Un edil admite que un construtor "puxo cartos" para a campaña do PP de Santiago

Acto de campaña de Conde Roa con Rajoy e Feijóo © PPdeG

"Como queira prescindir de ti voulle lembrar (...) que vai haber xente que lle vai ir pedir 40.000 ou 45.000 euros, xente que puxo cartos na campaña electoral e que quere que ti sigas aí, para empezar... A ver como reacciona a iso!". Quen pronuncia estas verbas é o concelleiro de Deportes de Santiago, Adrián Varela. Faino nunha conversa telefónica con Ángel Espadas, antigo xefe de gabinete do ex alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, xusto despois de que o rexedor se vise obrigado a dimitir pola súa fraude fiscal. Esa gravación é un dos indicios que leva os investigadores a sospeitar dun "posible financiamento irregular de partidos" na capital galega, a mesma na que a xuíza Pilar de Lara quixo abondar durante o interrogatorio a, entre outros, o propio Adrián Varela, quen sen entrar se esas achegas eran ou non irregulares, si confirma que existiron.

Varela asegurou que a Currás lle ían ir reclamar "40 ou 45.000 euros" da campaña

Nese interrogatorio, integrado na parte do sumario sobre a que xa non pesa o segredo e ao que tivo acceso Praza Pública, De Lara cuestiona a Varela polos seus irados comentarios en torno aos "40 ou 45.000 euros" dos que lle ía falar ao novo alcalde, Ángel Currás, con quen o edil de Deportes non ten unha relación especialmente fluída. Ese, explícalle o concelleiro á xuíza, foi un "comentario" realizado nun momento no que se atopaba "un pouco disgustado" con Currás e faino porque, aínda que "eu non era o tesoureiro do partido" nin "tiña ningún cargo" nel, "sóame que un empresario da construción puxera algo de cartos" na organización conservadora.

"Sóame que un empresario da construción puxera algo de cartos"

"Que empresario?", pregunta De Lara. "Antonio Ramos", responde Varela, confirmando acto seguido que se trata do responsable da empresa CPS, unha construtora que traballa con relativa frecuencia co Concello, tanto na etapa do Goberno bipartito como no actual. Segundo a mesma declaración, Varela obtivo a información das achegas a través "dalgunha conversa, pode ser que con Ángel Espadas", e mesmo deixa caer que podería non ser o único construtor que financiou o partido. "Eu non sei se o fixeron en concepto de doazón, con arranxo á lei de financiamento dos partidos ou non", aclara".

"Non sei se fai unha doazón ao partido ou en concepto de que"

Pero, a que se debe a advertencia a Currás? Nun por veces dubitativo Adrián Varela explícalle á instrutora do caso que "moitos empresarios veñen chorando" porque o Concello non lles "dá" contratos de obras e un deles, cabe deducir, sería o doador de fondos ao partido: "sóame que na campaña puxera cartos", reitera, pero "non sei se fai unha doazón ao partido ou en concepto de que". É posible que fose o propio Conde Roa quen "canalizaba" estas axudas? "Isto non o sei" pero "imaxínoo", retruca o edil, quen asegura seguir un principio segundo o cal "se non o ven os meus ollos eu non o podo asegurar. "Eu non vin ningunha transacción de cartos, non vin como se lle entregaban cartos ao señor Conde Roa nin a Ángel Espadas.

A xuíza pregunta se algunha achega puido ser anotada como crédito para Conde Roa

Neste contexto a xuíza segue a tirar do fío e quere saber se é posible que as "axudas" do construtor á campaña electoral do PP fosen realizadas "simulando contratos de préstamo" da construtora ao ex alcalde, créditos que figuran nos libros contables da empresa por importe de 60.000 euros.. "Cartos a Gerardo? Se lle daba cartos a Gerardo, saberao Gerardo", reiterou o edil ante a xuíza. A el só lle "soa" que o devandito construtor achegara diñeiro, tal e como reflectiu nesa conversa na que tamén auguraba que ao  novo alcalde "lle ía chegar a merda ao pescozo". Neste caso, respóndelle a De Lara, díxoo porque pola cidade xa "circulaba o tema dos currículos da escola de Salgueiriños".

Acto de campaña de Conde Roa con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.