Feijóo atribúelle ao PP a dimisión dos edís de Santiago, obrigada pola lei

Currás, este xoves nunha recepción a representantes dun concello bretón © Concello de Santiago

O pasado martes os edís de Santiago condenados por prevaricación, a metade máis un dos 13 membros do goberno local, comparecían ante a prensa a xeito de despedida. A través da ata ese momento voceira do Concello, María Pardo, explicaban que marchaban "por imperativo legal" malia á súa "impepinable disconformidade" co ditame xudicial, que se dispuñan a recorrer ante a Audiencia Provincial. A súa dimisión inmediata só tiña unha razón e esta atópase nunha reforma legal do ano 2011 que, para desenvolver a Lei de Partidos aprobada en tempos de Aznar, converteu en "inelixibles" ás persoas condenadas "por sentenza, aínda que non sexa firme" por delitos contra a Administración pública cando nestas sentenzas se establecese "a pena de inhabilitación". Este xoves Alberto Núñez Feijóo tentou obviar este marco legal para atribuír as dimisións a unha decisión do seu partido en clave de responsabilidades políticas.

Acabado de chegar do Xapón, Feijóo presidiu a reunión semanal do Consello da Xunta e, tras a mesma, tivo que facer fronte a toda unha vaga de preguntas a respecto da crise institucional en Compostela mentres que non tivo que responder nin unha soa sobre o abordado na reunión gobernamental, centrada en asuntos de trámite e en informes. Os xornalistas insistiron en saber se o presidente da Xunta e do PP apoia a continuidade do atribulado alcalde e non o conseguiu, pero si obtivo unha explicación segundo a cal "tendo unha sentenza condenatoria no primeiro tramo de Xustiza nos parecía oportuno, de forma inmediata, proceder á dimisión irrevogable de todos eses concelleiros" e "foi o que fixemos". "Esa é a decisión que corresponde", e "era o compromiso do partido", abonda, obviando que neste caso a vontade política é irrelevante porque a lei non ofrece ningunha outra posibilidade.

Feijóo salienta que os edís marcharon polo "compromiso do partido"

Con esta explicación o líder da dereita en Galicia tentaba reforzar a cerna do seu argumentario: evitar o apoio explícito a Ángel Currás pero procurar facer ver que a de Santiago non é a peor situación posible". "O plan en Santiago témolo descrito, estaba claro" e pasa por unha "nova etapa" na que "ten que quedar garantido o goberno, o orzamento, a execución ordinaria do orzamento, a política municipal e unha maioría para gobernar". A "prioridade", segundo Feijóo, é "non caer na situación do Concello de Lugo ou de Ourense", onde os seus alcaldes, do PSdeG, están en minoría e imputados. No caso do lucense Xosé López Orozco a imputación é no caso Pokémon, o mesmo que Currás.

Feijóo négalle o "futuro" político a Currás pero di que "lle corresponde a decisión" de dimitir ou non

Neste contexto Feijóo deslígase da continuidade de Currás porque é a el quen "lle corresponde tomar calquera tipo de decisión", aínda que tamén lle nega "futuro" político. Ante as reiteradas preguntas sobre Santiago e visiblemente molesto el "simplemente recorda" que "hai alcaldes da cidade de Lugo e da cidade de Ourense, varias veces imputados, con membros das corporacións tamén imputados que levan durante anos proclamando a súa inocencia e tomando as decisións de continuar no cargo de forma evidente, dado que continúan e seguen continuiando dende que se coñece a súa imputación", afirma, obviando por exemplo as imputacións e investigacións que tamén pesan sobre o Concello da Coruña, do PP.

Currás, avocado a unha Xunta de Goberno minúscula

Mentres Feijóo se desentende do seu futuro o rexedor compostelán continúa inmerso nas fichaxes para tentar cubrir as nove vacantes do seu equipo de goberno con persoas non elixidas nas eleccións municipais, potestade que lle outorga outra norma que desenvolveu a Lei de Partidos en 2003. Así, e segundo foi transcendendo a través de El Correo Gallego, Currás está configurando un equipo de perfís dispares, no que tanto se inclúe un ex árbitro de fútbol que xa foi concelleiro do PP na Coruña, Raúl García de Loza, como un ex alto cargo da Xunta de Fraga, unha xefa de servizo do Concello, unha integrante das Novas Xeracións dos populares ou a ex decana de Económicas da USC, Maite Cancelo.

Xa transcenderon 'fichaxes' como un ex árbitro e antigo edil do PP na Coruña ou a ex decana de Económicas da USC

Se estes nomes se confirman na súa totalidade serían xa seis os integrantes do goberno local que non pasaron polas urnas, o que avoca a Currás a xestionar o Concello cunha Xunta de Goberno minúscula. A lei de medidas para a modernización do goberno local do ano 2003, que dotou este órgano de amplos poderes, permitía que o alcalde nomease como membros desta Xunta "persoas que non ostenten a condición de concelleiros, sempre que o seu número non supere un terzo dos seus membros, excluído o alcalde". Isto foi así ata que en 2013 o Tribunal Constitucional lle deu a razón ao Parlament de Catalunya nun recurso de inconstitucionalidade interposto contra esta normativa.

O TC declarou inconstitucional que participen na Xunta de Goberno os edís non electos

Aludindo á esixencia constitucional de que "concelleiros e alcaldes sexan elixidos democraticamente" como "manifestación do dereito fundamental de participación nos asuntos públicos" o TC declarou "nulo e inconstitucional" este treito do artigo 126 da lei, polo que a Xunta de Goberno local só pode estar composta por persoas elixidas nas urnas. Isto, no caso de Santiago, implica que só poden compoñer este órgano o propio Currás, a súa tenente de alcalde e os outros dous edís que actualmente forman parte do goberno local. O número de membros da Xunta só medrará se o Alcalde consegue incorporar alguén que fose nas listas electorais do PP santiagués en 2011.

Feijóo, este xoves tras o Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.