Era unha folga nova en moitos aspectos e, por iso mesmo, con dificultades engadidas aos obstáculos que calquera paro xeral ten que superar. Á falta de información denunciada por algúns sindicatos nos días previos e dúbidas xeradas pola existencia de convocatorias diferentes, uníronse uns servizos mínimos sinalados como "abusivos" por todas as centrais e a aplicación de varios mecanismos a cargo dalgunhas empresas para limitar o alcance da folga. En moitos centros de traballo substituíronse postos de mulleres en folga con homes e noutras as direccións esixiron coñecer nos días previos que mulleres tiñan previsto facer folga ou fixeron presión para evitar que se sumasen ao paro. Con todo, o evidente éxito das mobilizacións dende primeira hora da mañá, incluído o paso de piquetes e manifestacións polas rúas, asegurou en moitos casos o exercicio do dereito á folga.
"Foi un éxito rotundo. Xa só o feito de que o foco social e o debate público nos días anteriores estiveran centrados nestas reivindicacións era un éxito, pero a participación desbordou as expectativas que nós tiñamos", destaca Margarida Corral (CIG), que opina que "o éxito da manifestación celebrada en Vigo o pasado domingo e, ademais, o efecto mediático de que todos os xornais, radios e televisións estivesen falando do tema, multiplicou a participación e axudou a axitar a mulleres que se cadra non estaban convencidas".
De igual xeito, Ana Viqueira (CUT) destaca que "a valoración é moi positiva, tanto pola asistencia multitudinaria ás manifestacións coma pola participación na folga". "Mesmo a nós, que tiñamos expectativas altas, sorprendeunos a participación no paro de 24 horas e nos piquetes informativos que se levaron a cabo", di. Tamén Rocío Sánchez (CNT) apunta que "é indiscutible que a mobilización social superou as expectativas que tiñamos. A valoración global da folga é moi positiva para a CNT", engadindo que "o movemento feminista deu un exemplo de organización e nós como sindicato o que fixemos foi dar apoio ás reivindicacións que o movemento leva anos poñendo enriba da mesa".
Pola súa banda, Mónica Rodríguez (UGT) e Mamen Sabio (CCOO) cualifican a folga de "éxito", afirmando que "o seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas". Para CCOO e UGT, este 8 de marzo foi unha data "histórica" que marcará "un antes e un despois na loita pola igualdade", engadindo que "o apoio á folga amosa o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país"
Obstáculos ao exercicio da folga
Foron numerosos os centros de traballo nos que as mulleres atoparon obstáculos e dificultades para o desenvolvemento do seu dereito á folga. Porén, non se rexistraron incidentes de importancia. Ana Viqueira (CUT) comenta que si se produciron varias identificacións por parte da Policía a mulleres que integraban os piquetes, pero sen máis consecuencias. "Houbo máis ou reticencias e agresividade en determinados bares nocturnos e nalgunhas tendas de Inditex. En todo caso non houbo incidentes graves, en parte porque eran piquetes relaxados, que buscaban sobre todo que as mulleres que estaban alí consumindo fosen conscientes da folga de consumo e que informaban as traballadoras dos seus dereitos e das accións que estaban programadas ao longo do día, sendo conscientes de que en moitos casos as súas condicións de precariedade lles facían difícil unirse á folga" explica.
"O feito de que homes cubrisen as prazas que deixaban as mulleres en folga levou a non poder parar moitos comercios. Algo que noutro tipo de folga se chamaría esquirolaxe"
Mentres, Rocío Sánchez (CNT) subliña que "unha parte importante dos piquetes da CNT percorreu as zonas comerciais das cidades e ali atopabamos poucas mulleres traballando, iso é certo, pero moitos homes, máis que un día calquera. Algo que noutro tipo de folga se chamaría esquirolaxe". "O feito de que estes homes cubrisen as prazas que deixaban as mulleres en folga levou a non poder parar moitos comercios, e iso é unha vitoria da patronal. Si había moitas menos mulleres traballando, pero a produción non se parou en parte por esta substitución por homes", destaca. Algo semellante ao denunciado polo comité de empresa da CRTVG, que acusou a dirección da compañía de "rebentar" a folga feminista ao estar chamando e convocando traballadores dispoñibles "para substituír as mulleres que están exercendo o seu dereito" ao paro na televisión pública". A CUT tamén denunciou o caso dunha empresa viguesa do sector da automoción que nos días previos á folga tomara a decisión de incorporar precisamente o día 8 un grupo de traballadoras que facían cursos do SEPE, como unha forma de substituír as empregadas que decidisen facer folga, algo que foi contestado polo sindicato.
