata agora subdirectora xeral de Atención Hospitalaria do Sergas. Tamén cesa Antonio Fernández-Campa como xerente do Sergas, substituído por José Flores Arias, que ata agora era xerente do servizo de emerxencias sanitarias 061, posto ao que fora ascendido hai agora dous anos. E a ata agora directora de recursos humanos do Sergas, Margarita Prado Vaamonde, é substituída por Ana María Comesaña Álvarez, ata agora directora de recursos humanos na área sanitaria de Vigo.

Feijóo nun acto en xuño de 2019 cos altos cargos do seu Goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Os novos nomeamentos nas consellerías eran cargos inferiores que agora son ascendidos mentres que nas delegacións óptase por persoas de confianza do partido

Á marxe de Sanidade, a nova organización da Xunta, cunha nova vicepresidencia económica e unha nova consellería de Traballo, e o impacto do coronavirus nas residencias de maiores, fan que o Goberno galego decidise crear dúas novas direccións xerais, de Relacións Laborais e de Atención Integral Sociosanitaria, que se suman ás 55 direccións ou secretarías xerais xa existentes. Para o primeiro dos postos noméase a Elena Mancha Montero de Espinosa, ata agora inspectora de traballo na Coruña e mediadora no Consello Galego de Relacións Laborais. Para o segundo, o elixido é Antón Acevedo Prado, médico que era ata agora director de procesos da área sanitaria da Coruña. 

Nesa mesma Consellería de Política Social é cesado Ildefonso de la Campa como director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, cargo ao que retornara en 2018 tras marchar como director xeral de Migracións no Goberno de Rajoy. Substitúeo Fernando González Abeijón, que ata agora era subdirector xeral de Inspección de servizos sociais na mesma consellería. Pola súa banda, a ata agora directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, é substituída por Jacobo Rey Sastre, xornalista que ata agora era xefe de comunicación da Consellería de Facenda.

Feijóo presenta os cambios en Sanidade como froito do desexo do novo conselleiro

Feijóo presentou os cambios en Sanidade como froito do desexo do novo conselleiro, Julio García Comesaña, de formar o seu propio equipo e, no caso do xa ex-xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, como unha petición propia tras varias décadas na cúpula da sanidade galega e un trienio (2009-12) como secretario xeral da consellería de Cultura. “Xa era subdirector cando eu estaba no Sergas”, chegou a dicir. No caso dos cambios en Política Social, cuestión que tras unha primeira pregunta eludiu responder, centrouse en salientar a “decisión estratéxica” de crear a nova dirección xeral de Atención Integral Sociosanitaria. Nos dous casos, o propio Feijóo eloxiou o feito de que se opte por ascender a persoas que xa estaban en cargos inferiores da admnistración como exemplo de continuidade nas políticas.

Cambios nas cinco delegacións territoriais

Nas delegacións territoriais, que estaban baleiras desde hai varios meses paro que os seus últimos titulares puidesen concorrer ás eleccións galegas nas listas do PP, dada a incompatibilidade, o Consello deste xoves decidiu renovar os cinco postos en vez de volver a nomear aos anteriores titulares, agora todos eles con escano.

Catro dos anteriores delegados territorias da Xunta entregando en man material fronte ao coronavirus antes de deixar os postos baleiros varios meses para lograr un escano no Parlamento CC-BY-SA Xunta

En vez de Ovidio Rodeiro a da Coruña será agora para o deputado do PP Gonzalo Trenor; a de Lugo que ocupaba José Manuel Balseiro será para Javier Arias Fouz, que ata agora era xefe territorial da Consellería de Infraestruturas; a de Ourense que ocupaba Marisol Díaz Mouteira é para Gabriel Alén Castro, ex-alcalde de Cenlle e tamén deputado; a de Pontevedra que ocupaba José Manuel Cores Tourís vai para María Luisa Piñeiro Arcos, ata agora alcaldesa de Moraña; e na de Vigo, pola que durante os gobernos de Feijóo pasaron xa catro persoas sen lograr facer sombra ao alcalde, ve como Corina Porro é substituída pola ata agora directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias.

O novo cargo de Fernández-Tapias fai que a dirección xeral de Administracion Local pase a Natalia Prieto Viso, que ata agora era directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa. Á súa vez nesa última dirección xeral é agora recolocado Jesús Oitavén, cesado a pasada semana como secretario xeral de Educación.

O Consello deste xoves tamén decidiu cambios na Consellería do Medio Rural, na que cesa Miguel Ángel Pérez Dubois como director xeral de Desenvolvemento Rural substituído por Inés Santé Riveira, ata agora profesora de enxeñaría forestal na USC. Igualmente cesa Manuel Rodríguez Vázquez como director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) substituído por José Luis Cabarcos Corral, ata agora director en Galicia da Asociación para o Progreso da Dirección.

Por último, é nomeada secretaria xeral técnica da Consellería do Mar Silvia Cortiñas Fernández, ata agora vicesecretaria xeral de Medio Rural, en substitución de María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade. Todos estes cambios en Medio Rural non afectan ao director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, o máximo responsable da loita e a prevención fronte aos incendios forestais e un dos poucos altos cargos que permanecen no seu mesmo posto desde o primeiro goberno de Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.