A Xunta sae en defensa de ENCE tras anunciar que investirá 49 millóns menos do previsto en Pontevedra

Treitos da documentación remitida por ENCE á CNMV CC-BY-SA Praza Pública

A finais de xuño de 2016 o vicepresidente da Xunta e a conselleira de Medio Ambiente sentaban á mesma mesa co conselleiro delegado de ENCE, Ignacio Colmenares, para asinar o denominado "pacto ambiental", un documento con diversos compromisos que a empresa dixo asumir tras a prórroga á súa permanencia na ría de Pontevedra ata 2073, outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións. Naquel acto Alfonso Rueda, Beatriz Mato e o alto executivo da pasteira deron por feitos múltiples investimentos, entre eles a construción dunha planta de biomasa de 40 megavatios en Lourizán. Menos dun ano despois compañía vén de comunicar á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que esa planta será construída finalmente en Huelva e, ao mesmo tempo, que investirá 49 millóns de euros menos do previsto en Pontevedra. Tras ambos anuncios, no entanto, a Xunta volveu saír en defensa de ENCE.

Na súa condición de empresa que cotiza en bolsa ENCE remitiu á CNMV no inicio desta semana unha actualización dos investimentos que tiña previstos no seu plan estratéxico 2017-2020. O primeiro anuncio do documento é diáfano: "A nova planta de biomasa desenvolverase en Huelva, dentro do negocio de enerxía". Nas páxinas seguintes desenvolve unhas novas cifras que, en termos xerais, se traducen en maior produción ao pé da ría pontevedresa pero con menos investimento. Nomeadamente, tras a parada anual de mantementeo de marzo de 2018 prevé a ampliación de capacidade de 30.000 toneladas" e un ano despois, 40.000 toneladas adicionais. En 2019, indica, realizará unha "repotenciación da turbina" -de 27 a 35 megavatios- da fábrica tras a que virán 10.000 toneladas máis "como resultado de melloras da eficiencia".

A pasteira anuncia á CNMV a redución do investimento e que finalmente construirá a súa planta de biomasa en Huelva

Serán, deste xeito, un total de 70.000 toneladas máis nun contexto no que o investimento de 173 millóns de euros que prometera queda en 124, unha redución de 49 millóns aos que habería que sumar os 74 da planta de biomasa que finalmente será construída en Huelva. A explicación oficial da compañía a respecto desta mudanza de Galicia a Andalucía é que a tramitación dos permisos deste proxecto demoraría uns dous anos que a deixarían fóra da adxudicación que logrou do Goberno central no pasado 2016.

Reaccións da Xunta, do Concello e da APDR

O anuncio de ENCE, realizado apenas unha semana despois de publicar o seu beneficio neto do 2016 -38,7 millóns de euros, foi acollido no Concello de Pontevedra como unha nova mostra das "promesas falsas" da pasteira. Para o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, queda claro que o único plan da empresa para a fábrica á beira da ría é producir máis e investir menos, o que proba que lle "tomaron o pelo descaradamente" ao PP. Ábrese, ironiza en declaracións que recolle Pontevedra Viva,"unha ocasión que nin pintada" para que ENCE marche da ría como estaba previsto, en 2018, e para que os conservadores "reconsideren" o seu apoio.

Rueda culpa o Concello de que ENCE non cumpra o prometido e Lores lamenta que o vicepresidente exerza de "membro virtual" do consello de administración da pasteira

Esa reconsideración semella, en calquera caso, que non sucederá. Así, tras coñecer que ENCE non cumprirá os investimentos ofrecidos o vicepresidente Rueda culpou dos novos plans ao goberno local. "É unha demostración máis de que ás empresas que crean postos de traballo hai que darlles facilidades" e "non poñer atrancos" á súa actividade. "Supoño que terá influído" que o Concello pontevedrés se opón á permanencia de ENCE na ría, especula Rueda, algo que non sucede en Huelva nin en Asturias, onde a pasteira ubica outra das súas plantas. A resposta de Rueda é para Lores unha mostra de que o número dous do Goberno galego continuará a actuar como "mamporrero de ENCE" e "membro virtual" do seu consello de administración.

Neste contexto, a Asociación para a Defensa da Ría ve clara a "verdadeira cara" de ENCE, pero tamén "a catadura moral dos responsables da Xunta" que, ata un novo "incumprimento", outran por "ollar cara a outro lado". "Con independencia da nosa posición ao respecto, a realidade é que ENCE non vai instalar en Lourizán a prometida planta", algo que "debería facer meditar a todas aquelas persoas que ceden ás chantaxes da empresa e aceptan a súa continuidade na ría como un mal menor".

Mato, Rueda e o conselleiro delegado de ENCE © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.