0 Gardados para despois

O Goberno central volve adiar o dragado da ría do Burgo tras anuncialo en campaña

Redacción | @prazapublica

O Goberno central volve atrasar o dragado da Ría do Burgo, logo de que durante a campaña electoral das xerais o anunciase en repetidas ocasións. O Ministerio de Medio Ambiente vén de solicitar que se amplíe o prazo para presentar alegacións ata o 21 de xullo cando, segundo o que se prevía, remataba xa a vindeira semana. A Mesa da Ría, reunida durante este luns, cre que esta nova demora é unha demostración de que tanto á Xunta como o Executivo central xogaron cos tempos e cos intereses electorais dos comicios mentres a ría continúa agardando. 

Medio Ambiente solicita que se amplíe o prazo ata xullo cando remataba xa a pasada semana

Con esta ampliación, o dragado da ría do Burgo non comezaría ata o ano 2018 e desde A Mesa da Ría -que xunta os concellos da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, a Universidade, a Confraría de Pescadores e a plataforma en defensa do estuario- cren que o Goberno central sacou ás présas o proxecto para que fora publicado no BOE, pero sen comentarlles nunca aos implicados nada sobre unha prórroga do prazo, que foi solicitado polo Ministerio de Medio Ambiente no mes de setembro pero que non foi anunciada á Mesa na reunión que tiveron en novembro e na que estivo presente o xefe da Demarcación de Costas. 

A Mesa da Ría cre que o Goberno xoga coas datas de maneira "electoralista" e lembra que nunca avisou de que solicitara o adiamento malia telo solicitado

Porque o prazo para presentar estas alegacións finalizaba o 14 de xaneiro e a Mesa solicitaba 15 días máis de prazo, tendo en conta o complexo do documento e que as festas do Nadal cadraban no medio. Foi precisamente Demarcación de Costas de Galicia quen solicitou o 14 de setembro esta ampliación, pero os mariscadores negan que fosen advertidos da solicitude e moito menos de que fora por seis meses. 

A Mesa da Ría vai máis aló e cre que a ampliación ata xullo deste prazo de alegacións é tamén un intento de xogar coas datas ante as vindeiras eleccións autonómicas. Sexa como for, esta demora atrasa o proxecto seis meses máis. "Moito nos tememos que todo vai quedar, coma sempre, no esquecemento", advirten. "O documento deuse a coñecer pouco antes das xerais e agora buscan que coincida coas galegas", asegura Manuel Baldomir, voceiro dos mariscadores.

"O documento deuse a coñecer pouco antes das xerais e agora buscan que coincida coas galegas"

A Confraría, ademais, solicitar unha ampliación do praz nuns quince días, pero este incremento en varios meses e sen posibilidade de recurso supón, para a organización, un intento por adiar o proxecto. Desde A Mesa da Ría insisten nas súas dúbidas de que haxa orzamento dabondo para levar a cabo o proxecto en prazo e advirten de que non será posible mariscar mentres traballan as máquinas no burgo. 

O custo da obra supera os 46 millóns de euros pero tan só hai orzamentado 1 millón para o vindeiro exercicio, metnres que para os próximos catro anos a previsión é de 7 millóns, polo que aínda quedarían preto de 40 por achegar. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.