Os socialistas presentan Vigo como o feudo a partir do que ampliar a reconquista do poder en Galicia
“A cidade máis limpa de España”, “a cidade coa maior rede municipal de museos de España”, “petada de turistas”, “ninguén durme na rúa” ou “as mellores luces de Nadal do planeta, e se fai falla dígoo en inglés”. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recuperou no mitin central dos socialistas deste martes, xunto a Pedro Sánchez, algunhas das frases que o converteron en viral fóra dos límites municipais para facer repaso á súa xestión durante os 12 anos que leva á fronte do Concello. Foi unha intervención na que ao tempo que aseguraba ter “un día comedido” amosaba a súa sospeita de que vai ser alcalde “aproximadamente uns 25 anos máis” malia ter xa 72 anos.
Con Caballero como protagonista principal do mitin mesmo distanciándose do PSOE -“primeiro Vigo e despois o meu partido”- os actores secundarios limitáronse a aplaudir as súas sentenzas. Sánchez amosouse asombrado polos resultados electorais do rexedor -“en Vigo os estudos demoscópicos non son normais”, dixo ante as expectativas do 68% dos votos que ten- e presentouno como “unha referencia política do socialismo e do municipalismo en España”. E o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou á mobilización para confirmar eses prognósticos e que a Feijóo non se lle quite “a cara de susto” despois de que as pasadas xerais desen ao PSdeG a primeira vitoria electoral no conxunto de Galicia fronte ao PP.
Caballero di sospeitar que vai ser alcalde "aproximadamente uns 25 anos máis"
E Feijóo foi precisamente un dos elementos principais do discurso de Abel Caballero, que se centrou en contrapoñer a súa xestión aos obstáculos e intentos da Xunta de “afogar” á cidade. Nun mitin que se celebraba en Navia, o barrio máis novo da cidade, Caballero insistiu en reclamar ao Goberno galego que o dote de mellores servizos, facendo propia para iso a mobilización da veciñanza contra as salas de xogo: “En Navia queremos un instituto, non queremos salóns de apostas”. Pero tamén atribuíu á Xunta obstáculos para a creación de solo industrial na cidade. “Feijóo non quere que Vigo, que non quere a Feijóo, progrese”, dixo.
“Agora estamos lanzados, e a partir do outono próximo Gonzalo Caballero será presidente da Xunta”, di o rexedor
Fronte a esas trabas, Caballero enumerou a súa xestión: “Mil rúas humanizadas na cidade neste tempo, máis de 200 parques infantís, case cen parques de maiores, e agora por se fora pouco, o Vigo vertical, escaleiras mecánicas, ascensores”, dixo, antes de facer tamén repaso ás luces de Nadal, os museos, a limpeza, o turismo ou mesmo á existencia en Vigo, fronte ao resto de urbes galegas, dun albergue municipal que fai que na cidade, di Caballero, “ninguén durme na rúa”, afirmación que contrasta coas reiteradas reclamacións de entidades sociais da cidade dun maior esforzo municipal en materia de inclusión fronte ao gasto en obras públicas.
Todos eses logros, salientou Caballero, acadáronse “sen apoio da Xunta” e tampouco do Goberno central. Pero a existencia agora dun Executivo socialista en Madrid permite superar parte deses atrancos: “Agora estamos lanzados, e a partir do outono próximo Gonzalo [Caballero, líder do PSdeG], será presidente da Xunta”.
Esa idea da reconquista do poder en Galicia para os socialistas a partir do reduto de resistencia vigués pairou en todas as intervencións. Os seus resultados en Vigo, fixo ver Abel Caballero, permitiron aos socialistas hai catro anos facerse coa Deputación de Pontevedra, e a súa presidenta, Carmela Silva, apelou a continuar a vaga: “Moi cedo chegarán as autonómicas, Gonzalo, e Feijóo terá que irse”. O guante recolleuno Gonzalo Caballero, sobriño de Abel non sempre coincidente no político, que asegurou que “hai unha nova maioría social de progreso en Galicia” e apelou a manter a “cara de susto” de Feijóo non só nas municipais senón tamén nas autonómicas nas que el mesmo aspira a ser presidente da Xunta.