Empresarios, universidades ou sindicatos manteñen a falta de paridade do Consello Económico e Social (CES)
O Consello Económico e Social (CES) de Galicia é o “foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta de Galicia”, segundo se define. A súa presidenta, designada pola Xunta, é a ex-conselleira e ex-alcaldesa de Vigo polo PP Corina Porro, pero malia ser o principal órgano consultivo sobre a sociedade galega, o seu pleno está composto maioritariamente por homes, 25, fronte a só 8 mulleres. Un reparto que non é responsabilidade do CES como tal senón das organizacións que forman parte del que designan libremente os seus representantes, principalmente do empresariado, pero tamén das universidades, sindicatos e confrarías.
O pasado luns o CES presentou un informe sobre a importancia de mellorar as infraestruturas ferroviarias de mercadorías en Galicia e o seu pleno posou para unha foto de familia co presidente do Parlamento, o vicepresidente da Xunta e a Valedora do Pobo. Na imaxe, con máis de 40 persoas, só hai oito mulleres ademais da presidenta do CES e da Valedora. E esa cifra é a de mulleres actualmente presentes no pleno dese organismo.
O pleno do CES está formado, ademais de pola presidenta e o secretario xeral, por tres grupos de representantes, ata o total de 33 membros: 11 representando aos sindicatos, 11 á Confederación de Empresarios de Galicia e 11 por universidades, consumidores e organizacións do mundo rural e marítimo. É cada organización a que designa os seus propios membros, en moitos casos replicando a paridade, ou falta dela, existente dentro dos órganos directivos de cada entidade. E malia que a composición do CES muda varias veces ao ano polos propios cambios producidos en cada unha das organizacións presentes nel, a paridade, como en todas as súas composicións desde a súa creación en 1995, segue estando lonxe.
Dos 11 representantes da Confederación de Empresarios de Galicia no CES, só unha é muller
Dos grupos que compoñen o pleno, o menos paritario vén sendo o dos representantes do mundo empresarial, con só unha muller fronte a dez homes na composición actual. O seguinte menos paritario é o que agrupa ás universidades (con tres representantes masculinos e ningunha muller, que si había na composición previa á renovación o ano pasado dos órganos directivos das universidades de Santiago e Vigo) e ás organizacións pesqueiras de baixura e altura (dous homes e ningunha muller). Nese mesmo grupo, si é paritaria a representación das organizacións rurais e dos consumidores e usuarios. Algo máis paritario, pero tamén descompensado con 5 mulleres fronte a 7 homes, é o grupo que agrupa aos sindicatos, dos que só UGT ten dúas mulleres e dous homes como representantes, mentres que CIG e CCOO priman igualmente aos homes.
Os cambios na composición do CES son constantes ao mudar as propias organizacións nel presentes, pero a paridade segue sen avanzar: no último ano as universidades perderon presenza feminina mentres que as organizacións agrarias gañárona
A medida que nos últimos anos todas esas organizacións foron renovándose internamente tamén foron variando os nomes dos e das súas representantes ante o CES. Pero os cambios canto á paridade veñen sendo menores entre os 33 membros titulares do pleno fronte aos e ás suplentes, onde entraron máis mulleres. Entre os titulares, por exemplo, no último ano as universidades perderon presenza feminina mentres que as organizacións agrarias gañárona ao desaparecer Xóvenes Agricultores, que só tiña homes, e ocupar os seus postos mulleres de Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego. Pola contra, malia rexistrar varios cambios nos últimos meses, os representantes dos empresarios mudaron homes por homes, e non por mulleres.
Fronte a esa situación dos membros titulares do pleno do CES, a actual composición dos suplentes rexistra 18 mulleres fronte a 15 homes, pero nela nin as sete mulleres fronte a catro homes dos empresarios conseguen reverter a falta de paridade total.