En 2016, último ano con datos dispoñibles do Ministerio de Facenda, os galegos perderon 28 millóns de euros nas salas e máquinas de apostas. Xogaron uns 134 millóns de euros e obtiveron uns premios duns 106 millóns. Non se inclúen aí os cartos apostados por Internet, que se elevaran ata os 11.000 millóns de euros en todo o Estado, onde o diñeiro xogado aumenta, ao igual que a expansión dos locais onde apostar. A tal hora, hai un total de 136 salóns de apostas en Galicia e 3.171 terminais en na hostalaría e outros 682 nas propias tendas e salóns.
Unidas Podemos propón subir impostos ás multinacionais das casas de apostas e vetar a súa publicidade ante unha "problemática" que pode ser como "a heroína nos anos 80"
Unidas Podemos advertiu este luns dunha “problemática” que pode virar nun problema para a mocidade como o foi “a heroína nos anos 80”. Así o dixo a candidata ao Congreso por Navarra da formación, Ione Belarra, que participou nun acto xunto a candidatos da coalición En Común Unidas Podemos, a marca galega do partido. Aí, todos avanzaron a súa proposta de subir os impostos ás multinacionais que controlan as casas de apostas e erguer un veto á publicidade dos xogos de azar semellante aos que hai sobre a de bebidas alcohólicas de alta graduación.
No acto, que contou coa presenza de Juan Lamas e Gerardo Rodríguez, membros da Federación Estatal de Jugadores de Azar Rehabilitados (Fejar). Xuntos alertaron sobre a proliferación das apostas que ven como “un problema social de primeira orde no que todo o mundo mira cara a outro lado”. “Está fóra da axenda política”, denunciaron.
Unha actividade controlada por "fondos voitre"
“A ludopatía non é un xogo, é unha enfermidade que ten unha gravísima incidencia social e que ten que ser previda con fondos públcios”, dixo Yolanda Díaz, número un de En Común por Pontevedra, que cualificou de “asedio” a presenza das casas de apostas en “barrios, internet, deportes ou prime time da televisión”. “En todos os lugares”, insistiu.
Unidas Podemos propón unha suba de impostos para as multinacionais que controlan estas empresas de apostas e a prohibición de anuncios ao nivel do tabaco ou do alcohol. Así, lembraron que neste negocio son habituais os “fondos voitres” que “non pagan impostos” no Estado e “non contribúen a que mellores os servizos sociais”.
Juan Lamas, director terapéutico da Asociación Galega de Xogadores, cualificou os xogos de azar e as apostas como “o opio do pobo”, como foi “a heroína nos anos 80” e pediu a intervención da Administración ante unha actividade “normalizada na sociedade” e que “move 40.000 millóns de euros ao ano”.