Hai unhas semanas abriu as súas portas no barrio vigués de Navia unha casa de apostas, unha das moitas que nos últimos meses e anos están a ser instaladas nas zonas urbanas. Alertada polos riscos xerados por estes negocios e polo incremento das persoas que están a ter problemas de adicción ao xogo (mozos nunha gran parte) a veciñanza do barrio mobilizouse hai uns dúas ante o local con carteis nos que se podía ler "Casas de apostas non", "Non queremos este futuro para @s nos@s fill@s", "Non a carón dos parques infantís" ou "O xogo: A droga do século XXI".
"Casas de apostas non", "Non a carón dos parques infantís" ou "O xogo: A droga do século XXI", podía lerse nos carteis da protesta
O vindeiro 30 abril a mobilización repetirase no mesmo lugar e nesta ocasión contará co apoio dunha quincena de entidades e organizacións da cidade, entre as que destacan MODEPEN, Oficina Dereitos Sociais, Os Ninguéns, RSP Vigo, Sindicato de Estudantes, CCOO ou CGT. Ademais, a Asociación Veciñal Novo Vigo, organizadora da protesta, contará co apoio da Asociación Veciñal A Miñoca e da Asociación Veciñal Emilio Crespo. A Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA) tamén apoia a convocatoria. A mobilización esixirá "medidas máis estritas de control" das casas de apostas nos barrios vigueses.
En Galicia hai case 150 casas de apostas, sobre todo en Vigo e A Coruña
Navia é o barrio con máis poboación moza de Vigo, un grupo de idade ao que estas casas de apostas se dirixen especialmente con ofertas e promocións e que en moitos casos está a ter problemas graves por mor dos cartos perdidos nestas instalacións e da adicción ao xogo xerada polo seu uso. O 30% dos mozos entre 14 e 17 anos recoñece que apostou algunha vez. Calcúlase que o 2% da poboación pode desenvolver unha adicción ao xogo, e esta porcentaxe seguramente pode ser maior nesas idades. "As apostas normalizáronse como unha forma de ocio máis dos nosos rapaces", alertaba nesta entrevista Xan Lamas, director técnico de FEJAR (Federación Española de Jugadores de Azar Rehabilitados).
A Rede de Solidariedade Popular de Vigo comezou este xoves unha "campaña por un Ocio Digno para as clases traballadoras e populares" en resposta "á proliferación de #CasasApostas que estamos a vivir nos nosos barrios". A Rede destaca que esta proliferación "non respecta os espazos reservados para os e as meniñas xa que a miúdo atopamos locais deste tipo preto de escolas e parques, normalizando un estilo de ocio no que a promesa de obter diñeiro fácil é unha constante".
Os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016
Calcúlase que no ano 2017 as apostas deportivas en España supuxeron uns ingresos para estas empresas de 742 millóns de euros (a diferenza entre os cartos xogados e os gañados), unha cifra que duplica os datos de 2013. A comezos deste ano 2019 había en Galicia 136 casas de apostas, así como 3.171 terminais en locais de hostalaría e outros 682 nas propias tendas e salóns de apostas. A Coruña (24) e Vigo (22) concentraban o maior número de salóns de xogo. Os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas no ano 2016 (últimos datos dispoñibles, ofrecidos polo Ministerio de Facenda)