Varios incendios tras unha noite de raios queiman 1.300 hectáreas por toda Galicia

Incendio en Baiona orixinado na parroquia de Baredo afectando ás proximidades do CEIP Fontes da veciña parroquia de Baíña © Concello de Baiona

Na tarde do xoves só había dous incendios de relevancia e medio día despois a Xunta informa doutros nove nun contexto de alerta por altas temperaturas e cos encoros coas reservas máis baixas da última década

Na tarde deste xoves había activos en toda Galicia só dous incendios de relevancia, en Ribadavia e Melón, con 65 e 50 hectáreas afectadas cada un. Nas horas seguintes rexistráronse por todo o país treboadas que deixaron chuvia pero tamén un importante número de raios que estarían detrás dalgúns dos incendios que se produciron a continuación e que en apenas medio día consumiron arredor de 1.300 hectáreas, nun contexto dunha vaga de calor mesmo con alerta vermella por altas temperaturas e cos encoros coas reservas de auga máis baixas da última década.

Incendio na parroquia baionesa de Baredo © Concello de Baiona

Desde 2009 a Consellería do Medio Rural só informa dos incendios que afectan a máis de 20 hectáreas, a espazos protexidos ou que poden poñer en perigo á poboación ou que. Se este xoves só cumprían eses requisitos os incendios de Ribadavia e Melón, que comezaran o luns e o martes e que aínda non se dan por controlados senón só por estabilizados, no parte das 14 horas deste venres a consellería suma outros nove incendios, todos eles activos a esa hora:

  • Folgoso do Courel: Está decretada como medida preventiva a Situación 2 por risco da poboación en dous incendios nas parroquias de Seceda, con 200 hectáreas, e Vilamor, con 300 hectáreas. Nos dous casos está a traballar xa a Unidade Militar de Emerxencias. Tamén na parroquia de Vilamor hai un terceiro lume de menor entidade con 92 hectáreas afectadas.
  • Quiroga: Na parroquia de Outeiro un incendio afecta a 200 hectáreas.
  • A Pobra do Brollón: Na parroquia de Saa un lume queima xa 65 hectáreas e tras o parte das 14 horas a Xunta tamén informou de que se solicitara a Situación 2. O conselleiro de Medio Rural anunciou o seu desprazamento a este lume na tarde deste venres.
  • Vilariño de Conso: Na parroquia de Pradoalbar queimáronse xa 40 hectáreas dentro do parque natural do Invernadeiro.
  • Carballeda de Valdeorras: Na parroquia de Riodolas, salpicada polas grandes canteiras de lousa da zona, un incendio afecta a 400 hectáreas.
  • Baiona: Na parroquia de Baredo un incendio supera as 40 hectáreas e aproximouse a zonas habitadas da veciña parroquia de Baíña.
  • Cualedro: Na parroquia da Xironda hai tamén un lume dunhas 40 hectáreas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.