Queimar o lixo sae caro: claves do novo tarifazo de Sogama

Refugallos na planta de Sogama en Cerceda e gráfico da xestión de residuos da compañía en 2022 CC-BY-SA Foto: Sogama | Montaxe: Praza.gal

A principios do verán a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), a empresa da Xunta -51%- e a eléctrica Naturgy -49%- que xestiona os refugallos de 295 dos 313 concellos de Galicia, decidía cancelar o 15% de desconto que viña aplicando dende 2023 aos municipios que cumprisen diversas condicións na xestión do lixo. Esa bonificación substituíra á que a Xunta decidira cancelar en 2022, a do 10% que aprobara o Goberno de Alberto Núñez Feijóo en vésperas das eleccións municipais de 2019 e que deixaba o canon xeral de 66 euros por tonelada en 59,40.

As dúas subas do canon de Sogama disparan o 'recibo' do lixo da Xunta aos concellos un 60%

A finais do pasado agosto, cando concellos e oposición parlamentaria aínda dixerían e criticaban o tarifazo de 2024 -compensado parcialmente, veñen insistindo Goberno galego e PP, con fondos adicionais para os gobernos locais-, Sogama avanzou que a suba deste ano é só a primeira. Para 2025 prevé outra máis intensa, superior ao 60%: de 66 a 108 euros en menos de dous anos.

Igual que en 2024, tanto o presidente da compañía, Javier Domínguez, como a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e outros cargos populares, culpan da suba a "medidas tomadas polo Goberno de España" en materia de impostos que esixen reverter. O Executivo de Pedro Sánchez, acusan, provocou cos seus novos tributos que a empresa perdese 18 millóns de euros en 2023 e por iso sobe o recibo aos concellos.

Na liña do marcado pola UE para fomentar a reciclaxe, a normativa estatal grava dende 2023 con novos impostos a incineración do lixo, clave do modelo de Sogama, que queima máis da metade dos refugallos urbanos que recibe para xerar electricidade da man de Naturgy

Se ben é certo que a normativa estatal é fundamental na cuestión, o seu contexto é igualmente relevante. Porque vai á cerna do modelo de xestión do lixo de Sogama: a incineración.

Dende mediados dos anos 90 do século pasado ese modelo conseguiu ir eliminando paulatinamente da paisaxe galega os grandes vertedoiros de lixo nun panorama tamén axitado por episodios como a catástrofe de Bens (1996), onde se almacenaban os refugallos da cidade da Coruña. Eses vertedoiros desapareceron da maioría de vilas e cidades mentres a Xunta aguilloaba os concellos para sumárense a Sogama, baseada na xestión centralizada dos residuos na súa planta de Cerceda e no forte protagonismo da incineración para xerar electricidade. De aí a alianza coa actual Naturgy -antes, Unión Fenosa e Gas Natural Fenosa- nun negocio que disparou os seus ingresos nos últimos anos: de 55 millóns en 2022 a case 100 en 2023 e algo máis de 96 para este 2024.

A queima de refugallos é, precisamente, a clave do actual conflito. Porque a normativa estatal, concretamente a lei de residuos e solos contaminados para unha economía circular (integramente en vigor dende 2023) grava cun novo imposto a incineración do lixo e máis o seu envío a vertedoiros co obxectivo de fomentar a reciclaxe, na liña do estipulado en 2018 por unha directiva europea que a devandita norma estatal incorporou á lexislación española. Ese imposto, asemade, ten a xestión cedida á Xunta. Segundo a Axencia Tributaria de Galicia, supuxo uns ingresos de 10,8 millóns en 2023.

Os datos máis recentes da propia Sogama, correspondentes a 2022, indican que incinera máis da metade do lixo que xestiona. Concretamente, como amosa o gráfico sobre estas liñas, a empresa da Xunta e Naturgy indica que nese ano máis do 60% das máis de 900.000 toneladas de refugallos municipais que xestionou tiveron como destino a "valorización enerxética", aos que se engade outro 20% que acabaron nos seus vertedoiros.

