Así descendeu en menos de dous meses o nivel de auga nos encoros investigados en Galicia

Encoro das Portas, en Vilariño de Conso, o 23 de xuño e o 17 de agosto de 2021 © Sentinel

O Ministerio para a Transición Ecolóxica abriu expediente a Iberdrola e Naturgy pola xestión dos encoros de Belesar, Cenza, As Portas e Salas

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) abriu expediente a Iberdrola e Naturgy pola xestión dalgúns dos encoros que teñen en Galicia. Son os de Cenza, As Portas, e Salas, na provincia de Ourense, e o de Belesar, en Lugo, nos que se investiga un posible "incumprimento das condicións de explotación ou do caudal ecolóxico" por parte das empresas eléctricas, logo da brusca baixada do nivel das augas nas últimas semanas, denunciada por veciñanza, administracións, asociacións ecoloxistas e a propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, conca onde se sitúan as catro presas. 

Evolución da auga encorada nas Portas, con imaxes do 23 de xuño, 16 de xullo e 17 de agosto © Sentinel

"Son expedientes informativos para un control exhaustivo dos datos que poderían dar lugar, en caso de incumprimento, a un expediente sancionador", di a Confederación, encargada de levar a cabo o procedemento impulsado polo Ministerio, de quen depende a entidade encargada da administración hidráulica da conca. 

Desde hai días, son constantes as denuncias de veciñanza, expertos medioambientais ou colectivos ecoloxistas que advirten do grave risco que corren os ecosistemas dos encoros galegos afectados por estas baixadas importantes do nivel de auga, que impactan tamén nos ríos, ademais de no turismo, na pesca, nas actividades acuáticas previstas nesta época do verán ou mesmo na hipotética necesidade de carga dos hidroavións, que adoitan dispoñer destas presas para a extinción de incendios. 

As imaxes ofrecidas polo satélite Sentinel-2 amosa o brusco descenso do nivel das augas nos dous últimos meses

Nas localidades máis achegadas a estes encoros, son continuas as denuncias sobre unha baixada continua e abrupta da cantidade de auga en poucas semanas, ata chegar a niveis de secura "nunca vistos" pola veciñanza. 

O descenso no nivel da auga é moi evidente de ollalo nas imaxes fornecidas por satélite. É o caso das que ofrece Sentinel-2, unha misión de observación terrestre desenvolvida pola Axencia Espacial Europea dentro do programa Copérnico. Composto por dous satélites idénticos (o Sentinel-2A e o Sentinel-2B), leva a cabo observacións do planeta Terra para o seguimento da evolución dos bosques ou a xestión de desastres naturais. 

Evolución da auga encorada en Cenza, con imaxes do 23 de xuño, 16 de xullo e 17 de agosto © Sentinel

En menos de dous meses (oito semanas), a baixada de auga encorada é moi importante, tal e como se aprecia nestas imaxes animadas que combinan as fotografías tiradas polo Sentinel-2 os días 23 de xuño, 16 de xullo e 17 de agosto en cada un dos encoros cuxa xestión está agora a ser investigada polo Goberno central.

O encoro das Portas, en Vilariño de Conso e xestionado por Iberdrola, o pasado 17 de agosto --correspondente á última das imaxes--, atopábase en pouco máis do 15% da súa capacidade, cando a media da mesma semana do pasado ano era de arredor do 76%. 

Os encoros das Portas e Cenza, en Vilariño de Conso, atópanse no 15% da súa capacidade fronte ao 76% e o 55% de hai un ano

No caso do de Cenza, tamén en Vilariño de Conso e xestionado pola mesma compañía eléctrica, atopábase no 15% da súa capacidade, fronte ao 55% da mesma semana do ano 2020. 

En canto ao encoro de Salas, no concello ourensán de Muíños e xestionado por Naturgy, atopábase o pasado 17 de agosto a unha capacidade de algo menos do 29%, fronte ao máis do 50% dun ano antes, mentres que no de Belesar, tamén da antiga Gas Natural Fenosa, situábase no 31,3%, a metade que doce meses antes. 

Evolución da auga encorada en Salas, con imaxes do 23 de xuño, 16 de xullo e 17 de agosto © Sentinel

Cos prezos da luz en máximos cunha media de 117 euros/MWh este venres, Goberno, concellos afectados, veciñanza e varias asociacións sospeitan que o baleirado repentino, abrupto e importante de moitos dos seus encoros débese a que as empresas eléctricas aproveitan os elevados importes da enerxía e a escaseza de renovables para producir masivamente nalgunhas centrais, soltando masivamente auga para producir ao prezo do gas natural pero a través das hidroeléctricas, cuns custos de produción moitísimo menores, exentos tamén do pago polos dereitos de emisión de CO2. 

José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, xa advertira de que nos encoros das Portas e Cenza se experimentou "unha turbinaxe excesiva". "Está dentro das normas de explotación pero, desde logo, non ten en conta ningún outro criterio máis que o estritamente economicista", dixo. 

"Non é razoable o que fan algunhas hidroeléctricas", di a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; a Xunta considera "preocupante" o acontecido

"Non é razoable o que están facendo algunhas empresas hidroeléctricas, posto que unhas compañías deste calibre teñen que ser responsables social e medioambientalmente máis aló do criterio estritamente económico", engadiu. A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, cualificara de "escandaloso" o baleirado brusco e en poucas semanas dalgúns encoros para producir de maneira barata enerxía eléctrica nun momento no que se está a pagar a máximos históricos. 

Evolución da auga encorada en Belesar, con imaxes do 23 de xuño, 16 de xullo e 17 de agosto © Sentinel

A Xunta, pola súa banda, asegurou que exerce un labor de "vixilancia estrita e control de seguimento" nos encoros da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica, e pídelle ao Goberno de España "que actúe do mesmo xeito nos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de responsabilidade estatal".

O Goberno galego considera "preocupante" o acontecido en determinados encoros de abastecemento e aproveitamento hidroeléctrico da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, que "rexistraron un descenso moi acusado dos seus volumes de ocupación en escasos días".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.