O movemento feminista e os sindicatos avanzan na organización da folga de mulleres do 8M

Mobilización en Vigo durante a folga feminista do 8M CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O movemento feminista leva meses traballando na organización dunha nova folga xeral de mulleres que lle dará continuidade á xornada histórica que se viviu o pasado ano. Un impulso, con encontros a nivel estatal, galego e tamén local e comarcal, que se acelerou nesta última semana, con xuntanzas en Cee, Carballo, Nigrán, Compostela, Barreiros, Cervo, San Cibrao, Vigo, Vilalba, A Coruña, Ferrol, Pontevedra ou Ourense, entre outros lugares. Esta semana están convocadas, ademais, asembleas en Viveiro (2 de febreiro), Ribadeo (5 de febreiro), Burela (8 de febreiro) e O Valadouro (9 de febreiro), entre outras localidades.

Na última semana o movemento feminista levou a cabo asembleas en cidades e vilas de toda Galicia

Será de novo unha folga laboral, estudantil, de coidados e de consumo. Valencia acolleu a pasada fin de semana o V Encontro Feminista Estatal, que reuniu a 500 mulleres chegadas de todos os territorios e que serviu para avanzar na coordinación. A multiplicación nos últimos días das asembleas comarcais, impulsadas por entidades locais, é unha mostra dun paso adiante na organización do movemento e da convocatoria.

Ao igual que sucedeu o pasado ano, para a convocatoria legal da folga xeral laboral era necesaria a participación dalgún sindicato. En Galicia, CIG, CGT, CNT, CUT, SLG e SF-Intersindical xa anunciaron o seu apoio a unha convocatoria de 24 horas. Mentres, CC.OO. e UGT anunciaron que volverán chamar a paros parciais (de 2 horas), ao igual que o ano pasado, aínda que deixaron a porta aberta a folgas de 24 horas en "sectores feminizados".

CUT, SLG e SF-Intersindical rexistraron este venres na Consellería de Traballo a convocatoria de folga xeral, "seguindo o mandato dos movementos feministas"

Precisamente CUT, SLG e SF-Intersindical rexistraron este venres na Consellería de Traballo a convocatoria de folga xeral, "seguindo o mandato dos movementos feministas". A novidade da convocatoria de folga deste ano radica en que, por primeira vez, diríxese exclusivamente a “todas as mulleres traballadoras de Galiza”, deixando a porta aberta ademais a que se sumen “todas aquelas persoas que estean sometidas ás diferentes violencias patricarcais como reacción ao seu xénero”.

A Secretaría das Mulleres da CUT iniciará nos días vindeiros unha campaña de mobilización desta folga que, baixo o lema “Todas con dereitos, ningunha con medo”, destacando que "se as mulleres paran, a vida para; así como visibilizar o poder das mulleres sobre o sistema e unilas en combate contra todas as violencias machistas e capitalistas”. O pasado ano Ana Viqueira, responsable da Secretaría das Mulleres da CUT salientaba que 8M supuña "un punto de inflexión no funcionamento dos sindicatos. Estamos a transformar a ferramenta da folga"

CUT, SLG e SF-Intersindical rexistraron este venres a convocatoria de folga xeral de mulleres © CUT

CIG, CGT e CNT

A CIG convocará este ano unha folga xeral de 24 horas

O pasado 20 de decembro o IV Encontro Nacional de Mulleres da CIG aprobou a convocatoria de folga de 24 horas. “Non imos permitir que fosen de farol o pasado 8M e que todas as promesas que fixeron nos días posteriores quedasen finalmente en nada”, sinalou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, coa que falamos o pasado ano nas semanas previas á folga.

"Intensificaremos o esforzo divulgativo nos centros de traballo, convocaremos asembleas nas empresas, informando e convencendo da necesidade de irmos á folga, mais tamén man a man coas asociacións e colectivos dos que formamos parte para lograr que o 8M supere en participación o anterior", sinala a central, que fixa o obxectivo primordial en que a folga "teña repercusións legais e sexamos quen de erradicar as discriminacións, o machismo e a violencia que temos que facer fronte dentro e fóra do ámbito laboral polo feito de sermos mulleres”. 

Ao igual que xa fixera o pasado ano, a CNT tamén anunciou a convocatoria da folga de 24 horas en todos os sectores "en resposta ao chamamento do movemento feminista". "As mulleres seguen enfrentándose día a día a unha sociedade capitalista e patriarcal que lles nega o dereito máis básico á non discriminación", sinala o sindicato, que enumera os motivos que o levan a apoiar a folga do movemento feminista: Convenios abusivos, falta de ferramentas eficaces para garanter o mesmo salario para desempeños de igual valor, enfermidades non recoñecidas propias do traballo en sectores feminizados, acoso e abuso sexual.

CC.OO. e UGT anunciaron que volverán chamar a paros parciais (de 2 horas), aínda que deixaron a porta aberta a folgas de 24 horas en "sectores feminizados"

Así mesmo, a CGT aprobou a pasada fin de semana a convocatoria da folga de 24 horas. O sindicato esixe a fin da desigualdade no ámbito laboral, a adopción de medidas que acaben coa fenda salarial e a desigualdade nas pensións, a erradicación do acoso e precariedad laboral e o desenvolvemento de políticas laborais e económicas que fagan efectivas a conciliación da vida persoal coa laboral. Así mesmo, subliña que traballará para evitar que os servizos mínimos sexan "abusivos". Cómpre lembrar que nos últimos meses a xustiza condenou en varias ocasións á Xunta de Galicia polos servizos mínimos "maliciosos" cos que vulnerou o dereito de folga o pasado 8 de marzo.

Manifestación feminista durante o pasado 8 de marzo CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.