Máis da metade dos refugallos, incinerados

O obxectivo da UE é superar o 50% de refugallos reciclados. Sogama apenas chega ao 20%

A lei estatal grava cunha cota xeral de 15 euros por tonelada o lixo incinerado -pode ser maior ou menor en certas excepcións- e con ata 40 euros por tonelada a almacenada en vertedoiros. Segue así a directriz da UE segundo a cal os Estados membros deben empregar "instrumentos económicos" como "taxas e restricións (...) ás operacións de depósito en vertedoiros e incineración de residuos" para avanzar cara á consecución de obxectivos como un mínimo do 50% de reciclaxe de residuos urbanos. En Sogama, o último dato dispoñible apunta a que a reciclaxe apenas supera o 20%.

O protagonismo de Sogama é clave para entender como Galicia segue sendo, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica -as cifras máis recentes son de 2021-, a segunda autonomía cunha maior porcentaxe de incineración de residuos, con case o 50% do total. Ese rexistro reflicte a xestión de Sogama e tamén a doutros sistemas como o da planta de Nostián na área metropolitana da Coruña ou a de Lousame, á que están adscritos nove concellos (Lousame, Muros, Noia, Porto do Son, Brión, Carnota, Pontecesures, Rois e Ames). 

Os mesmos datos oficiais acreditan que a porcentaxe de incineración de lixo en Galicia está moi por riba da media estatal -en torno a un 10%-. Mentres, o noso país sae comparativamente mellor parado no que atinxe ao envío do lixo a vertedoiros (31% fronte a 46%) e tamén está no furgón de cola da reciclaxe (15% fronte a case o 20% da media en 2021).

A Xunta culpa a "obsesión impositiva" de Pedro Sánchez

Con todo este pano de fondo, o Goberno galego teima en culpar do tarifazo de Sogama ao que a conselleira de Medio Ambiente descualifica como "obsesión impositiva" do Goberno de España, que "castiga a Galicia e ao resto de comunidades autónomas" e "obriga a actualizar o canon" do lixo. Mentres, dende as bancadas da esquerda tanto o BNG coma o PSdeG anuncian unha ofensiva para tentar frear a suba.

Ana Pontón, reunida con cargos municipais do BNG para trataren a suba do canon de Sogama, este 2 de setembro no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Así, este pasado luns a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciaba en compaña de alcaldesas e alcaldes da formación soberanista unha "intensa campaña contra o taxazo" con iniciativas no Parlamento e nos concellos. "Queren facer pagar á veciñanza un sistema de xestión de residuos obsoleto, antiecolóxico, contaminante e caro", di Pontón, quen advirte de que co incremento do canon quen gaña son "as empresas amigas do PP", dende Naturgy como copropietaria de Sogama ata "por exemplo, o grupo Valtalia-Copasa, que nos últimos anos recibiu máis de 700 millóns de euros en contratos con Sogama.

O BNG anuncia unha "intensa campaña" para "frear o taxazo" e reclamar un novo modelo de xestión do lixo. O PSdeG avanza "unha batería de mocións" nos concellos contra "o imposto encuberto"

O incremento "unilateral, desproporcionado e abusivo" do canon do lixo, agrega Pontón, vén certificar "o fracaso estrepitoso do sistema Sogama" e por iso o Bloque, alén de "frear o taxazo", reclama tamén "impulsar cambios de fondo". Porque cómpre, di, "substituír a antiecolóxica incineración por tratamentos baseados na xestión máis próxima" que aposten "pola recollida separada, a reutilización e a reciclaxe", un "novo modelo" que sexa "acorde coa normativa europea e respectuoso co medio ambiente".

Dende o PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, avanza tamén "unha batería de mocións" nos concellos galegos "para rexeitar o incremento" do canon. A suba, di o socialista, vén ser "un novo imposto da Xunta á cidadanía", isto é, "unha suba de impostos encuberta dende o mesmo Goberno galego que reduce impostos ás clases máis pudentes".

Besteiro e deputadas do PSdeG, este 2 de setembro no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.