Os cambios no Goberno galego en función dos intereses electorais do PP veñen sendo constantes e rexistrándose en calquera momento dos últimos mandatos
A arenga ante os altos cargos do seu goberno coa que este xoves Feijóo tentou retomar a iniciativa política tras as recentes e históricas derrotas electorais do PP incluíu en varias ocasións gabanzas do presidente da Xunta ao seu “goberno estable” e “con experiencia” fronte a outras administracións. Foi na práctica un mitin con medios de comunicación presentes para os conselleiros, secretarios e directores xerais sentados ante el, dos que só 13 dos 66 actuais se manteñen nos seus cargos desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta.
Os cambios no “goberno estable” de Feijóo veñen sendo habituais nos seus tres mandatos, e non só en cada unha das tres investiduras do presidente. A composición da Xunta neste tempo foi cambiando tamén en función das necesidades do PP tanto en Galicia como en Madrid, dando saída ou entrada a membros do PP que intentaron facerse con outras administracións ou que viñan de quedar sen cargos tras perder outras eleccións.
Dos once conselleiros actuais só dous, Alfonso Rueda e Rosa Quintana, estaban no primeiro Goberno de Feijóo, do que só se manteñen tamén 11 dos 55 secretarios e directores xerais actuais
Dos once conselleiros actuais, só dous estaban no primeiro Goberno nomeado por Feijóo en 2009: o agora vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que neste tempo foi cambiando de competencias.
No segundo nivel, o dos secretarios e directores xerais, só 11 dos 55 altos cargos actuais comezaron en 2009: o director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal; o director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Porén, en varios casos as súas competencias ou rango variou neste tempo.