Sogama converte Galicia na segunda autonomía que menos recicla e máis residuos incinera

Vertedoiro de Areosa, en Sogama © Adega

O 94% dos concellos galegos trata os seus residuos no complexo de Sogama, que vén de facer trinta anos dende a súa posta en marcha. Aínda que esta empresa pública autonómica sitúa entre os seus obxectivos a "xestión sostible" dos residuos urbanos e a "recuperación dos materiais reciclables contidos no lixo", a realidade é que nas últimas décadas practicamente non rexistrou avances positivos nesta dirección, de xeito que a inmensa maioría dos materiais que chegan á planta de Cerceda son incinerados ou soterrados no vertido da Areosa. 

Galicia recicla o 15,9% dos residuos e composta outro 5,5%, para sumar un 21,4% de materiais recuperados, moi lonxe do 38% de media no Estado español

Os malos resultados de Sogama son mellorados en parte nas planta de Nostián, que dan servizo a 14 concellos da área metropolitana da Coruña, e de Lousame, que xestiona os residuos de 9 concellos próximos á ría de Muros e Noia. Porén, a dimensión de Sogama (trata o lixo do 82,5% da poboación galega) determina os datos de tratamento de residuos do conxunto de Galicia. Galicia é a segunda comunidade autónoma, só por diante de Asturias, que menor porcentaxe de residuos recicla, recupera ou composta e, ademais, é o segundo territorio que máis proporción de lixo incinera, segundo os datos do ano 2019 publicados polo Ministerio de Transición Ecolóxica a partir da información facilitada directamente polas comunidades autónomas.

Sogama trata os residuos do 94% dos concellos galegos, que suman o 82% da poboación

En concreto, Galicia recicla o 15,91% dos residuos e composta outro 5,46%, para sumar un 21,37% de materiais recuperados, moi lonxe do 37,96% de media no Estado español e aínda máis lonxe do obxectivo de recuperación do 50% fixado pola Unión Europea para o ano 2020. Por detrás de Galicia só aparece Asturias (20,89%), nunha clasificación encabezada por A Rioxa (67,78% de recuperación), Cataluña (53,73%), a Comunidade Valenciana (49,68%), Estremadura (47,62%) e Navarra (47,53%).

Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis residuos queima, case a metade do total (48,17%), moi por riba da media española (10,99%)

Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis residuos queima, case a metade do total (48,17%), moi por riba da media española (10,99%). Por diante só están as Illas Baleares (56,08%) e hai varios territorios que non empregan a incineración: Andalucía, Aragón, Asturias, Estremadura, Murcia, Navarra ou as dúas Castelas.

A incineración permítelle a Galicia reducir a cantidade de lixo que leva aos seus vertedoiros, de xeito que a porcentaxe (30,46%) está por debaixo da media española (51,05%). A maior parte corresponde a verteduras de rexeitamento (27,03%) e só un 3,43% son verteduras sen tratamento previo, tamén por debaixo da media española (13,08%).

Nos últimos cinco anos Galicia practicamente non mellorou os seus resultados de recuperación, pasando do 19,3% ao 21,4%

Nos últimos cinco anos Galicia practicamente non mellorou os seus resultados de recuperación, pasando do 19,3% ao 21,4%. No ano 2014 era a terceira comunidade autónoma que menos residuos reciclaba ou compostaba, só por diante de Madrid e Canarias. No 2019 tan só o paso atrás dado por Asturias (que reduciu a súa porcentaxe de recuperación) impediu que Galicia fose o territorio co dato menor. 

Outras comunidades, como A Rioxa, Cataluña, Estremadura, Castela-A Mancha ou Andalucía si melloraron claramente os seus rexistros, o mesmo que territorios que antes se situaban por debaixo de Galicia.

A UE fixaba para o ano 2020 un obxectivo mínimo de recuperación do 50% dos residuos urbanos

ADEGA leva tres décadas denunciando o funcionamento do modelo Sogama, especialmente a súa reducida taxa de recuperación, a pesar das melloras introducidas e dos grandes investimentos realizados, e a súa aposta pola incineración como mecanismo para reducir os vertidos. "A incineración forma parte dos procesos lineais clásicos e non da economía circular. Por tanto, ampliar a capacidade incineradora de Sogama afasta Galiza de calquera avance cara a economía circular a a sustentabilidade", subliñaba neste senso Manuel Soto neste artigo

ADEGA cualifica de "fracaso" o modelo de Sogama e responsabilízao de que Galicia incumpra os obxectivos da lexislación para 2020 "e sen perspectivas de mellora nin de poder cumprir cos obxectivos para 2025 ou 2030"

A organización ecoloxista ADEGA cualifica de "fracaso" o modelo de Sogama e responsabilízao de que Galicia se sitúe nos postos de cola no ámbito da reciclaxe no Estado, "incumprindo actualmente os obxectivos da lexislación para 2020 e sen perspectivas de mellora nin de poder cumprir cos obxectivos para 2025 ou 2030". 

