Varias das principais cidades galegas rexistraron durante case 300 días do pasado 2022 temperaturas por riba do normal. Así sucedeu, por exemplo, en Vigo ou Santiago. Outra localidades rexistraron no verán récords térmicos absolutos dende que hai datos comparables, como os 44ºC rexistrados en xullo na cidade de Ourense. Así o acreditan os datos dos servizos meteorolóxicos e tamén estudos como os realizados polo científico climático Dominic Royé, que debullou recentemente en Praza.gal varias das súas descubertas.
Royé liga directamente estas anomalías coa crise climática, unha mudanza no clima que ten por tras a man humana e que, resalta, segue avanzando. Facíao despois dun ano, o 2022, no que Galicia rexistrou os seus maiores incendios forestais dende que hai datos comparables, con entre 11.000 e 13.000 hectáreas ardidas no Courel durante a vaga de calor de xullo nuns días nos que en Valdeorras arderon unhas 10.500 hectáreas.
Fontes expertas advertiran daquela que ambos focos de lume, iniciados por raios das fortes treboadas, tiveran tal intensidade que chegaran a "interactuar claramente". Ambos, como outros en anos anteriores, responderan en boa medida aos retratos robot dos novos incendios que trae consigo a crise climática: menos numerosos pero máis extensos, máis prolongados no tema e practicamente "incontrolables" ata que as condicións meteorolóxicas non mudan.
Cidades galegas como Vigo ou Santiago rexistraron case 300 días con temperaturas por riba do normal en 2022, ano no que Galicia sufriu o maior incendio forestal dende que hai rexistros comparables mentres continúan as advertencias científicas sobre a suba do nivel do mar
As advertencias sobre os efectos do cambio climático xa palpables en Galicia engádense a outras orientadas ao medio prazo que viñeron chegando nos últimos anos e foco tamén no noso país. Así, por exemplo, en 2019 un estudo publicado na revista Nature Communications analizaba as zonas en risco pola suba do nivel do mar no horizonte de 2050 e plasmaba as súas conclusión en mapas interactivos nos que o mar puña en perigo, por exemplo, varios peiraos da Coruña e Vigo, practicamente a metade da Illa de Arousa, as dunas de Corrubedo ou zonas de núcleos urbanos na Pobra do Caramiñal ou Betanzos, entre outras.
Esta é só parte do pano de fondo dunha crise climática que as autoridades europeas, estatais e galegas din estar dispostas a abordar. Por exemplo, no caso do Goberno de Galicia, a través da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, con medidas que van dende as reducións de emisións contaminantes á eficiencia enerxética, entre outras. Non obstante, estes documentos e medidas conviven no remate de 2022 e no inicio de 2022 con elementos da axenda política galega que van xusto na dirección contraria, caso das apostas por manter a ocupación privada da primeira liña de costa a longo prazo ou as subvencións á mobilidade en vehículo privado.
Campaña política da Xunta pola ocupación privada do litoral
A defensa da ocupación privada do litoral vén sendo o eixo central dunha campaña política da Xunta e do PP galego dende o cambio de signo político no Goberno de España en 2018, coa defensa da permanencia da fábrica de Ence en terreos públicos á beira da ría de Pontevedra como emblema, pero indo moi alén. Especialmente para rexeitar a Lei de Cambio Climático que, entre moitas outras disposicións, incluíu cambios na Lei de Costas para que as concesións no litoral estean limitadas a un máximo de 75 anos, posibles prórrogas incluídas.
A Xunta lanzou a súa campaña a prol da ocupación privada da costa ao fío do conflito de Ence e da nova le de cambio climático. O último paso é o lanzamento dun anteproxecto de lei do litoral
Tras meses con diversas iniciativas (dende vídeos a amagos de litixios xudiciais ou mobilizacións dos concellos costeiros), a Xunta condensou as súas reivindicacións na materia nun anteproxecto de lei do litoral co que, di, pretende asumir a xestión destas ocupacións privadas de terreos públicos da costa sen necesidade de que o Estado lle transfira as competencias e sen reformar o Estatuto, como indica o Goberno de España. Entre as medidas contempladas nesa lei -de momento, anteproxecto- inclúese o impulso a unha rede de hoteis en edificios sen uso en primeira liña de costa, unha acción que para o Executivo que preside Alfonso Rueda é "esencial para o desenvolvemento sustentable".
Subvencións á mobilidade en vehículo privado nas autoestradas
O lanzamento deste proxecto de lei do litoral, o pasado decembro, cadrou no tempo coa enésima controversia pola suba das tarifas da autoestrada AP-9, cuxa concesión a Audasa finalizaría precisamente en 2023 se o Goberno de Aznar non a prorrogase no ano 2000 ata 2048. A evolución da inflación e a compensación polas últimas obras de ampliación provocaría que, aplicando a fórmula habitual, os prezos da Autoestrada do Atlántico subisen practicamente un 9%.
Finalmente, o Estado decidiu subvencionar a metade da suba e deixar o incremento nun 4%, o mesmo que na AP-53 (Santiago-Lalín). Esta compensación estatal engádese aos case 70 millóns de euros que os Orzamentos Xerais do Estado xa contemplaban para financiar os descontos xerais vixentes na AP-9 dende 2021, coas viaxes de volta gratuítas en menos de 24 horas como medida estrela, bonificacións que impactan, sobre todo, nos desprazamentos en vehículo privado.
O Goberno de España, que xa incluíra case 70 millóns de euros nos seus Orzamentos de 2023 para bonificacións de peaxe na AP-9, aprobou novas subvencións para reducir á metade o incremento da tarifa nesta autoestrada e, no caso galego, tamén na AP-53
O plan, así e todo, foi considerado insuficiente pola Xunta, que nas dúas autoestradas que dependen dela (AG-55 A Coruña-Carballo e a AG-57 Vigo-Val Miñor) subvenciona integramente a suba de peaxes de 2023, dando lugar así a unha "conxelación" de prezos. Esa conxelación reclamouna tamén para a AP-9, reclamación á que no Parlamento de Galicia se engadiron BNG e PSdeG, mediante a aprobación unánime dunha iniciativa ao respecto formulada pola formación soberanista. Todo, nun contexto no que os populares veñen lanzando, en vésperas das eleccións municipais, diversas peticións e iniciativas para reverter ou enfraquecer apostas polo tránsito peonil ou en bicicleta en cidades como A Coruña, Pontevedra ou Lugo.
Estas accións a prol da ocupación privada do litoral e da subvención ao transporte en vehículo privado conviven coas devanditas evidencias e advertencias a respecto da crise climática, das emisións contaminantes entre as súas causas e da suba das temperaturas e do nivel do mar entre as súas consecuencias. Rexístranse tamén, non obstante, mentres continúan en marcha iniciativas para o fomento do transporte público coma os abonos ferroviarios gratuítos ou os descontos nos autobuses interurbanos postos en marcha non ao fío da crise climática, senón pola crise enerxética global que se disparou tras a invasión rusa na Ucraína e as sancións internacionais derivadas da mesma.
Interesouche esta información?
Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.