Os pouco máis de dous mil hectómetros cúbicos contidos nos encoros galegos supoñen a cifra máis baixa nunha primeira semana de xullo dende o ano 1990
Dende o ano 1990 nunca os encoros galegos estiveran tan baleiros na primeira semana de xullo. Galicia chega ao verán nun ano marcado por un outono e un inverno con moi poucas precipitacións (o inverno máis seco en catro décadas) que a primavera non axudou a paliar. Os últimos datos, correspondentes ao 5 de xullo, amosan que os encoros da demarcación Galicia-Costa se atopan ao 68,1% da súa capacidade, con 466 hectómetros cúbicos, o dato máis reducido dende o 2011, e moi por debaixo dos datos de 2020 (541) e 2021 (518).
Pola súa banda, os encoros da demarcación Miño-Sil están ao 53,2% da súa capacidade. Os 1.612 hectómetros cúbicos que acumulan supoñen a cifra máis baixa dende o verán de 1990, un ano marcado por unha prolongada seca que obrigou a realizar cortes no subministro de auga á poboación. A auga contida nos encoros da demarcación Miño-Sil está moi lonxe dos datos de 2020 (2.362 hm3) e 2021 (1.904 hm3).
O problema é que o nivel dos encoros vai seguir descendendo ata cando menos a metade do outono, cando o incremento das precipitacións contribúe todos os anos a encher as reservas para o ano seguinte. É por isto que Galicia se atopa en prealerta por seca dende a primavera: o 6 de abril activou a declaración en toda a conca Galicia-Costa e Confederación Hidrográfica Miño-Sil fixo o mesmo na maior parte da súa demarcación o pasado 4 de maio.
A Xunta recomenda aos concellos que reduzan a rega de parques e xardíns e as presións das redes de abastecemento durante as noites. Así mesmo, pídese á poboación limitar a renovación de auga nas piscinas e que faga un uso eficiente da auga no lavado de coches
Dende o mes de maio Augas de Galicia, dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, fixo chegar aos concellos da conca Galicia Costa unha serie de recomendacións, entre as que se atopa a redución da rega de parques e xardíns e das presións das redes de abastecemento durante as noites. Tamén insta a revisar as instalacións para evitar fugas e a minimizar os mangueirazos nas rúas. Augas de Galicia pide que os concellos trasladen estas recomendacións á poboación das súas localidades, á que se lle pide que restrinxa a renovación de auga nas piscinas e que faga un uso eficiente da auga no lavado de coches, entre outros consellos.
A Oficina Técnica da Seca sinala que aínda que o abastecemento á poboación non presenta aínda problemas de escaseza, o déficit de caudais circulantes nos ríos da demarcación Galicia Costa desde setembro de 2021 "está a producir unha situación de estrés hídrico nos ecosistemas naturais dos nosos ríos"
Na última xuntanza da Oficina Técnica da Seca, Augas de Galicia subliñou que aínda que o abastecemento á poboación non presentaba aínda problemas de escaseza, o déficit de caudais circulantes nos ríos da demarcación Galicia Costa desde setembro de 2021 "está a producir unha situación de estrés hídrico nos ecosistemas naturais dos nosos ríos". Por ese motivo facía un chamamento a un "consumo responsable da poboación e dos xestores dos servizos municipais de abastecemento", importante "para preservar as reservas que se necesitarán ata a chegada da nova temporada de choivas" e tamén "para preservar e evitar un maior deterioro do ciclo hidrolóxico natural".
A Oficina Técnica da Seca fai un chamamento a que os concellos, "responsables de garantir o correcto funcionamento dos seus servizos de abastecemento", elaboren (no caso de non dispor xa deste) e apliquen os seus plans de emerxencia fronte a seca e que apliquen todas as medidas de control e redución de consumos non esenciais, acordes coa situación particular na que se atopen.
Novo Plan de Seca
Hai uns días o Diario Oficial de Galicia publicou a aprobación do novo Plan de seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, dependente da Xunta, un plan que busca dar unha "resposta coordinada ante estes eventos de escaseza dos recursos hídricos" co obxectivo de "garantir o abastecemento de auga á poboación". O Goberno galego decidiu a modificación do anterior Plan de seca, ante os cada vez máis frecuentes "episodios de escaseza de auga" provocados polo "contexto do cambio climático".
A Xunta vén de aprobar un novo Plan de seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, que establece distintos escenarios posibles: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia
En relación coa escaseza conxuntural, o Plan establece distintos escenarios posibles: normalidade, prealerta, alerta e emerxencia. No estado de prealerta "poderanse aplicar medidas de aforro e control da demanda, como a reutilización de augas residuais para usos urbanos ou a aplicación dun réxime de caudais ecolóxicos menos esixentes".
No estado de alerta reduciranse as dotacións para o abastecemento en alta, podéndose limitar determinados usos recreativos e reducir as presións nocturnas, entre outros. En relación coa oferta, proponse impoñer a substitución de parte de caudais concesionais por outros de distinta orixe ou utilizar medios excepcionais como cisternas. En relación á preservación dos ecosistemas, engádese a valoración de posibilidade de evacuación de ictiofauna ante risco de mortalidade.
Finalmente, no estado de emerxencia, poderase proceder á modificación e mesmo á suspensión temporal de autorizacións de vertedura, a prohibición de usos, a redución de volume para abastecemento urbano e industrial do 25%, cortes temporais, adaptación da saída dos encoros ou o aumento da vixilancia sobre o estado das masas.