- A elevada mobilización no 8M axudou a que moitas empresas garantisen o dereito a folga
- CRÓNICA: O feminismo fai historia nun 8M masivo en Galicia
- O éxito do 8M obriga o PPdeG a moderar o discurso tras atacar a folga feminista como "o máis machista que se pode facer"
Milleiros de mulleres galegas participaron este xoves na folga convocada polo movemento feminista. Unha folga laboral, de coidados, estudantil e de consumo que se notou nos centros de traballo e, sobre todo, nas rúas, con masivas manifestacións en todas as cidades e vilas que desbordaron mesmo as expectativas máis optimistas. Pedímoslle a María Montenegro (Marcha Mundial das Mulleres), Luísa Ocampo (Mulheres Nacionalistas Galegas) e Pilar Estévez (Plataforma Feminista Galega) unha valoración da mobilización deste 8 de marzo e tamén a súa opinión sobre os pasos necesarios para a consecución dos obxectivos e demandas postos sobre a mesa. Todas elas coinciden en cualificar de "éxito total" a folga e en destacar a necesidade de manter a mobilización e a unidade feminista.
"Todo o mundo entendeu as reivindicacións que estaban postas sobre a mesa. E persoas que nunca se achegaran ao feminismo agora o ven como algo clave"
"A manifestación do domingo pasado en Vigo fora xa un exitazo, pero nunca pensamos que os actos de onte ían ser tan multitudinarios como foron. Houbo 50 mil persoas en Vigo, pero mesmo en vilas máis pequenas a participación foi importantísima, por exemplo xuntando 3000 persoas en Burela", destaca María Montenegro (MMM). "Todo o mundo entendeu as reivindicacións que estaban postas sobre a mesa. E persoas que nunca se achegaran ao feminismo agora o ven como algo clave", di. "Foi moi emocionante", sinala Pilar Estévez (PFG). "Demostrouse, por se había algunha dúbida, que o feminismo non eramos catro tolas. Tiñamos moita razón e temos moita razón no que defendemos e isto é o que nos vai levar, teimudamente, a cambiar o mundo, para acadar unha sociedade mellor para todas", di. "Este 8 de marzo é xa un fito histórico que quedará na memoria colectivo de todas as mulleres deste país, unidas ás mulleres de todo o mundo. Fomos quen ser as protagonistas da nosa propia historia", conclúe.
"Este 8 de marzo é xa un fito histórico que quedará na memoria colectivo de todas as mulleres deste país. Fomos quen ser as protagonistas da nosa propia historia"
Estévez subliña que o éxito non foi casual e que é a consecuencia do traballo desenvolvido polo movemento feminista galego "durante meses". "Levamos meses impulsando esta folga xeral, facendo un chamamento a saír ás rúas, a poñer estes temas no centro do debate, a situar o problema da desigualdade nun papel protagonista", di. De igual xeito, Luísa Ocampo (MNG, integrada tamén na PFG), afirma que "o que sucedeu onte na Galiza foi un feito histórico que non só se amosou nas grandes manifestacións e no feito de que as mulleres estivemos nas rúas dende as primeiras horas da mañá, senón en todo o proceso que precedeu a esta mobilización". Ocampo fai fincapé no valor da "unidade", que se acadou "en todas as cidades agás na Coruña, no que foi un feito moi negativo", sinala. En todo caso, salienta que "conseguimos unir todas as vontades de diferentes organizacións feministas e traballar conxuntamente para que isto fose finalmente o éxito que foi. Abonda con ver as imaxes, a absoluta diversidade de mulleres que estabamos nas manifestacións, de todas as idades, de todos os sectores".
