"Viaño conseguiu axustes a custa de recortar profesores, estudantes e PAS e de facer unha USC menos competitiva"

Antonio López, cos e coas integrantes da súa candidatura © AntonioLopezXa

O 25 de abril de 2014 Juan Viaño converteuse en reitor da USC nunha axustadísima votación, na que derrotou a Antonio López, ao obter o 50,53% do voto ponderado, fronte ao 49,47% de López, que se impuxo no profesorado doutor con vinculación permanente e no Persoal de Administración e Servizos. Catro anos despois os mesmos dous candidatos optan de novo ao Reitorado, nunhas eleccións que terán lugar o vindeiro luns 23 de abril e ás que está convocada toda a comunidade universitaria. Antonio López (Barreiros, 1964), doutor en Dereito pola USC e catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, presentou a súa candidatura o pasado mes de outubro. Fíxoo cun discurso moi crítico coa xestión realizada por Juan Viaño, do que dixo que "só se dedicou a xestionar a crise" e que leva “catro anos recortando”. Ademais, López afirmou que a USC arrastra nestes momentos tres crises: unha economico-financeira, outra "de democracia" e unha terceira "de ilusión", que levaron a institución a perder "o protagonismo" e o liderado social e académico que anteriormente posuía.

Como foron os últimos catro anos para o candidato Antonio López? Tivo claro dende o mesmo 2014 que quería volver presentarse? Comezou a traballar xa nese momento pensando no horizonte destas eleccións?

A verdade é que os resultados obtidos hai 4 anos, nos que gañamos no sector I de PDI permanente e tamén no PAS, cun 49,7 % dos votos no global, trasladáronnos unha responsabilidade para tratar de darlle voz á comunidade universitaria, aínda que a decisión de presentarme de novo ás eleccións foi moi posterior, e tivo moito que ver coa xestión do actual Reitor.

"Viaño levou a cabo unha política de recortes que conseguiron certos axustes a custa de recortar profesores, estudantes e PAS e de facer unha USC menos competitiva"

Que valoración fai, entón, da xestión realizada por Juan Viaño nos últimos catro anos?

Eu diría que a hora de valorar a xestión de Juan Viaño como Reitor cabería resaltar que se levou a cabo unha política de recortes que conseguiron certos axustes a custa de recortar profesores, estudantes e PAS e de facer unha USC menos competitiva. Ao mesmo tempo, habería que falar dunha xestión clientelar e dun desprezo polos órganos colexiados de goberno que se manifestou na ausencia de informes de rendición de contas sobre a xestión nestes catro anos, ou na negativa a renovar por elección certos membros das comisión delegadas do Consello de  Goberno que, logo de recurso dos interesados, foi declarada ilegal por sentenza.

Cales son, na súa opinión, os principais retos que debe enfrontar a Universidade nos vindeiros anos?

Agora mesmo, e tras estes anos de recortes que nos fixeron perder estudantes, profesores e PAS, considero que os principais retos que ten a USC por diante pasan por recuperar o persoal, que abrangue PDI e PAS, estabilizando e promovendo e, ao mesmo tempo, asegurando a renovación e o reequilibrio entre áreas. Ademais, é preciso refinanciar a débeda e loitar por un plan de financiamento que permita mellorar a oferta e a calidade da docencia.

"Habería que falar dunha xestión clientelar e dun desprezo polos órganos colexiados de goberno que se manifestou na ausencia de informes de rendición de contas sobre a xestión nestes catro anos"

Imos por partes. Na presentación da súa candidatura, falou de “tres crises”, unha máis estritamente económica e outras dúas de “democracia” e “ilusión”. Son mellorables os mecanismos democráticos na USC? Como se cambia isto?

Si, outro dos retos que temos por diante é recuperar a autonomía da universidade, bastante maltratada nestes últimos anos. Tamén revitalizar o Claustro, recuperando a rendición de contas a través dos informes anuais de xestión, que este Reitor non quixo facer. Igualmente, converter o Consello de Goberno no que ten que ser: o órgano ordinario de goberno, e prevendo reunión periódicas con decanos, directores de Departamento, etc. E, por suposto, garantindo máxima transparencia para acceder á documentación e aos acordos.

Considera que a USC perdeu protagonismo nos últimos anos, tanto en Galicia coma no conxunto do sistema universitario español? Que propón neste senso?

Ao noso entender, os recortes tanto de persoal como de investimento e de gastos de funcionamento teñen necesariamente un impacto negativo na calidade da docencia e de investigación e das outras actividades propias da Universidade. E eses recortes e as súas consecuencias loxicamente afectan tamén ao posicionamento estratéxico da USC. A este respecto resulta esencial elaborar unha planificación estratéxica a medio prazo, definindo obxectivos e indicadores que deben ser trasladados e interiorizados por toda a institución de cara a volver a recuperar a vangarda.

Fronte aos recortes, dende importantes sectores da comunidade universitaria sublíñase que a clave está nos ingresos, no financiamento. Que fórmula de financiamento sería a axeitada para garantir unha universidade pública de primeiro nivel?

