0 Gardados para despois

O Goberno de España admite que aínda non ten prazo nin orzamento para limpar a ría do Burgo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Non hai prazos nin orzamentos. E a súa existencia dependerá dos "ritmos e tempos" dun documento adiado tras ser presentado ás présas pouco antes das eleccións xerais de decembro de 2015. A ministra de Agricultura e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, vén de confirmar no Congreso que o testemuñal millón de euros consignado os Orzamentos Xerais do Estado para o dagrado da coruñesa ría do Burgo, isto é, para a súa limpeza, é reflexo da ausencia dun plan a curto prazo para unha actuación ambiental que acumula anos de trámites e peticións do sector marisqueiro, da oposición, dos concellos e mais de colectivos que a pasada fin de semana volveron levar esta reivindicación ás rúas.

A resposta de Tejerina a unha interpelación do deputado de En Marea Antón Gómez-Reino vén confirmar os temores expresados hai máis dun ano pola Mesa da Ría, que xunta os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, á Universidade, á Confraría de Pescadores e á propia plataforma cidadá. Tras ser emprazada polo parlamentario a desmentir se hai algo máis ca "fume" nos seus plans ao respecto a ministra comezou por reclamar "deixar claro que non é bo mesturar saneamento e depuración con dragado" para despois indicar que "será o proxecto" da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do dragado -tiña que estar rematada en xullo do ano pasado e foi atrasada, como adiantou La Opinión de A Coruña- o que permita ofrecer algunha concreción.

O gabinete de Mariano Rajoy, defende a titular de Medio Ambiente, está "cumprindo o ordenamento xurídico" e "dando garantías", por iso "en tanto non haxa DIA non se pode licitar ningún proxecto". O documento, dixo sen agregar horizonte ningún, "está en trámite de avaliación e será posteriormente cando todas as partes, incluídos concellos" poidan "acordar o financiamento". "Aí -retou- será cando veremos o valor que conceden á cuestión", xa que a operación implica "a algún concello gobernado por partidos adscritos ao seu grupo", en referencia á Coruña e á Marea Atlántica.

Gómez-Reino (En Marea) censura que o Ministerio só ofreza "fume" para a ría do Burgo tras presentar o proxecto de dragado xusto antes das eleccións de 2015

"Só faltaba que impute aos concellos, que ademais están facendo un traballo moi importante para chegar ao vertido cero, o problema da ría do Burgo", retrucou Gómez-Reino, quen presentou como "crucial" a "actuación integral" nunha ría na que, lembra, "hai 30 anos traballaban da orde de 2.000 persoas e a día de hoxe, menos de 100".  "O Ministerio está redactando o proxecto sobre o dragado" e "unha vez que se emita a DIA, acordarase o financiamento", reiterou Tejerina. "Non digo que o faga o Concello, digo que esperamos a súa participación porque será unha proba importante", agregou poucos días despois de que o Parlamento galego aprobase por unanimidade unha iniciativa do BNG para "axilizar a tramitación" deste proxecto "e iniciar as obras de dragado este mesmo ano".

Defensa da prórroga de ENCE

A interpelación de Gómez-Reino a Tejerina sobre as rías galegas detívose tamén nos efectos da "contaminación industrial" derivadas, dixo, do "favorecemento ás industrias dos amigos" do PP, caso de ENCE, cun consello de administración inzado de "ex-altos cargos do seu partido". Na liña do manifestado por diversos cargos do PP dende a concesión da prórroga en xaneiro de 2016 a ministra sentenciou que esa prolongación "non a concedeu o Goberno", toda vez que é "unha prórroga administrativa, un mero feito administrativo" que acontece "co goberno en plenos poderes ou sen goberno" e sempre "con pleno sometemento á legalidade".

Tejerina defende a concesión da prórroga a ENCE e carga contra os concellos de Pontevedra, Santiago e Ferrol

Gómez-Reino, reclamou, debería ademais ter en conta que "hai melloras comprometidas pola empresa por 61 millóns de euros" -a compañía anunciou recentemente unha redución de partidas para Pontevedra-. A pasteira, enxalzou, "ademais de xerar emprego, que é importante para a súa terra", está disposta a aplicar "melloras medioambientais" que "non foron iniciadas porque a Administrasción competente non outorgou os permisos", acusou, en referencia ao Concello de Pontevedra.

As críticas aos concellos coruñés e pontevedrés estendéronse tamén aos gobernos locais de Ferrol e de Santiago no que atinxe ás depuradoras de aguas residuais. Así, a ministra resalta que "se non se asinou" aínda o convenio para a depuradora compostelá do Souto "foi a petición do Concello, que está revisando o proxecto" e "marcando os tempos". Igualmente, censura que "o alcalde de Ferrol -"El Ferrol", en todas as intervencións da ministra-, de Ferrol en Común, mantivo a obra dos interceptores xerais parada durante un ano, co conseguinte prexuízo ambiental e social".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.