Tras non conseguir a alcaldía en 2011, a ex-rexedora viguesa foi recolocada cun polémico nomeamento no CES, que agora deixa para intentar reconstruír o partido logo doutro fracaso electoral
Hai oito anos, tras as eleccións municipais de 2011 nas que non foi quen de recuperar a alcaldía de Vigo, a popular Corina Porro (Ferrol, 1953) foi recolocada por Feijóo en Santiago como presidenta do Consello Económico e Social (CES), o principal órgano consultivo de Galicia, cun soldo de 69.000 euros anuais máis trienios, superior ao dos conselleiros. Agora Porro é a elixida por Feijóo para facerse cargo da xestora que rexerá o descomposto PP de Vigo tras o novo fracaso das pasadas eleccións municipais. Un camiño de volta que deixa descabezado un CES que debera ser representativo do conxunto da sociedade galega pero cuxos dous últimos presidentes foron nomeados con polémica por ser destacados membros do PP de Vigo.
Corina Porro, conselleira con Manuel Fraga, foi alcaldesa de Vigo entre decembro de 2003, tras unha moción de censura contra o socialista Ventura Pérez Mariño avalada polo BNG, e as eleccións municipais de 2007, cando a alcaldía pasou en minoría a mans de Abel Caballero. Volveu ser a candidata en 2011, pero tras obter resultados similares deixou a política local e Feijóo nomeouna presidenta do CES, o “foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia” no que están presentes empresarios, sindicatos, universidades ou confrarías cunha notable falta de paridade.
Antes de Porro a presidencia do CES fora entrega en 2004 por Fraga a Pablo Egerique, que fora deputado autonómico do PP, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo durante os gobernos de Aznar e presidente do PP de Vigo
A súa presidencia é incompatible de xeito expreso con postos de representación política así como, de forma xenérica e ambigua, “co exercicio de calquera cargo ou actividade que impida ou menoscabe o desempeño das funcións que lle son propias”, o que agora leva a Porro, tras consultar con varios membros do CES, a poñer o seu cargo a disposición de Feijóo para “evitar calquera tipo de malentendido que puidera afectar ao seu funcionamento” como “órgano independente”. Pero a limitación que impón a presidencia do CES non impediu que os seus dous últimos titulares fosen destacados membros do PP de Vigo.
Antes de Porro -alcaldesa, senadora, deputada autonómica, conselleira e presidenta do Porto de Vigo- a presidencia do CES, ocupada tras a súa creación en 1996 polo catedrático Luis Suárez-Llanos Gómez, fora entrega en 2004 por Manuel Fraga a Pablo Egerique, que fora deputado autonómico do PP, delegado do Estado na Zona Franca de Vigo durante os gobernos de Aznar e presidente do PP de Vigo, cargo ese último no que a súa sucesora foi Porro. Unha filla súa, Teresa Egerique, é hoxe deputada autonómica do PP. Cando Porro substituíu a Egerique tamén no CES o seu nomeamento foi mal visto non só fóra do PP polo seu marcado perfil partidista senón mesmo dentro desa formación lonxe de Vigo por entender que Feijóo estaba a premiar novamente aos populares desa cidade.
Agora Porro volve a Vigo asegurando que non o fai para volver á política local senón só para intentar recompoñer un PP dividido que tras a súa marcha foi pasando por varias mans. Tras o seu fracaso electoral de 2011 a presidencia local foi asumida polo seu histórico número 2, Chema Figueroa, ata 2016, cando pasou a mans da candidata imposta por Feijóo en 2015 e nas últimas eleccións, a súa ex-conselleira Elena Muñoz. Nese congreso de hai tres anos a división no partido quedou patente co resultado de 420 votos a favor de Muñoz por 320 para o seu contendente e tamén ex-conselleiro Javier Guerra, que posteriormente coquetearía con Ciudadanos. Agora a súa recomposición queda nas mans de Porro, de quen varios destacados populares vigueses salientan a súa capacidade de trato tanto cos paisanos do amplo rural da cidade como coas elites do centro.