Hai catro anos Antonio López quedou ás portas de converterse en reitor da USC, sendo derrotado por Juan Viaño por apenas unhas décimas do voto ponderado (aínda que obtendo máis votos totais). Desta volta López impúxose con claridade a Viaño (62,66% a 37,33% en voto ponderado), dominando ademais tanto no profesorado con vinculación permanente, no estudantado, no persoal de administración e servizos e no persoal docente e investigador. De feito, no número de votos totais duplica as cifras do seu rival, grazas ao claro triunfo acadado no estudantado e nos PAS. O catedrático de Dereito Financeiro convértese en reitor da USC.
López impúxose a Viaño por 62,66% a 37,33% de voto ponderado
Haberá cambio, pois, na Universidade de Santiago. Na presentación da súa candidatura Antonio López afirmaba que “non é un mero cambio de matiz; queremos unha universidade radicalmente diferente á que temos agora e que recupere o liderado que lle corresponde” e subliñaba a presenza de "tres crises" na USC, "unha crise económico-financeira, unha crise democrática e unha crise de ilusión”. “A xestión do actual Reitor conduciu a Universidade a unha perda de relevancia tanto na súa proxección social como dentro do sistema universitario”, concluía. Unha idea que reafirmaba na entrevista que lle fixemos en Praza: "Viaño conseguiu axustes a custa de recortar profesores, estudantes e PAS e de facer unha USC menos competitiva". Viaño felicitou xa a López, sinalando que está "a total disposición do novo reitor para todas as cuestións que beneficien á institución académica compostelá".
Reigosa superou a Fernández por un 57,55% a 42,45%
E se os campus de Compostela e Lugo votaron cambio, semella que tamén o fixeron os de Vigo, Ourense e Pontevedra. Manuel Pachi Reigosa convértese no reitor da Universidade de Vigo, derrotando con claridade a Emilio Fernández (57,55% a 42,45%), impoñéndose en todos os sectores da comunidade universitaria, especialmente no estudantado e nos PAS, por riba do 60%. E dicimos cambio porque malia que o actual reitor Salustiano Mato non se presentaba (esgotara os dous mandatos), Emilio Fernández aparecía como a opción máis continuísta coa actual xestión (aínda que na súa candidatura incluía tamén a varios integrantes da oposición a Mato).
Manuel Reigosa, catedrático de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, foi decano da Facultade de Ciencias e vicerreitor de Investigación. Pasará a comandar a universidade do sur de Galicia á fronte da candidatura H2040 (Horizonte 2040), que se presentou a estas eleccións denunciando que a "institución leva moito tempo desmobilizada, desacougada e sen ilusión". "Queremos cambiar iso, queremos, coa participación dun equipo novo, con ganas e ideas novas, renovar a institución e permitir outra vez que as/os actoras/es reais do cambio -profesorado, estudantado e membros do PAS- dean un paso adiante", sinalaba.
A participación foi baixa tanto na USC coma na Uvigo, aínda que superou á rexistrada hai catro anos. O profesorado doutor permanente votou maioritariamente (90% e 86%) pero o estudantado ficou no 20,7% e no 12,6%
A participación foi baixa tanto na USC coma na Uvigo, aínda que superou á rexistrada hai catro anos. Como adoita suceder, foi ademais moi diferente nuns e noutros sectores. Na Uvigo votaron o 86% dos e das docentes con vinculación permanente, o 78% dos PAS, o 60% do PDI non permanente e tan só o 15% dos e das estudantes. Na USC, pola súa banda, a participación global foi do 20,73%, fronte ao 14,45% de hai catro anos. Desta volta votou o 89.62% do profesorado doutor permanente, o 69.57% do PAS, o 40.74% do PDI non permanente e o 12.56% do estudantado (6.67% en 2014).
A xornada electoral
Na Universidade de Santiago un total de 27.347 persoas estaban convocadas ás urnas, a maior parte do sector do estudantado (23.448). Do Persoal de Administración e Servizos eran 1.472 votantes, do sector de profesorado doutor con vinculación permanente eran 1.455 e ás restantes categorías de persoal docente e investigador correspondían 972 votantes. Con todo, a aplicación do voto ponderado fai que o sector de profesorado doutor con vinculación permanente á universidade sexa o que ten máis peso nos resultados finais (51%), seguido do alumnado (28%), o resto de persoal docente e investigador (11%) e o PAS (10%). As 81 mesas electorais dispostas para esta xornada de votación permaneceron abertas entre as 10 e as 18 horas. Antonio López votou na Facultade de Dereito ás 11.30 horas, mentres que Juan Viaño fíxoo na Facultade de Matemáticas ás 11 da mañá. O reconto electoral da USC pódese consultar nesta web
Tamén ás 10 da mañá abriran as urnas na Universidade de Vigo, pechándose unha hora máis tarde que en Santiago e Lugo, ás 19 horas. Estaban chamadas a votar 20.200 persoas, a maior parte estudantes (17.849). Con todo, a aplicación do voto ponderado por sectores eleva a importancia do profesorado doutor con vinculación permanente, que representa o 51% do resultado final; o estudantado suma o 30%; o resto do persoal docente e investigador o 9%; e o persoal de administración e servizos o 10%. Pachi Reigosa foi o máis madrugador dos aspirantes a reitor á hora de depositar o seu voto e uns minutos pasadas das 10 horas exerceu o seu dereito no edificio de Ciencias Experimentais. Dúas horas máis tarde votaba na mesma localización Emilio Fernández, que exerceu o seu dereito tras finalizar unha clase. O reconto das votacións na Uvigo pode seguirse en tempo real a través dunha aplicación á que se pode acceder na páxina web especialmente desenvolvida pola Universidade para este proceso electoral.