0 Gardados para despois

A Xunta intercede por ENCE ante a Deputación de Pontevedra, que non cederá o pazo de Lourizán á empresa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"A Xunta veu facer de intermediaria de ENCE e nós non estamos de acordo. A resposta é non". O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e mais a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, acudiron este luns á sede da Deputación de Pontevedra: que a institución provincial accedese a ceder a ENCE as instalacións do Pazo de Lourizán que a pasteira puidese instalar alí o seu centro tecnolóxico e, a cambio, rehabilitase o emblemático edificio. A presidenta da entidade pontevedresa, Carmela Silva, e mais o seu vicepresidente, César Mosquera, aseguraron estar dispostos a "colaborar" coa Xunta, pero non con ENCE, que non poderá facerse co pazo.

O histórico complexo de Lourizán é propiedade da Deputación pero, en virtude dun convenio actualizado no ano 2000 e que non expira ata 2021, o Goberno galego pode facer uso del para desenvolver alí "un proxecto ambiental que inclúa a investigación da xestión sostible do monte", usos museísticos e un espazo público, lembra Silva. Se a proposta fose "que a Xunta desenvolve ese proxecto ambiental e efectúa obras de conservación, a Deputación colaboraría", afirma. Pero o que Rueda e Mato poñen sobre a mesa é "entrarmos no pacto do PP con ENCE", agrega Mosquera.

"A Xunta veu facer de intermediaria para regalarlle a ENCE unha parcela e un pazo público: a resposta é non"

"Se queren regalarlle a ENCE unha parcela e un pazo público para que desenvolva o seu proxecto, a resposta é non", enfatiza a socialista, quen amosou á prensa o dossier achegado á xuntanza polos responsables do Goberno galego, elaborado pola empresa papeleira. "Esta Administración non está disposta a avaliar un proxecto dunha empresa privada que di que quere achegar recursos porque tivo 60 anos máis de concesión", porque "este goberno está en contra de que ENCE se manteña na ría", zanxa, aliñando así a postura coas reclamacións que fixeran colectivos como a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e pechando a porta ás reclamacións da compañía.

Contrariedade de Rueda

Rueda acusa a PSdeG e BNG de "obstaculizar" un investimento de 5 millóns de euros

A negativa de socialistas e nacionalistas foi acollida con contrariedade por Rueda. O tamén presidente provincial do PP pontevedrés ve consumada a obstaculización "dun investimento de 5 millóns de euros en Lourizán", a cantidade contemplada no pacto asinado por ENCE e a Xunta para a posta en marcha dun "novo centro de investigación que dinamice o emprego especializado na explotación sostible dos recursos forestais" e "realización dos traballos para fixar a súa sede mediante rehabilitación de edificio ou construción dun de nova planta".

A Xunta, admite o número dous de Alberto Núñez Feijóo, acudiu á Deputación pontevedresa "de parte da empresa" despois da "solicitude" que ENCE formulou ao Goberno galego. Pero a entidade provincial, acusa, impide que "o pazo e a comarca" tornen en "referencia do I+D a nivel nacional no eido forestal", unha "obra que sería moi bonita" porque implicaría a "rehabilitación do pazo". A Xunta, conclúe Rueda, "lamenta que a Deputación cambiase de idea" e insta a "recordar" que o Goberno galego "puxo todo da súa parte para que a recuperación do pazo fose unha realidade". Agora, afirma, o Executivo galego procurará que este centro se instale noutro emprazamento da comarca de Pontevedra.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.