ADEGA compara os datos rexistrados no ano 2019 nas plantas de Sogama, Nostián e Lousame. Ademais da porcentaxe de vidro, papel e cartón recuperada, que rolda o 8% nos tres complexo, en Sogama a porcentaxe de envases lixeiros recuperados fica no 4,7%, moi por detrás de Nostián (8,5%) e sobre todo de Lousame (13,6%).

Ademais, a compostaxe e a biodixestión tamén contribuíron á reciclaxe en Nostián (outro 34,9%) e Barbanza (12,9%). Sumando estas cifras ás de reciclaxe das fraccións secas, o ámbito Nostián chegou ao 52% de reciclaxe en 2019, mentres que Lousame sumou o 35,2% e o ámbito Sogama non pasou do 12,6%.

ADEGA é moi crítica coa escolla do modelo de contedor amarelo de Ecoembes en Sogama, criticando "a teima da Xunta en favorecelo"

Na súa análise, ADEGA é moi crítica coa escolla do modelo de contedor amarelo de Ecoembes en Sogama, criticando "a teima da Xunta en favorecelo". ADEGA explica que no 2019 este modelo "conseguiu unicamente captar o 19,3% da masa en bruto dos residuos de envases xerados no ámbito Sogama", pero un terzo dos residuos recollidos nese contedor amarelo acaban na incineradora xunto coa fracción resto. "Ao descontar eses materiais impropios ou non clasificados para recuperación na planta de selección de Sogama, a porcentaxe derivada de reciclaxe cae ao 11,2% dos residuos de envases lixeiros", denuncia ADEGA. 

Esta porcentaxe é moi inferior á que se acada en Nostián e Lousame, cun modelo húmido-seco que recupera o 48,9% e o 57,7%, respectivamente, facendo uso dun único contedor e circuíto de recollida para a fracción seca.

Instalacións de Sogama en Cerceda © Sogama

 

A aposta da Xunta polo modelo de Sogama e Ecoembes levou o pasado ano ao envío de cartas aos concellos que tratan o seu lixo na planta de Lousame, para advertilos de supostos incumprimentos da normativa de residuos, un cuestionamento do modelo húmido/seco do complexo do Barbanza "debido a unha interpretación interesada e torticeira" das directivas europeas, denunciou Adega. A entidade ambientalista lembraba nese momento que "o sistema húmido/seco usado polos concellos da Mancomunidade, recupera case catro veces máis materiais por habitante e ano que Sogama co contentor amarelo de ECOEMBES".

A aposta da Xunta polo modelo de Sogama e Ecoembes levou o pasado ano ao envío de cartas aos concellos que tratan o seu lixo na planta de Lousame, para advertilos de supostos incumprimentos da normativa de residuos

De igual xeito, neste artigo José Pernas García, profesor titular de Dereito administrativo da Universidade da Coruña, cuestionaba a interpretación das normativas europeas realizada pola Xunta de Galicia, que publicara unha nota de prensa na que se afirmaba que a UE deixaría de financiar os “modelos de tratamento de residuos alternativos a SOGAMA". 

A realidade é que non se financiarán novos proxectos de instalacións de incineración ou depósito de residuos, "na medida en que iso pode poñer en cuestión os obxectivos de reutilización e reciclado da UE", indicaba o artigo, que engadía que "do contexto financeiro e normativo da UE non parece deducirse que o modelo de Nostián sexa un sistema a extinguir, nin que Sogama sexa precisamente o modelo de referencia da UE, cuxo obxectivo fundamental actual é o incremento da reutilización e do reciclado". O texto apostaba por avanzar "cara un sistema integrado de tratamento de residuos en Galicia, que asuma con ambición a xerarquía de residuos e os obxectivos da UE en materia de economía circular".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.