0 Gardados para despois

VÍDEOS | Cinco vídeos para lembrar as históricas mobilizacións feministas do 8M en Galicia

Redacción | @prazapublica

Foi un día histórico. A mobilización ao abeiro do Día das Mulleres e da folga feminista convocada para este 8M desbordou todas as expectativas e rachou tópicos. A folga de vinte e catro horas e os paros parciais foron secundados en empresas e institucións onde non adoitan callar as protestas laborais ordinarias. As rúas foron escenarios de grandes marchas e concentracións e, contra o serán, as principais vilas e cidades inzáronse con milleiros de persoas que desmentiron outro preconcepto: en Galicia non cómpre que unha mobilización se centralice nunha única cidade para ser masiva e é posible que unha única causa encha os centros de, cando menos, as sete principais cidades. As imaxes recollidas nestes vídeos son só unha pequena mostra da histórica xornada.

Manifestación feminista na Coruña / Praza Pública

Na Coruña foron dúas as convocatorias de manifestación que contra o serán culminaron a xornada de mobilizacións. Ambas tiveron unha resposta masiva e a primeira delas, que tiña previsto rematar na Praza da Constitución, acabou enchendo tamén as rúas e prazas da contorna por mor da enorme afluencia de manifestantes. 

Manifestación feminista en Vigo / Praza Pública - Nós TV

Vigo tamén viviu dúas manifestacións masivas, unha pola mañá e a outra, no serán. Na matinal tiveron especial protagonismo a mulleres máis mozas, así como as traballadoras de diferentes sectores que se sumaron á folga e aos paros parciais.

Manifestación feminista en Santiago / Praza Pública - Nós TV

A compostelá Praza do Obradoiro adoita ser un termómetro do éxito das mobilizacións máis masivas que acolleu a capital galega nas últimas décadas. Sucedeu, por exemplo, coas manifestacións do movemento Nunca Máis, coas marchas contra a participación de España na Guerra de Iraq ou coas protestas do 15M e a prol do galego no ensino. Este 8 de marzo volveu acontecer pero cunha novidade: o Obradoiro encheuse a mediodía e volveuse encher poucas horas despois, na convocatoria do serán. Ambas foron un éxito sen precedentes do feminismo.

Resumo da folga e concentracións feministas elaborado pola CIG / CIG

O impacto da folga laboral tamén foi ben relevante en gran parte do país e as convocatorias de dúas horas estendéronse por empresas que, en paros laborais ordinarios, adoitan continuar a súa actividade habitual. A CIG foi un dos sindicatos que convocou estes paros e nesta gravación resume o acontecido.

Testemuños de mulleres previos ao inicio da folga feminista / Praza Pública - Nós TV

Antes de saberen que a xornada do 8M ía ser histórica foron moitas as mulleres que animaron á participación e compartiron publicamente as súas razóns para ir á folga ou manifestárense. Nós Televisión e Praza Pública recolleron algúns destes testemuños, que quedaron reflectidos neste vídeo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo cre "unha falta de respecto" considerar que as manifestacións feministas do 8M foron "políticas"

David Lombao | @davidlombao

O presidente da Xunta foi cuestionado este xoves a respecto das reivindicacións da folga e as manifestacións feministas do 8M e Alberto Núñez Feijóo deu en admitir que o vivido foi "un clamor" do que os gobernos deben "tomar nota". Así e todo e como xa fixera noutras ocasións, instou a non vincular coa "política" as reivindicacións das mulleres a prol dos seus dereitos.

No marco da súa participación nunhas xornadas do PP Europeo en València o xefe do Goberno galego advertiu que "quen queira identificar" este "clamor" das mobilizacións feministas con "formulacións partidarias", está a "confundirse", pero tamén quen faga o propio coa política. "Pensar que isto foi unha manifestación política" é "unha falta de respecto e un grave erro cara ás mulleres con distintas ideoloxías e pensamentos que nos dixeron que aínda non se conseguiu a igualdade".

O presidente da Xunta admite que a mobilización feminista foi "un clamor" pero insta a desligala da "política"

Neste sentido, abondou Feijóo en resposta á prensa, cómpre lembrar que "as políticas de igualdade non finalizaron onte" e que o que cómpre "facer" é "mirarnos, cada un, e saber se realmente cremos esas políticas". Neste sentido, resalta, en España xa é "ilegal que ante o mesmo traballo haxa distinto salario".

Esta non é a primeira vez, non obstante, que o presidente da Xunta insta a desligar a reivindicación feminista da "política". Así, por exemplo, a finais de 2016 instou no Parlamento a "non politizar" a loita contra a violencia de xénero. Do mesmo xeito, poucos meses despois aproveitou un acto de partido ligado ao 8M do 2017 para proclamar que a aposta pola igualdade entre mulleres e homes "non se pode politizar", porque "en canto politizamos a igualdade estamos faltándolle ao respecto ás mulleres. Por iso, agregara, nesta "loita" cumpría deixar á marxe a "ideoloxía".