Queimar o lixo sae caro para o peto da cidadanía. A nova lei estatal, co obxectivo de fomentar a reciclaxe, grava cun novo imposto a incineración do lixo e máis o seu envío a vertedoiros, na liña do estipulado en 2018 por unha directiva europea
Nos últimos meses estase a falar moito da xestión de residuos ou, cando menos, do prezo que a cidadanía debe pagar nos recibos da recollida do lixo. A maior parte dos concellos están a incrementar as tarifas, un aumento que se debe ao incremento das tarifas de Sogama e á aplicación da nova lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular, que en aplicación de directivas europeas establece que os concellos deben reflectir nestas tarifas o custo real do servizo.
O encarecemento das tarifas cobradas por Sogama -que xestiona os refugallos de 295 dos 313 concellos de Galicia- procede en parte do modelo escollido por esta empresa público-privada (a Xunta posúe o 51% e Naturgy o 49%), no que prima a incineración dos residuos. A nova lei estatal, co obxectivo de fomentar a reciclaxe, grava cun novo imposto a incineración do lixo e máis o seu envío a vertedoiros, na liña do estipulado en 2018 por unha directiva europea que a norma estatal incorporou á lexislación española. Ese imposto, ten a xestión cedida á Xunta. Segundo a Axencia Tributaria de Galicia, supuxo uns ingresos de 10,8 millóns en 2023.
Galicia converteuse no territorio cunha menor porcentaxe de residuos reciclados, recuperados e compostados, apenas o 24%, 19 puntos por debaixo da media española. A metade do lixo xerado en Galicia quéimase e o 26% restante acumúlase en vertedoiros
Así pois, queimar o lixo sae caro para o peto da cidadanía, o mesmo que envialo a un vertedoiro en lugar de apostar pola reciclaxe e a recuperación de materiais. E os últimos datos coñecidos amosan que Galicia non está a mellorar neste ámbito.
Este mércores o INE publicou a estatística actualizada sobre recollida e tratamento de residuos, con datos de 2023, que amosa para o conxunto do Estado unha mellora moi leve na porcentaxe de refugallos reciclados, que pasou do 43,1% ao 43,3% nun ano e que aínda se sitúa por debaixo dos datos de 2021 (43,7%). Moi lonxe dos obxectivos fixados pola Unión Europea para 2025 (55%), 2030 (60%) e 2035 (65%).
A responsable desta situación é Sogama, que xestiona a maior parte dos residuos xerados no país. No ano 2022 incinerou o 60% do lixo que recibiu e enviou ao vertedoiro un 20%
Os datos galegos son aínda peores e, de feito, nos últimos datos coñecidos ata agora a nivel das comunidades autónomas converteuse no territorio cunha menor porcentaxe de residuos reciclados, recuperados e compostados, apenas o 24%, 19 puntos por debaixo da media española. No ano 2021 ocupaba a penúltima posición, só por diante de Asturias, que no 2022 superou a Galicia por unhas décimas.
A metade do lixo xerado en Galicia quéimase e o 26% restante acumúlase en vertedoiros. Galicia é a segunda comunidade que máis residuos incinera, só por detrás de Baleares, que queima o 56%. A responsable desta situación é Sogama, que xestiona a maior parte dos residuos xerados no país. No ano 2022 incinerou o 60% do lixo que recibiu e enviou ao vertedoiro un 20%. A planta de Nostián, que xestiona o lixo da Coruña e a súa área metropolitana, presenta mellores cifras de reciclaxe e non incinera os seus residuos.
Nos últimos anos Galicia está a mellorar moi de vagar os seus resultados. Entre o 2019 e o 2022 a porcentaxe de residuos reciclados ou compostados aumentou en tres puntos, do 21,4% ao 24,4%. No conxunto do Estado a mellora foi de 5,2 puntos
Nos últimos anos Galicia está a mellorar moi de vagar os seus resultados. Entre o 2019 e o 2022 a porcentaxe de residuos reciclados ou compostados aumentou en tres puntos, do 21,4% ao 24,4%. No conxunto do Estado a mellora foi de 5,2 puntos e en Baleares e a Comunidade Valenciana superou os dez puntos. Tan só Murcia e Castela e León -comunidades nas que VOX formaba parte do Goberno- empeoraron os seus datos.
En Galicia aumentou nese período a porcentaxe de lixo incinerado -do 48,2% ao 49,7%- e reduciuse o enviado a vertedoiros -do 30,5% ao 25,9%-
Na última década Galicia vén ocupando sistematicamente os últimos lugares en reciclaxe e recuperación de residuos, mantendo unha lenta tendencia de ascenso (cinco puntos en oito anos), inferior á que rexistra a media do Estado (12 puntos entre 2014 e 2022) e outras comunidades que si se están a achegar aos niveis esixidos pola UE, como A Rioxa, Comunidade Valenciana, Cataluña, Estremadura ou Navarra.
Galicia ocupa tamén os últimos lugares na recollida separada de residuos, que apenas chega ao 18,6% do total de residuos recollidos, sete puntos por debaixo da media española (25,6%)
Os datos coñecidos esta semana amosan, igualmente que Galicia ocupa tamén os últimos lugares na recollida separada de residuos, que apenas chega ao 18,6% do total de residuos recollidos, sete puntos por debaixo da media española (25,6%). O dato galego, nun lento ascenso dende o 15% do ano 2016, só mellora os indicadores de Murcia, Estremadura, Castela-A Mancha e Andalucía.
En cambio, Cataluña, Navarra ou Euskadi recollen de forma separada máis do 40% dos seus residuos, o que lles permite atinxir uns niveis de reciclaxe moi superiores aos galegos.
A cantidade total de residuos recollidos en Galicia mantense estable nos últimos anos, situándose en 2023 nos 1,14 millóns de toneladas. Medra lixeiramente a recollida separada, que acadou en 2023 o seu máximo (211 mil toneladas) e, dentro desta, destaca a tendencia de ascenso da recollida de vidro, papel e cartón e residuos animais e vexetais (orgánicos). Un ascenso, con todo, moi insuficiente.