MeteoGalicia certifica a “vaga de calor histórica” dos días 11 a 15 de xullo, con ata 44 graos en Ourense na tarde do día 14

Un dos incendios provocados polos raios do 14 de xullo © Concello de Baiona

Na tarde do día 14 unha tormenta inusual deixou “máis de 6.000 raios en menos de catro horas”

“Galicia viviu unha vaga de calor histórica” entre os días 11 e 15 de xullo. Así o vén de certificar MeteoGalicia no avance do seu informe mensual correspondente ao mes pasado divulgado este luns pola Xunta. Segundo o departamento, “tanto nas máximas como nas medias a anomalía en xullo foi a máis elevada da serie desde 1981”, con rexistros puntuais que chegaron a 44 graos en Ourense na tarde do día 14.

Mapa de temperaturas máximas do 12 de xullo CC-BY-SA MeteoGalicia

Segundo MeteoGalicia, o país rexistrou “un mes de xullo moi seco no que respecta ás precipitacións e extremadamente cálido canto ás temperaturas”. E engade que “segundo os datos de 11 estacións meteorolóxicas representativas, a anomalía media da temperatura para este mes foi de +2,7 ºC. As temperaturas máximas (+3,9 ºC) foron extremadamente cálidas mentres que as mínimas (+1,54 ºC) foron moi cálidas”, e tanto as máximas como as medias foron as máis elevadas desde 1981.

O valor medio das temperaturas máximas chegou a valores próximos aos 36 ºC nas ribeiras do Sil, no Miño ourensán e na comarca de Verín. Mentres que os valores máis baixos das temperaturas máximas déronse na Mariña luguesa e na comarca de Ortegal, con valores próximos aos 18,4 ºC.

As precipitacións en xullo foron un 66% inferiores ao habitual

No que respecta ás precipitacións, MeteoGalicia di que “a anomalía media, obtida a partir dos datos de 16 estacións meteorolóxicas representativas, foi un 66% inferior ao valor climático normal, o que fai que poida considerarse este mes como moi seco”.

Vista da ponte romana de Ourense e da súa contorna, nunha imaxe de arquivo © Concello de Ourense

O departamento describe como “a grande anomalía positiva nas temperaturas e a escaseza de precipitacións teñen a súa explicación nas altas presións, que foron predominantes durante o pasado mes impedindo a chegada de influencias atlánticas e achegando masas de aire moi cálido procedentes no norte de África e do sur da península Ibérica”. 

Ademais, salienta como na tarde do día 14, cando en Ourense se rexistraron ata 44 graos, produciuse un “sistema convectivo de mesoescala” de xeito que “unha área de tormentas no norte de Portugal disparou de xeito súbito e rápido un área tormentosa do tamaño de Galicia que en menos de 4 horas deixou máis de 6.000 raios”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.