Ana Miranda reclama á Comisión Europea que controle a expansión das casas de apostas en Galicia

Sala de apostas de Luckia en Vigo © Luckia Sports Café Vigo

 “Xa non hai barrio galego sen casas de apostas, moitas zonas afectadas pola crise económica, co que cómpre poñer en marcha un maior control", di Miranda

A eurodeputada do BNG Ana Miranda vén de presentar unha iniciativa dirixida á Comisión Europea para que se establezan límites e controis á rápida expansión en Galicia das salas e máquinas de apostas. Miranda alerta de que este fenómeno é especialmente preocupante en barrios populares e ten un grande impacto entre menores de 30 anos. “Xa non hai barrio galego sen casas de apostas, moitas zonas afectadas pola crise económica, co que cómpre poñer en marcha un maior control sobre as apostas, porque supoñen un grave prexuízo para a mocidade, ao potenciar o xogo compulsivo e o incremento dos casos de adicción pois as persoas mozas son os consumidores máis vulnerables”, sinala.

En concreto, a parlamentaria pídelle á Comisión que inste ao Estado Español a cumprir a Recomendación de 2014 para protección dos consumidores e usuarios de servizos de xogos en lina e a prevención do xogo entre os menores. Aquela recomendación incluía medidas para controlar o acceso das persoas menores de idade, esixía regulacións máis estritas para a súa publicidade, que debe alertar dos riscos que acompañan á actividade do xogo de apostas. Así mesmo, incídese na necesidade de poñer en marcha iniciativas de educación e sensibilización. 

Miranda alerta do "aumento da publicidade televisiva referida a estas actividades utilizando como reclamo a personalidades con prestixio social mentres, pola contra, non existen campañas de prevención dos efectos do xogo, de forma que se incumpre a normativa de regulación da publicidade". “Este elemento favorece o incremento de casos de adicción entre a xente moza, xa que percibe como persoas referenciais trasladan a imaxe de que estas actividades son algo positivo”, engade a eurodeputada.

Alerta do "aumento da publicidade televisiva referida a estas actividades utilizando como reclamo a personalidades con prestixio social"

Calcúlase que o 2% da poboación pode desenvolver unha adicción ao xogo, e esta porcentaxe seguramente pode ser maior idades máis novas. Nos últimos meses disparouse a apertura de salas de apostas nas cidades e vilas galegas, seguindo o ronsel aberto noutros territorios do Estado. Ademais, en Galicia é moi habitual a instalación de máquinas individuais de apostas en bares e cafetarías, cuxo número incrementouse nun 30% en Vigo no último ano, por exemplo.

Xan Lamas, director terapéutico da Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA), alertaba nesta entrevista de que "As apostas normalizáronse como unha forma de ocio máis dos nosos rapaces" e chamaba a atención sobre o feito de que "as salas de apostas presenciais non controlan nada e menos en Galicia cando o que proliferaron foron as máquinas de apostas nos bares".

Distribución das salas e máquinas de apostas de Codere en Galicia © Codere

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.