Xóvenes Agricultores, o sindicato agrario afín ao PP, foi disolto oficialmente por un xulgado en xuño de 2016. Porén, non foi ata este venres que o Goberno galego cesou oficialmente coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia aos seus dous representantes no Consello Económico e Social (CES), o “foro permanente de diálogo entre as organizacións socioeconómicas e as institucións autonómicas”, como se autodenomina. Segundo varias fontes, os dous representantes de Xóvenes Agricultores deixaron de participar no CES tras a disolución do sindicato, pero a demora en facerse oficial o seu cesamento impediu que ata agora puidesen ocupar esas prazas dous representantes de Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego.
O Consello Económico e Social (CES) incorpora agora a unha representante máis de Unións Agrarias e outra do Sindicato Labrego Galego en substitución dos dous de Xóvenes Agricultores, entidade disolta en xuño de 2016
As progresivas dificultades económicas ás que se enfrontou Xóvenes Agricultores nos seus últimos anos levaron aos seus traballadores logo despedidos a criticar de xeito público o nivel de vida do seu daquela presidente, Juan Pérez Miramontes, en cuxo iate se fotografou en Sanxenxo o presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Ao tempo, o Consello de Contas certificou que a Xunta beneficiou a Miramontes entregando ao sindicato dous millóns de euros cos que a organización mercou catro locais dos que era copropietario o seu presidente. O punto final á historia de Xóvenes Agricultores púxoo un xulgado do Mercantil de Lugo que en xuño de 2016 decretou a súa disolución tras un concurso de acredores.
Porén, non foi ata este venres que o DOG publica o decreto asinado polo presidente Feijóo que dispón o cesamento como membros do CES dos dous representantes nel de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello Bello e Antonio de María Angulo, así como dos seus suplentes, Juan Carlos García Pose e Juan Pérez Sánchez-Orozco. Ao tempo, o Goberno galego nomea dous novos membros do CES: Rosa Arcos Caamaño, en representación de Unións Agrarias, e Marieta Pastoriza Martínez, polo Sindicato Labrego Galego, con Javier Iglesias Fernández e Ana Eiras Reguera como os seus respectivos suplentes polos dous mesmos sindicatos.
O CES asegura que os representantes de Xóvenes Agricultores deixaron de asisir e cobrar dietas tras a disolución do sindicato
Consultado sobre esta situación, un portavoz do CES, que preside a ex-conselleira e ex-alcaldesa popular de Vigo Corina Porro, sinala que os representantes de Xóvenes Agricultores deixaron de ser citados ás reunións do órgano en canto tivo coñecemento da súa disolución por parte do xulgado. Tamén asegura que desde ese momento nin asistiron ao CES nin cobraron as dietas que reciben as organizacións participantes. Así o ratifican outras dúas fontes consultadas por este diario. Segundo o CES, a demora no cesamento oficial dos representantes de Xóvenes Agricultores debeuse a que ata o de agora non se resolveu o proceso para elixir os novos vocais agora nomeados, o que impediu que durante este ano e medio Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego puidesen contar cun representante titular a maiores do que xa dispuñan.