"Moitas empresas que o día anterior tentaran sondear as mulleres para tentar que non foran á folga, visto o éxito da mobilización e as manifestacións que lles pasaban por diante das portas, tiveron que permitir que se sumasen ao paro"
Dende a CIG Margarida Corral destaca que as maiores loitas neste senso se deron nos días previos á folga. "O día 7 os nosos servizos xurídicos estiveron activos todo o día. Foron moitas as empresas que querían facer listas, que querían que as mulleres comunicaran se ían facer folga, escudándose moitas empresas nas distintas convocatorias que había. Pero en realidade o que querían era crear listas negras para posibles sancións", comenta. Porén, tamén destaca que o propio éxito da mobilización permitiu que moitas empresas finalmente tivesen que permitir o exercicio do dereito á folga: "Que sucedeu o día 8? Que a situación se desbordou. E moitas empresas que o día anterior tentaran sondear as mulleres para tentar que non foran á folga, visto o éxito da mobilización e as manifestacións que lles pasaban por diante das portas, tiveron que permitir que se sumasen ao paro, cando menos durante dúas horas".
Esas represalias, cando menos en forma de ameaza si se fixeron efectivas nalgún caso, sinalando Corral que "hoxe mesmo recibín unha mensaxe dunha compañeira que denunciaba que a empresa a ameazaba por escrito con sancionala por ter ido á folga e por ir nunha candidatura da CIG. Unha vulneración absoluta de dereitos fundamentais". Corral critica tamén a "imposición de servizos mínimos absolutamente abusivos ou desnortados".
O futuro
"Apostamos por seguir avanzando en colectivo, con horizontalidade e coa diversidade do movemento feminista. E os sindicatos temos que colaborar e poñernos á súa disposición"
Sánchez, Viqueira e Corral amósanse optimistas de cara ao futuro inmediato das reivindicacións feministas e chaman as mulleres a seguir organizándose. "Temos que comezar dende xa para organizar o vindeiro 8 de marzo", destaca Rocío Sánchez (CNT). E de igual xeito Ana Viqueira (CUT) sinala que "Imos polo bo camiño, avanzamos e avanzamos en colectivo. E apostamos por iso, por seguir avanzando en colectivo, con horizontalidade e coa diversidade do movemento feminista. E os sindicatos temos que colaborar e poñernos á súa disposición". "Que o que pasou onte supoña un punto de inflexión vai depender de todas nós, do traballo colectivo que fagamos e da canalización que fagamos desta forza. Está nas nosas mans, plenamente", engade.
"Posiblemente nunca pensaron ver a revolta das mulleres e démoslles cun pau nos dentes"
Finalmente Margarida Corral (CIG) destaca que "temos que ser capaces de unirnos e de dicirlles aos Gobernos que abonda xa de hipocrisía. Que non se poden seguir aprobando declaracións de intencións baleiras de contido mentres se aplican reformas laborais ou reformas das pensións que son moi negativas". "Temos que ser quen, ademais, de atraer ás mozas que non están organizadas e tamén ás mulleres maiores que aínda non forman parte deste movemento", di. E conclúe: "O PP ten que tomar moita nota do que fixemos o conxunto de mulleres deste país. Que abonda xa de declaracións banais e que o que teñen que facer é gobernar para as mulleres. Posiblemente nunca pensaron ver a revolta das mulleres e démoslles cun pau nos dentes".