En 1991 a Unión Europea aprobou unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes contasen con sistemas de tratamento das súas augas residuais “a máis tardar, o 31 de decembro do ano 2000”. Este martes, máis de 17 anos despois, o Goberno central e a Xunta inauguraron a nova depuradora de Vigo que permitirá á fin que a principal cidade galega cumpra con esa obriga. Porén, e malia a ameaza recorrente de sanción por parte da UE, aínda haberá que agardar para que pase o mesmo noutras varias aglomeracións urbanas de Galicia.
A UE obriga desde 2000 a que todas as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes traten as súas augas residuais, esixencia que en Galicia aínda se incumpre en varias zonas
O discurso das autoridades presentes este martes en Vigo, na nova planta de tratamento xunto á desembocadura do río Lagares, obviou ese atraso e centrouse en gabar o investimento de 210 millóns de euros realizado na nova estación depuradora de augas residuais (Edar), cifra que aumenta en varias ducias de millóns máis se se teñen en conta outras actuacións complementarias. “Demostramos que tanto a Xunta como o Goberno central cumprimos coa depuración de Vigo”, chegou a dicir este martes o presidente Feijóo.
A realidade é que tras a aprobación en 1991 da Directiva europea sobre as augas residuais, os pasos que deu Galicia foron insuficientes para cumprila. No caso de Vigo, onde hoxe se levanta a inaugurada este martes construíuse unha primeira depuradora posta en servizo en 1997 e xa desde ese momento insuficiente. En 2001 ampliouse, pero seguiu a ser insuficiente para tratar todas as augas residuais da cidade e os seus vertidos á ría sen depurar foron constantes.
Neses primeiros anos do século varias inspeccións europeas alertaron da gravidade duns vertidos, tanto en Vigo como noutros puntos de Galicia, que se estaban a producir en augas, as das rías galegas, que se empregan para a produción de alimentos para consumo humano. O Goberno central daquela presidido por José María Aznar obviou a situación, o que levou á Comisión Europea a propor unha sanción por incumprimento contra España.
En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou o incumprimento por parte de España da Directiva europea, pero a Comisión Europea vén adiando a sanción e conformándose con sucesivas promesas de que se está a traballar na mellora da situación
En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou ese incumprimento e certificou que unha década despois, entre outros puntos do Estado, non se estaba a cumprir a Directiva sobre saneamento de augas en Vigo, A Coruña, Santiago, Tui, Baiona, a marxe norte da ría de Arousa, Noia, Cariño e Viveiro. Pero a Comisión pasou nese momento a contentarse coas xustificacións que lle foi dando o Goberno central de que xa se estaba a traballar para mellorar a situación e foi adiando a sanción. Ao tempo, nos comicios europeos de 2014, o PP chegou a elevar a proposta electoral non o cumprimento da normativa senón que o seu incumprimento non implicase sancións.
No caso de Vigo esa ameaza constante de sancións europeas non impediu que Goberno central e Xunta, as dúas administracións responsables principais do financiamento da nova depuradora, tropezasen en sucesivas discrepancias, que se produciron mesmo nos períodos en que as dúas administracións estiveron gobernadas polos mesmos partidos e que foron atrasaron o proxecto. O resultado foi que a construción da nova depuradora non se iniciou ata 2012 e o seu prazo de execución de dous anos case que se triplicou.
A nova planta permitirá a depuración da gran maioría das augas residuais da cidade, pero o propio Feijóo admitiu este martes de xeito implícito que no resto da ría quedan actuacións pendentes para mellorar a calidade das augas, en particular no fondo da mesma, na enseada de San Simón. E o mesmo pasa en varias zonas do resto de Galicia, como a propia capital, Santiago, ou en varias partes da ría de Arousa, ou na de Ferrol, ou na do Burgo, ou en Viveiro...