Como universidade pública que somos, a USC precisa dun sistema de financiamento público que descansa, principalmente, sobre as achegas que recibe da Comunidade Autónoma e que, no substancial, se complementa cos prezos públicos. Outra parte importante é o financiamento da investigación universitaria que se sustenta sobre fondos públicos de diversas convocatorias e tamén con outros procedentes de empresas e axentes privados. Con este esquema resulta imprescindible un financiamento público suficiente para atender as necesidades estruturais da Universidade, particularmente das derivadas da actividade docente. É xa o momento de recuperar niveis de financiamento anteriores aos recortes operados durante a crise. Ao mesmo tempo, entendemos que os criterios de reparto entre Universidades deben ter en conta as circunstancias particulares de cada unha que inciden na súa estrutura de custes, así como prever outros criterios de reparto en función de obxectivos.

"Dende a USC hai que apostar pola estabilización das persoas que se atopan en situación interina e precaria como fórmula barata para a cobertura das necesidades docentes"

Que lles diría a todos/as aqueles/a investigadores/as, profesores/as axudantes ou asociados/as en situación precaria na universidade (ou que tiveron que marchar a centros noutras rexións ou países) que ven como as oportunidades de estabilización en Galicia escasean? Manteranse as actuais dificultades nos vindeiros anos? Que se pode facer dende a Universidade?

Dende a USC hai que apostar pola estabilización das persoas que se atopan en situación interina e precaria como fórmula barata para a cobertura das necesidades docentes. Ao mesmo tempo, é importante pensar tamén en accións de recuperación do talento. A clave é conectar axeitadamente eses programas de captación de talento coas liñas estratéxicas de renovación do PDI na Universidade, para así poder garantir a estabilización destas persoas.

Como se soluciona a situación dos acreditados e acreditadas a cátedra da USC?

A situación dos acreditados, máis aló das dificultades financeiras e da taxa de reposición que se deron, é a consecuencia dunha clara falta de vontade por apostar pola promoción, sen excluír a estabilización e as accións para a renovación do cadro de persoal. A solución pasa por un plan a catro anos que permita darlle saída ás lexítimas expectativas destas persoas, que se complementa con outras promocións e tamén coa estabilización daqueles que se atopan en prazas ata de agora interinas.

"A situación dos acreditados, máis aló das dificultades financeiras e da taxa de reposición que se deron, é a consecuencia dunha clara falta de vontade por apostar pola promoción"

Nas eleccións ao Reitorado chaman a atención habitualmente as reducidas porcentaxes de participación do estudantado. De que forma se podería implicar máis aos e ás estudantes nos comicios e coa propia universidade e a súa xestión?

Eu penso que resulta esencial concienciar ao noso estudantado de que as decisións dun Reitor e dos órganos colexiados de goberno da Universidade tamén teñen incidencia na súa situación inmediata. Para iso é importante a máxima transparencia e abrir novas vías de contacto entre a institución e o estudantado, onde van xogar un papel moi importante as redes sociais e as novas ferramentas de comunicación, como aplicacións que faciliten esa conexión entre USC e estudantes.

Como debe ser a relación entre as tres universidades galegas? Como debe ser a súa coordinación? Estanse a aproveitar todas as posibilidades que permitiría o traballo conxunto entre as tres institucións?

A miña opinión é que, aínda que poidan manter algúns intereses particulares diferentes, son moitas as materias onde deben actuar conxuntamente para así poder facilitar as actividades interuniversitarias e tamén obter outras vantaxes mesmo económicas. Para esta coordinación pode ser interesante o papel do Consorcio para o Sistema Universitario de Galicia que está en fase de constitución. E, de cara ao futuro, penso que sería interesante a constitución dun órgano, como podería ser a conferencia de reitores de universidades galegas, para afondar nesas estratexias de coordinación.

"Sería interesante a constitución dun órgano, como podería ser a conferencia de reitores de universidades galegas, para afondar en estratexias de coordinación"

Como valora a situación do campus de Lugo? Que propostas ten para el?

O Campus de Lugo é unha parte moi importante da USC e temos que deseñar un plan de actuación para tratar de recuperar o número de alumnos, afianzar e xerar oportunidades de avanzar tamén en investigación e manter o contacto e a conexión coa sociedade e o tecido empresarial e institucional. Hai que aproveitar as potencialidades do Campus Terra, pero temos que facelo máis inclusivo, contando con todos e que permita integrar a todos os centros e departamentos, e que ofreza para todos oportunidades para desenvolver as súas actividades. Ao mesmo tempo, hai que seguir traballando en iniciativas como o plan especial para a relación co ensino medio, potenciando iniciativas como Xuvenciencia que se teñen demostrado moi exitosas. De todos os xeitos, unha cuestión clave vai ser acertar no deseño de novas titulacións de grao e máster que se aveciña e no que a USC ten que recuperar a iniciativa da que foi privada.

"[O caso do máster de Cristina Cifuentes] xa está prexudicando a imaxe das universidades públicas"

A polémica xerada ao redor do caso do máster de Cristina Cifuentes pode prexudicar á imaxe do conxunto das universidades públicas españolas?

Non cabe dúbida de que xa se está prexudicando a imaxe das universidades públicas. Eu penso que é fundamental que se peche canto antes a investigación que se puxo en marcha, que haxa claridade e transparencia para o coñecemento das conclusións que poidan tirarse de tal investigación e, tamén, contundencia no caso de que se constante que houbo irregularidades.

 

Antonio López, na presentación da súa candidatura no rexistro da USC © AntonioLopezXa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.