O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) vén de abrir expediente a Iberdrola e Naturgy pola xestión dalgúns dos encoros que teñen en Galicia, na conca hidrográfica do Miño-Sil, polo aproveitamento hidroeléctrico que están a realizar das súas augas nas últimas semanas. Son os de Cenza, As Portas, e Salas, na provincia de Ourense, e o de Belesar, en Lugo.
Confirmouno a propia Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) logo do anuncio do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, tras unha reunión con alcaldes de municipios afectados polo baleirado do encoro de Ricobayo (Zamora), outra das presas --na confederación do Douro-- onde se iniciou un dos expedientes informativo por posible "mala praxe" na xestión, ademais de noutras instalacións hidroeléctricas da conca do Texo.
Os expedientes informativos ábrense agora a través das respectivas confederacións hidrográficas logo de que Morán advertise de que nas tres citadas houbo encoros nos que se produciron uns niveis de explotación "por riba do que sería recomendable nestas datas". Serán estas entidades as que determinen, logo dunha investigación, se houbo unha mala práctica xa que, nese caso, as empresas poderían ter que afrontar sancións ou compensacións económicas aos concellos ou negocios afectados.
O Ministerio, a través da Confederación Miño-Sil, investiga o posible "incumprimento das condicións de explotación ou do caudal ecolóxico"
Sería daquela cando se abrirían expedientes sancionadores, nunca antes, tal e como aclaran no Ministerio, que advirte que polo momento só se están a levar a cabo pescudas para determinar "se se vulneraron as condicións permitidas nas concesións" ou se as compañías se "extralimitaron" no seu proceder nas últimas semanas.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil --entidade dependente do Miteco-- abrirá expediente informativo ás dúas hidroeléctricas pola situación dos encoros das Portas e Cenza, xestionados por Iberdrola, e as de Belesar e Salas, por Naturgy, logo de que nos últimos días as denuncias da propia Confederación ou da veciñanza sinalasen a situaciópn destas presas, onde o nivel das augas descendeu en poucos días ata niveis historicamente baixos.
"Son expedientes informativos para un control exhaustivo dos datos que poderían dar lugar, en caso de incumprimento, a un expediente sancionador", di a Confederación, que aclara que se investiga un posible "incumprimento das condicións de explotación ou do caudal ecolóxico".
As Portas e Cenza, en Vilariño de Conso e xestionados por Iberdrola, atópanse nesta altura nun 15 % e 17% da súa capacidade fronte ao 71% que alcanzaban nas mesmas datas do ano pasado. No de Belesar está nun 31% cando estaba a máis do 62% hai un ano, mentres que no de Salas, en Muíños, está nun 27 % da súa capacidade fronte ao 50% de hai doce meses. Neste último caso, Ecoloxistas en Acción denuncia que a falta de caudal mínimo augas abaixo "está poñendo en risco a flora e fauna" do río.
Os encoros das Portas, Cenza, Belesar e Salas son os investigados logo da importante baixada do nivel das augas nas últimas semanas
Precisamente, tanto o encoro de Salas como o de Belesar, inclúense no grupo polo que Naturgy reclamou unha millonaria compensación ao Estado (máis de 17 millóns) pola menor produción enerxética que varias das súas centrais hidroeléctricas tiveron entre 2017 e 2019 ao ter que liberar auga para respectar os caudais ecolóxicos que esixe a Administración.
Cos prezos da luz en máximos cunha media de 117 euros/MWh este venres, Goberno, concellos afectados, veciñanza e varias asociacións sospeitan que o baleirado repentino, abrupto e importante de moitos dos seus encoros débese a que as empresas eléctricas aproveitan os elevados importes da enerxía e a escaseza de renovables para producir masivamente nalgunhas centrais, soltando masivamente auga para producir ao prezo do gas natural pero a través das hidroeléctricas, cuns custos de produción moitísimo menores, exentos tamén do pago polos dereitos de emisión de CO2.
O sistema marxinalista de fixación de prezos determina que o importe da formad e produción máis cara determina o custo do resto, polo que a produción da hidroeléctrica vese beneficiada neste contexto ao ser unha das enerxías máis baratas de conseguir.
Expertos e grupos ecoloxistas advirten do grave risco que corren os ecosistemas dos encoros galegos afectados por estas baixadas importantes do nivel de auga, mentres que a veciñanza das zonas alerta dos prexuízos no turismo, nas actividades acuáticas previstas nesta época do verán ou mesmo na posibilidade de escaseza no caso de que os hidroavións precisen --como adoitan-- dispoñer destas presas para a extinción de incendios.
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, xa advertira de que nos encoros das Portas e Cenza se experimentou "unha turbinaxe excesiva". "Está dentro das normas de explotación pero, desde logo, non ten en conta ningún outro criterio máis que o estritamente economicista", dixo.
"Non é razoable o que fan algunhas eléctricas"
"Non é razoable o que están facendo algunhas empresas hidroeléctricas, posto que unhas compañías deste calibre teñen que ser responsables social e medioambientalmente máis aló do criterio estritamente económico", engadiu. A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, cualificara de "escandaloso" o baleirado brusco e en poucas semanas dalgúns encoros para producir de maneira barata enerxía eléctrica nun momento no que se está a pagar a máximos históricos.
Pola súa banda, desde Naturgy aclara que a explotación dos encoros estase a realizar "coma sempre, cumprindo as correspondentes normas de explotación e os plans hidrolóxicos en vigor". Desde a empresa aseguran que o nivel por debaixo da media dalgúns pantanos "débese principalmetne a unha primaver moi seca, á que seguiu a súa contribución durante as últimas senas ao subministro da demanda eléctrica motivada pola vaga de calor".
"A previsión de produción durante as vinderias semans fará que os encoros estean ao final do verán nunha situación semellante á de anos anteriores", insiste Naturgy.