Tras dúas históricas derrotas electorais consecutivas do PP galego, o presidente convoca aos medios de comunicación a unha arenga pública aos seus altos cargos sobre os obxectivos da Xunta para a próxima década
Dous meses despois de perder o PP por primeira vez na historia unhas eleccións en Galicia, nas xerais, e un mes despois de facelo por segunda vez, nas europeas, Feijóo escenificou este xoves o seu intento de retomar a iniciativa política. Paradoxalmente, fíxoo substituíndo a reunión semanal executiva do seu Goberno de todos os xoves por unha arenga pública aos seus altos cargos (conselleiros, secretarios e directores xerais). Un acto ao que convocou aos medios de comunicación e co que na práctica lanzou a longa precampaña das eleccións galegas que el mesmo pode convocar en calquera momento antes de setembro do próximo ano.
Feijóo xa organizara un acto propagandístico similar cos altos cargos do seu Goberno aos 100 días da súa terceira toma de posesión como presidente da Xunta, o 24 de febreiro de 2017. O deste xoves converteuse na práctica nun mitin para os seus, que o recibiron e despediron entre aplausos. Un discurso dunha hora de duración ante os medios de comunicación seguido despois dunha reunión a porta pechada con intervencións de cada conselleiro.
Feijóo volveu presentarse como exemplo de estabilidade fronte aos populismos só catro días despois de facer alcalde de Ourense a Jácome
O presidente galego presentou o seu executivo como un goberno “unido” e “estable” fronte á “incerteza do mapa político xeral que abrangue a España” e xustificou o momento do acto deste xoves tras “procesos electorais que romperon o ritmo de todas as administracións públicas”. “Ante este descrédito crecente da política”, dixo, “aquí vai haber unha reacción e unha resposta” xa que, engadiu, “en Galicia hai Constitución e Estatuto”. Feijóo mesmo chegou a criticar os populismos apenas catro días despois de facer alcalde de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome para que Baltar manteña a Deputación.
Na súa intervención, Feijóo quixo esbozar os obxectivos de Galicia non para o ano e medio que como máximo queda de lexislatura senón para a próxima década, cos Xacobeos de 2021 e 2027 como principais fitos e que resumiu constantemente co lema “Galicia Calidade”. Entre esas “prioridades para o tempo que chegará despois da lexislatura” Feijóo enumerou o seu desexo de “unha Galicia familiar, moza, innovadora e verde”, eidos nos que foi debullando o feito ata agora e os retos pendentes, que non considera partidistas ou persoais senón que atribúe a toda Galicia. Entre eles, Feijóo volveu anunciar este xoves, un día despois de coñecerse que Galicia é o territorio no que máis diminúen os nacementos, que acadan un novo mínimo histórico, unha lei de dinamización demográfica, longamente prometida pero aínda non concretada.
A arenga de Feijóo chega no terzo final dunha lexislatura que se lle foi complicando progresivamente non só polas recentes derrotas electorais senón tamén polo parón no funcionamento da Administración galega
A arenga de Feijóo chega no terzo final dunha lexislatura que se lle foi complicando progresivamente non só polas recentes derrotas electorais. Sen ter en conta as crises do partido en Vigo ou mesmo en Ourense, neste terceiro mandato de Feijóo o Goberno galego viu rebaixada a súa produción lexislativa ao nivel de Catalunya, sumida hai tempo nunha permanente crise institucional. A Xunta foi reiteradamente incapaz de cumprir as súas propias previsións normativas, con só 5 das 11 leis prometidas para 2017 e unha das 12 anunciadas para 2018.
“Non fomos quen de cumprir o calendario normativo e espero que eses atrasos se poidan recuperar ao longo deste 2019”, chegou a recoñecer Feijóo en xaneiro, antes de admitir que agora deixará de facer públicas esas previsións que non era quen de cumprir malia a súa maioría absoluta. A excepción galega nese ámbito deixou de ser tal tras o 26M, con maiorías absolutas tamén noutras autonomías gobernadas polo PSOE, pero aínda así Feijóo volveu gabar este xoves a estabilidade da Xunta fronte a outras comunidades que non constituíron os seus gobernos malia que non se cumpriron aínda os prazos para facelo.
A arenga pública de Feijóo aos seus para retomar a iniciativa política chega dez días despois de que un PSdeG crecido tras as súas vitorias electorais criticase esa situación e a cualificase como de “atonía lexislativa”, estendéndoa tamén á “parálise dos nomeamentos necesarios para impulsar Galicia”. Nese eido dos nomes e os cargos, son varios os postos baleiros, en situación de interinidade ou pendentes de renovación que dependen da iniciativa da Xunta ou da maioría do PP no Parlamento de Galicia, malia que en ocasións Feijóo se desmarque deses últimos casos atribuíndo a responsabilidade aos parlamentarios como se el mesmo non fose o presidente do grupo popular. Nesa situación están, entre outros, a dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta, a presidencia do Consello Económico e Social (nos dous casos como consecuencia de destinar aos seus anteriores responsables a intentar resolver a crise interna do PP en Vigo), a dirección da CRTVG, ou a Valedora do Pobo.
Porén, a situación deses cargos persoais quedou tapada durante parte da lexislatura polo debate sobre outro futuro persoal: o do propio Feijóo e a súa posible marcha a Madrid, que quedou supostamente resolto en xuño do pasado ano coa súa renuncia a competir polo liderado do PP estatal. Aquela decisión desatou a euforia entre os seus, convencidos de que iso garantía éxitos no futuro inmediato para o PP en Galicia. As dúas últimas convocatorias electorais veñen de rebaixar aquela ledicia.