Boa racha xudicial para os antigos membros do goberno do Concello de Santiago formado en 2011 por Gerardo Conde Roa. Vinte e catro horas despois de que a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza impulsase a fin da investigación á deputada e ex concelleira Paula Prado por, entre outros feitos, o presunto "inchado" dunha factura en beneficio dun empresario tamén imputado no caso Pokémon, a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Compostela, vén de ditar a sentenza pola que revoga a condena a nove anos de inhabilitación por prevaricación imposta a sete edís do goberno local, a metade máis un dos seus membros, por aprobar o pagamento da defensa xurídica doutro edil, imputado na Pokémon, sen atender aos requisitos legais. Aquel ditame foi o detonante para a descomposición definitiva do goberno e chegada ao concello do actual alcalde, Agustín Hernández.
Os feitos remóntase ao 30 de maio de 2013 cando, nunha Xunta de Goberno local na que non participou quen daquela era rexedor, Ángel Currás, os sete edís agora absoltos aprobaron que o Concello asumise os gastos do avogado do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, investigado na Pokémon por presuntos delitos de tráfico de influencias, suborno e falsidade documental. "A referida imputación -admite o relator desta sentenza, Ángel Pantín Reigada- tivo unha transcendencia social notoria" e "era coñecida polos acusados".
Os edís aprobaron pagar con fondos públicos o avogado do edil de Deportes, imputado na Pokémon, que só renunciou ao pagamento cando saíu á luz a través da prensa
Sobre a mesa da Xunta de Goberno estaba a solicitude redactada por Varela, na que pedía que se lle pagase o avogado ao estar citado, dicía, "por accións desenvolvidas no desempeño do seu cargo". A súa petición non era dunha asistencia xurídica xenérica, senón que se lle sufragasen os honorarios do avogado que el mesmo designara, o ex decano dos xuíces de Santiago Javier Míguez Poza. Só renunciou ao pagamento cando este saíu á luz a través dunha nova no diario El País.
Os concelleiros, defendidos neste proceso por quen tamén foi avogado defensor do considerado número dous da trama Gürtel, Pablo Crespo, dispoñían tamén dun informe ao respecto elaborado polo secretario municipal. O informe do secretario, redactado con posterioridade á propia solicitude de Adrián Varela, indicaba que sería legal que o consistorio asumise o gasto se este non ía contra o interese xeral da institución "sempre que se desen" tres "requisitos": Que a inculpación fose por un acto derivado do exercicio do cargo, que non implicase "abuso, exceso, desviación de poder ou converxencia con intereses particulares" e que "se declare a inexistencia de responsabilidade criminal", isto é, que fose exculpado. Con este pano de fondo os edís aprobaron "asumir os gastos de representación e defensa procesual do concelleiro delegado de Deportes nos termos que figuran na proposta" que o propio Varela formulara.
A Audiencia considera que o acordo foi "tecnicamente deficiente ou contraditorio coa precisión esixible" pero non ve "base suficiente" para consideralo "clamorosamente ilegal"
Malia considerar que a acusación da Fiscalía na que se baseou a condena inicial "contaba con base suficiente" a Audiencia considera que "non pode" considerarse "probado" que "os acusados conscientemente pretendesen afastarse na súa decisión das conclusións do informe xurídicico e, en particular, que quixesen excluír a observancia dos condicionamentos para o recoñecemento que no informe se expresaban". O xuíz admite que é "indiscutible" que o acordo tomado "non incorpora expresamente" os requisitos que habería que cumprir para efectuar o pagamento, pero entende que se remite a eles. O texto en cuestión tamén se remite á proposta de Adrián Varela, redactada antes que o propio informe. Pero, resalta, o ex concelleiro de deportes "verbalmente sabía antes da redacción" que o secretario "mantiña un criterio favorable", porque o falara con el de maneira "informal".
Así as cousas, a Audiencia considera que "o teor literal do acordo poderá ser, e probablemente é (...), tecnicamente deficiente ou contraditorio coa precisión esixible para o recoñecemento de obrigas a cargo de fondos públicos". No entanto, coida que non hai "base suficiente" para considerar que ignoraron a lei á mantenta e que, polo tanto, tomaron un acordo "clamorosamente ilegal" conscientes de que o estaban facendo. Para tomar esta decisión, di a sentenza, resulta "determinante a declaración do secretario do Concello", nomeado tras a chegada de Conde Roa ao poder e cuxa designación foi, precisamente, anulada a pasada semana polo TSXG.
Unha crise institucional sen precedentes
A inhabilitación dos sete edís provocou que Feijóo forzase a dimisión de Currás e a chegada de Hernández como terceiro alcalde do mandato
Tras a condena a inhabilitación agora revogada, que tivo que ser aplicada inmediatamente en virtude da lei de partidos, o Concello compostelán ficou sumido nunha crise institucional sen precedentes. A obrigada marcha dos condenados sumada á dimisión días atrás de Adrián Varela e tamén á da concelleira Rebeca Domínguez, imputada tamén na Pokémon, deixou o equipo de goberno só co 30% dos seus membros. Este foi o escenario no que Alberto Núñez Feijóo deu en provocar a dimisión do segundo alcalde do mandato, Ángel Currás, investigado como os seus compañeiros no caso Pokémon, para colocar no seu lugar ao ata ese momento conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, que nas eleccións de 2011 ocupara simbólicamente o derradeiro posto da lista de Conde Roa.
A comezos de xullo Hernández tomou posesión como terceiro alcalde da capital galega en tres anos entre proclamas de normalidade. Dadas a sucesión de inhabilitacións, dimisións e renuncias Hernández conformou un gabinete composto na súa maioría por persoas non electas, ata o punto de que na actualidade só senta na bancada do goberno unha das edís inicialmente elixidas en 2011, a responsable de Turismo, Reyes Leis.