Setenta puntos sospeitosos de 'contaminantes eternos' en Galicia, sinalados nunha investigación internacional

Os PFAS utilízanse en produtos como roupas impermeables. O complexo de Alcoa na Mariña é un dos sinalados pola investigación como posible área contaminada por estas substancias CC-BY-SA Fotos: Pxfuel e CIG | Montaxe: Praza.gal

As substancias perfluoroalquiladas e polifluoroalquiladas (PFAS, polas súas siglas en inglés) están moi presentes na nosa vida diaria. Atopámolas, por exemplo, nas nosas cociñas: dende as tixolas antiadherentes ás bolsas de flocos de millo para preparar no microondas. Pero tamén nas nosas roupas -por exemplo, en chuvasqueiros e outras prendas e calzados preparados para repeler a auga-, así como en produtos de limpeza, escumas anti incendios ou materiais de construción, entre outras moitas aplicacións.

Os PFAS son substancias químicas sintéticas presentes en utensilios cotiáns como tixolas antiadherentes ou roupa impermeable. Pero tamén son "extraordinariamente persistentes no medio ambiente nos nosos corpos" e líganse a múltiples enfermidades

Pero a súa evidente utilidade leva anexa unha gran perigosidade. Son, en conxunto, "máis de 4.700 axentes químicos sintéticos" que, detalla a Axencia Europea do Medio Ambiente, son coñecidos como "químicos eternos" ou "contaminantes eternos" por seren "extraordinariamente persistentes no medio ambiente e nos nosos corpos". E existen pescudas, sinala a Axencia, que os ligan a "problemas de saúde como danos hepáticos, enfermidade tiroidea, obesidade, problemas de fertilidade e cancro". Tamén á diminución da resposta inmune na vacinación infantil ou mesmo ao aumento do colesterol, resalta o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

A depuradora dos Praceres e o complexo industrial de Ence, en Pontevedra, son dous dos puntos sinalados nas pescudas de 'The Forever Pollution' CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Pero, como de espallados están estes contaminantes no territorio? Esa é a pregunta que procurou responder unha ampla investigación internacional ao fío da proposta lanzada en febreiro de 2023 pola Axencia Europea de Produtos Químicos para restrinxir o uso dos PFAS. 

Unha vintena de redaccións de toda Europa uníronse en The Forever Pollution Project, no que traballo xornalístico e investigación científica foron da man para, mediante a análise de pescudas previas, peticións ao abeiro das leis de transparencia e outros instrumentos de investigación, localizaren os PFAS no continente. e daren lugar a traballos coma o detallado mapa publicado daquela polo xornal francés Le Monde. No caso español, a pescuda estivo liderado por Datadista, que publicou unha minuciosa peza interactiva ao respecto. Paralelamente, publicaron os datos para a súa consulta e reutilización.

'The Forever Pollution Project' identificou puntos con contaminación por PFAS en toda Europa nun traballo que vén de ser reflectido nunha prestixiosa revista científica. O proxecto sinala puntos sospeitosos de padecérena por albergaren actividades nas que está "documentado que utilizaron ou emitiron" estas substancias

Todo este traballo, así coma os avances da UE para frear os PFAS -os traballos continúan neste 2024- vén de volver á actualidade pola publicación dos resultados de The Forever Pollution Project nun artigo científico na prestixiosa revista Environmental Science & Technology. Nese artigo, os equipos de traballo explican con detalle a metodoloxía que utilizaron non só para situar os puntos nos que está documentada a presenza de contaminación por PFAS. Tamén outros moitos puntos sospeitosos de padeceren esta contaminación por existiren neles "actividades que na actualidade ou no pasado teñen documentado que utilizaron ou emitiron" estas substancias". 

Case 70 destes puntos están en Galicia, segundo as conclusións de The Forever Pollution Project, e engádense aos tres puntos acreditados mediante medicións en augas de Laxe, Vedra e Oímbra, detallados na publicación de Datadista. Trátase, sobre todo, de espazos de verteduras de augas residuais, pero tamén de plantas de tratamento de refugallos e industrias, así coma os tres aeroportos, o arsenal de Ferrol e o aeródromo militar de Lavacolla.

