Antonio López presenta a súa candidatura a reitor da USC

Antonio López © http://antoniolopezareitor.org/

Antonio López, catedrático de Dereito Financeiro da USC, anunciou este martes a súa intención de presentarse ás eleccións ao Reitorado da Universidade de Santiago, que se celebrarán en 2018. En 2014 López foi derrotado por Juan Viaño nunha axustada votación, na que Viaño obtivo o 50,53% do voto ponderado.

López fixo un chamamento a "recuperar a ilusión" e criticou o actual equipo reitoral "por ser un goberno sen proxectos, un goberno lánguido, triste, apático, que impregnou esa apatía á Universidade". Dixo "non resignarse" co papel que o Goberno galego lle outorga á USC, porque “corremos o risco de que acabe sendo intrascendente para Galicia”. Afirmou ademais que o actual reitor "só se dedicou a xestionar a crise" e que leva “catro anos recortando”.

O xa candidato prometeu "un Goberno áxil, participativo e democrático, capaz de saír da crise e volver a medrar en profesorado". López sinalou que o actual equipo de Goberno "aproveitou a crise para desmantelar departamentos, para recortar persoal, para reducir programas… en suma, para estancar a USC e impedir que creza. “Ata o punto que temos asinado un convenio coa Xunta de Galicia que impide o crecemento de estudantes na USC”, denunciou. "Temos que contratar profesores novos, investigadores novos que son os que verdadeiramente dinamizan a universidade, e promover a súa estabilización. Ao mesmo tempo hai que garantir a promoción do profesorado e a recuperación das prazas de PAS", dixo. “É fundamental refinanciar a débeda para que a nosa universidade non perda o tren da competitividade. Podemos crecer e pagar a débeda ao mesmo tempo”, defendeu.

“É fundamental refinanciar a débeda para que a nosa universidade non perda o tren da competitividade. Podemos crecer e pagar a débeda ao mesmo tempo”

Apelou tamén á "recuperación da transparencia nos nomeamentos, nas comisións, no papel dos asesores, nas convocatorias" e dixo que “non se poden cambiar as normas para que os amigos saian favorecidos, ou para que os adversarios non formen parte das comisións”. Apostou tamén por "renovar" o funcionamento dos órganos de Goberno para "evitar que membros de Goberno teñan que recorrer á Xustiza para que se recoñezan os seus dereitos de representación". Algo que, salientou, é "motivo suficiente" para que dimitise Juan Viaño. Neste senso, López considera "inviable seguir asistindo a Consellos de Goberno de oito horas no que se discuten ducias de puntos e gaña sempre o equipo reitoral".

 

Antonio López © http://antoniolopezareitor.org/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.