Tras a dimisión da candidata Elena Muñoz ao obter só 4 edís, a dirección dos populares impuxo como novo portavoz na oposición ao número 20 da candidatura
Ir nos últimos postos dunha lista electoral municipal deixou de ser algo simbólico en Galicia en 2014, cando o daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, acabou sendo alcalde de Santiago malia ocupar o último lugar na lista do PP, o 25, nos comicios de tres anos antes. Se daquela foron varias condenas por prevaricación -despois revogadas- as que forzaron a renovación da maioría da lista popular en Compostela, este sábado foi a ampla vitoria do socialista Abel Caballero nas pasadas municipais, con 20 concelleiros fronte a só 4 do PP, a que vén de levar por diante a boa parte dos candidatos desa última formación ata o punto de que o seu novo portavoz municipal será un ata agora pouco coñecido director xeral da Xunta que ocupaba o número 20 da lista, o que obrigou a que 16 persoas que estaban por diante súa renunciasen a tomar posesión do cargo.
A maioría absoluta obtida por Caballero o 26M, co 67% dos votos, foi a máis ampla das principais cidades españolas, só superada previamente en media ducia de ocasións en urbes de certa entidade, principalmente nos comicios locais de 1983 no coñecido como cinto vermello do sur de Madrid e Andalucía, históricos bastións do PSOE. Tan ampla que nunha corporación de 27 concelleiros como a de Vigo ir no posto 20 na lista de Caballero implicou saír elixido edil mentres que o mesmo posto na lista do PP evidencia o desastre sofrido polos populares.
Este sábado, na súa cuarta investidura como alcalde, o que o converte no rexedor máis lonxevo da cidade cando menos do último século, o propio Caballero foi o encargado, como edil de máis idadde, de presidir o pleno de constitución e de proclamarse rexedor a si mesmo por "maioría absolutísima". O socialista presentou Vigo como “modelo” de cidade para toda España polo número de obras en marcha nela, reiterou as súas habituais críticas á Xunta e a Feijóo e rematou o seu discurso cun “Viva Vigo”.
Fronte a Caballero a oposición non a encabezou xa neste primeiro pleno constitutivo do mandato a cabeza de lista do PP tanto nas pasadas eleccións como nas de 2015, Elena Muñoz, ex-conselleira de Facenda. Tras empeorar por segunda vez os resultados populares, a aposta persoal de Feijóo para enfrontarse a Caballero na que considera a súa cidade dimitiu unha semana despois dos comicios.
Este sábado non tomaron posesión dos postos de concelleiro os números 1 a 4 da lista que se presentou ás eleccións o 26M, os catro postos correspondentes ao resultado das urnas, senón os números 4, 11, 18 e 20
O novo fracaso electoral levou a Feijóo a entregar o control da agrupación local do PP a unha xestora presidida pola ex-alcaldesa Corina Porro, que á súa vez fora recolocada en 2011 polo propio Feijóo no Consello Económico e Social. Porro asegura que a súa volta á política viguesa será só para reconstruír o partido e que non aspira a volver ao Concello, pero o primeiro paso nesa reconstrución foi unha renovación case total do grupo municipal. Concretouse en que este sábado non tomaron posesión dos postos de concelleiro os números 1 a 4 da lista que se presentou ás eleccións o 26M, os catro postos correspondentes ao resultado das urnas, senón os números 4, 11, 18 e 20, persoas de confianza da dirección do partido afastadas do feito ata agora polo anterior equipo. Para iso, polo medio tiveron que renunciar a tomar posesión do posto e deixar correr a lista un total de 16 membros da candidatura.
Nos últimos números da lista o PP incluíra a varios altos cargos autonómicos de xeito simbólico para dar peso político á candidatura local. O 20 era o ata agora pouco mediático director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, secretario municipal de carreira, cuxa marcha deixa de momento vacante o seu posto no Goberno galego. Como lle sucedeu en Santiago ao daquela conselleiro Hernández hai cinco anos, a situación interna do PP vén de cambiarlle a vida a outro alto cargo de Feijóo que agora é elixido para encabezar a oposición a Caballero.
“A oposición saberá se a súa debilidade empeora o control democrático; elíxea o cidadán, non eu”, dixo Caballero na campaña electoral
Unha oposición cuxa debilidade e o efecto que iso pode ter no control democrático do goberno local non é algo que preocupe a Caballero. “Iso saberano eles. A oposición elíxena os cidadáns, non a elixo eu”, dixo o rexedor na campaña nunha entrevista con este diario na que tamén se amosou despreocupado pola viralidade dalgunhas das súas intervencións públicas.
Na súa dilatada traxectoria pública, Caballero, doutor en Económicas, foi ministro de Transportes e Turismo con 38 anos, entre 1985 e 1988, con Felipe González -no seu actual equipo conta como número 3 con outra ex-ministra, Elena Espinosa, titular de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente nos gobernos de Zapatero-. Logo de presentarse sen éxito en 1997 á presidencia da Xunta contra Manuel Fraga e ser superado tamén polo BNG, Caballero retirouse uns anos da primeira liña política á súa praza na Universidade de Vigo.
En 2005, co PSOE no Goberno central e na Xunta, volveu para ser nomeado presidente do Porto de Vigo, posto desde o que arrebatou en 2007 en minoría a alcaldía que ata daquela ocupaba quen agora vén de ser elixida para presidir a xestora dos populares, Corina Porro. Nos comicios sucesivos Caballero foi gañando apoios ata que a súa ampla maioría absoluta de hai catro anos o levou tamén a presidir a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), cargo que lle gustaría seguir ocupando se así o decide o seu partido. Aos seus 72 anos o socialista chanceou en campaña con seguir sendo rexedor de Vigo “uns 25 anos máis”.