"Notábase nas rúas esa fraternidade, e ese desexo que tiñamos de estar vivas, de ser libres, combativas, rebeldes e de ser, sobre todo, felices"
"Notábase nas rúas esa fraternidade, e ese desexo que tiñamos de estar vivas, de ser libres, combativas, rebeldes e de ser, sobre todo, felices", di Ocampo. "Felices, porque conseguir o que se conseguiu onte custa moito". Ocampo destaca, ademais, a importancia da mobilización das mulleres xornalistas para o éxito das mobilizacións: "As mulleres xornalistas tiveron un papel moi destacado. Foi fundamental para que se vira reflectido nos medios de comunicación. Demostrouse que se os medios de comunicación apoian as loitas e, en concreto, a loita feminista, e ás mulleres lles chega a información, a resposta é inmensa".
E agora que? O mundo despois do 8 de marzo
"a folga de onte vai cambiar moitas cousas a nivel individual: as mulleres, as familias, todas as persoas que se achegaron ao movemento feminista estes días fixeron unha reflexión individual importante"
"Estamos aínda reflexionando e valorando o que pasou onte. Ímonos reunir para falar entre todas sobre o que temos que facer a partir de agora", sinala Montenegro, que en todo caso opina que "A cousa non pode quedar aí. Algo tan grande non pode quedar na nada". "Creo que a folga de onte vai cambiar moitas cousas a nivel individual: as mulleres, as familias, todas as persoas que se achegaron ao movemento feminista estes días fixeron unha reflexión individual importante. E estes cambios individuais van axudar a que socialmente cambien algunhas cousas", sinala.
"Isto non é unha perrencha dunhas horas que queda aí, queremos que se nos teña en conta. Estamos organizadas e estamos convencidas de que isto obriga a facer cambios estruturais. Temos que decidir que cambios imos demandar de maneira inmediata, cales a medio prazo e cales a longo prazo. Nós non queremos ser unha eterna oposición, queremos que as políticas se fagan dende o feminismo e que o sistema cambie. Sabemos que se pode facer, temos apoio e agora estas demandas teñen que ser escoitadas", subliña a representante da Marcha. "Os partidos e o propio Goberno vanse sumar a todo isto, porque lle van sacar rédito político. O noso papel como organizacións feministas é tentar canalizar esas actuacións", engade.
Pilar Estévez, pola súa banda, di que "temos claro que debemos incidir no ámbito político" e, neste senso, "traballar na forma en que este movemento se traduce en cambios concretos". "O movemento feminista debe estar vixilante, os representantes políticos están obrigados a plasmar en leis aquelas propostas ás que se están comprometendo publicamente", afirma.
"Sabemos o que é o PP. Sen unha mobilización constante, o PP non vai defender medidas as medidas que estamos esixindo. Só loitando todos os días imos conseguir cambios reais"
"Foi un éxito, pero isto ten que continuar", sinala Luísa Ocampo, que afirma que "se non sabemos seguir unidas e organizadas, isto non vai ter percorrido e pode quedar en nada". "Eu creo que, efectivamente, pode haber declaracións e anuncios de medidas que son apenas papel mollado, como xa foi o famoso Pacto de Estado, que naceu sen ningún tipo de apoio a nivel orzamentario ou de persoal. Diso estamos fartas", di. "Sabemos o que é o PP. Sen unha mobilización constante, o PP non vai defender medidas as medidas que estamos esixindo. Só loitando todos os días imos conseguir cambios reais", engade. "Pero eu confío plenamente en que isto vai seguir para adiante porque seguiremos así, unidas, valentes e organizadas", conclúe.
"Que as organizacións mixtas, políticas e sindicais, dean un paso para un lado e que recoñezan que o feminismo e as mulleres somos o suxeito activo desta revolución"
"Que pido a partir de agora? Que as organizacións mixtas, políticas e sindicais, dean un paso para un lado e que recoñezan que o feminismo e as mulleres somos o suxeito activo desta revolución. Só así amosarán que realmente están pola liberación das mulleres. Os protagonismos non son bos en ningunha loita, pero nas loita das mulleres son o peor que pode pasar. Entre nós entendémonos, entre as mulleres, entre o feminismo, o problema é cando median intereses partidarios que buscan votos e outros réditos", reflexiona Ocampo.