Como explican dende The Forever Pollution Project, a intención desta investigación e da publicación dos datos non é "nomear e avergoñar" ou "estigmatizar" determinadas empresas ou instalacións. O modelo de traballo que empregan para indicar os puntos de presumible contaminación por PFAS "non di que cada lugar estea contaminado" sen lugar a dúbida ningunha, senón para advertir as autoridades de cada territorio de que deben poñer o foco nestes lugares, porque "é moi probable que estean contaminados" por estas perigosas substancias.

Das depuradoras ás factorías de aluminio e as celulosas

Múltiplas depuradoras, plantas de tratamento de refugallos, industrias ou varias madeireiras son identificadas en Galicia como puntos nos que é "moi probable" que exista contaminación por PFAS

Os puntos sospeitosos de padeceren contaminación por PFAS máis abondosos en Galicia están relacionados co tratamento ou vertedura de augas residuais ou contaminadas. Así sucede, por exemplo, nos puntos sinalados na depuradora coruñesa de Bens, no río Lagares en Vigo, na depuradora de Lugo á beira do río Miño, na dos Praceres en Pontevedra ou na de Reza, en Ourense. Como se pode observar no mapa sobre estas liñas, ata 40 vilas e cidades teñen puntos sospeitosos de 'contaminantes eternos' ligados ás augas e o seu tratamento e vertedura.

Xunto a elas aparecen unha planta de xestións de residuos no Porriño e nas Somozas, o controvertido vertedoiro de Miramontes en Santiago e as instalacións de Sogama en Cerceda. E, alén deste sector, espazos industriais nos que, actualmente ou no pasado, as empresas traballaron con produtos químicos, metais ou celulosa.

Vista do complexo de Alcoa entre Cervo e Xove, un dos puntos sinalados no informe © Ecoloxistas en Acción

Entre as industrias identificadas como puntos sospeitosos de contaminación por PFAS, sempre segundo a investigación de The Forever Pollution Project, están empresas do sector do metal como Cortizo (Padrón), Extrugasa (Valga) ou Retsa (Arteixo). Tamén a factoría de Alcoa na Mariña e a fábrica que o mesmo grupo operou no polígono coruñés de Agrela, en cuxa contorna tamén figura como punto de posible contaminación por estas substancias a refinería de Repsol.

No ámbito da industria madeireira e da celulosa destacan tamén as factorías de Finsa en Padrón, Santiago e Rábade, Tableros Hispanos en Lugo, Intasa en San Sadurniño e Coristanco. Xunto a elas, a Papeleira de Brandía, en Santiago, e o complexo de Ence en Pontevedra -compañía que subliña que no seu proceso produtivo  non emprega produtos que inclúan PFAS-.

Advertencia do Sergas

A Consellería de Sanidade sinalou recentemente os PFAS como un dos "problemas de saúde asociados a condicionantes ambientais" fronte aos que cómpre "actuar de maneira urxente"

Á espera das novidades na regulamentación e limitacións no eido europeo, mesmo a propia Xunta admitiu recentemente os perigos dos PFAS. Así, por exemplo, ao reordenar o cadro de persoal da Consellería de Sanidade, en agosto de 2023, o Goberno galego evidenciaba que "os problemas de saúde asociados a condicionantes ambientais son cada vez maiores, polo que debemos actuar de maneira urxente fronte aos retos ambientais que inciden na saúde dos cidadáns".

Sanidade concretaba eses "retos" cos "impactos do cambio climático", pero tamén a "exposición a produtos químicos que poden comportar trastornos endócrinos ou risco de cancro, ou da alteración da calidade da auga ameazada por contaminantes emerxentes". Entre eles resaltaba "praguicidas, microplásticos, PFAS e alteradores endócrinos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.