A finais do pasado ano, nos días previos ao Nadal, a empresa Naturgy presentou ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) unha reclamación millonaria pola menor produción enerxética que varias das súas centrais hidroeléctricas en Galicia tiveran ao ter que liberar auga para respectar os caudais ecolóxicos que esixe a Administración.
Naturgy presentou varias reclamacións de responsabilidade patrimonial ao Estado polos danos dos caudais ecolóxicos en centrais galegas, que cifra en 17,3 millóns
A empresa --antiga Gas Natural Fenosa-- presentou cinco reclamacións de responsabilidade patrimonial alegando a "perda de produción de enerxía eléctrica sufrida desde distintas datas de 2017 ata o 31 de decembro de 2019" en oito centrais hidroeléctricas de Galicia e valorou os danos nun "importe total" de máis de 17,3 millóns de euros, os que agora demanda ao Estado.
Así o explica a propia CHMS nas contas do pasado exercicio 2020 e ás que tivo acceso Praza.gal. A Confederación está adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, ao que deu traslado das reclamacións de Naturgy por entender que "o acto que orixina os supostos danos é a aprobación polo Consello de Ministros dunha norma regulamentaria", e que os aproveitamentos hidroeléctricos afectados "teñen unha potencia instalada superior a 5.000 KW, cuxas concesións son outorgadas" polo Estado.
Naturgy entende que foi prexudicada polos caudais ecolóxicos, os que desde a Administración marcan o nivel mínimo de auga que debe manterse nun curso fluvial para a preservación dos ecosistema fluviais e a non alteración das condicións naturais. Uns niveis mínimos determinados logo de rigorosas e coidadosas análises sobre as necesidades da área que se ve influenciada pola modificación do caudal natural do río.
Naturgy confirma a reclamación patrimonial "polos caudais ecolóxicos que a compañía tivo que soltar sen poder turbinar desde 2017" e aclara que está "pendente" de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica resolva sobre unha demanda que abrangue as centrais hidroeléctricas dos Peares, Belesar, Velle, Frieira, Albarellos, Salas, Castrelo, As Conchas, Leboreiro e Regueiro.
A demanda dunha compensación coñécese xusto cando as eléctricas --tamén Naturgy-- están no punto de mira polo baleiramento repentino e importante de moitos dos seus encoros, o que levou o Ministerio para a Transición Ecolóxica a abrir unha investigación a Iberdrola polo caso dos de Ricobayo (Zamora) e Valdecañas (Cáceres). Tamén o Defensor el Pueblo investiga a situación do primeiro.
O baleirado repentino e importante de encoros como o das Portas, en Vilariño de Conso, provoca a indignación da veciñanza
As denuncias chegan agora a Galicia, ao afectar o baleirado xa ao nivel dos ríos e á súa fauna e causar a indignación en diferentes localidades, onde se ven xa restos de aldeas asolagadas ou onde o impacto afecta mesmo o turismo ou á práctica da pesca. Sucede en Vilariño de Conso, como relatou a TVG, onde o encoro das Portas --xestionado tamén por Iberdrola-- atópase, malia as chuvias dos últimos meses, no 18% da súa capacidade cando nesta mesma altura o ano pasado pasaba do 70%. Tamén o de Cenza, no mesmo concello, ten uns niveis moito máis baixos do habitual.
A veciñanza sinala, como o Goberno central, entidades ecoloxistas ou asociacións de consumidores como Facua, as compañías eléctricas por baleiraren masivamente varios encoros no Estado aproveitando que o prezo da enerxía hidráulica sitúase a máis do dobre que hai un ano e que os custos de produción son máis baratos que as plantas de ciclo combinado, que tiran do gas e teñen que pagar polos dereitos de emisión de CO2, a niveis récord.
"Se é verdade que baixan os encoros porque é unha electricidade que lles é moi barata de producir e véndena a un prezo moi caro, paréceme inaceptable cos prezos ao que está a luz", di á TVG un veciño de Vilariño de Conso, que pide ao Goberno que "faga algo". Na zona aseguran que o encoro das Portas estaba cheo hai só dous meses.
Facua eleva a sospeita ao advertir de que a enerxía hidráulica marcou o importe da electricidade nas tres cuartas partes das horas da pasada semana. A denuncia é que as compañías, con reservas de auga dabondas, están a aproveitar a alta demanda, os elevados prezos e a escaseza de renovables para producir masivamente nalgunhas centrais hidroeléctricas, baleirando os encoros, cun alto importe da enerxía e cos prezos ao nivel do gas natural, que ten uns custos de produción moitísimo máis elevados. O máximo beneficio posible, pero un método legal favorecido polo sistema de fixación de prezos da enerxía no Estado.
A ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, cualificar de "escandaloso" o baleirado brusco e en poucas semanas dalgúns encoros para producir de maneira barata enerxía eléctrica nun momento no que se está a pagar a máximos históricos.
Malia que as eléctricas manteñen silencio ou alegan a legalidade das súas actuacións, a presa de Belesar, de Naturgy, conta cunhas reservas de arredor do 30% fronte ao máis do 63% de hai un ano. En Salas, da mesma compañía, baixa tamén do 30% cando hai doce meses a auga alí era o dobre.
Desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, aclárase que a capacidade dos encoros desa conca están "a día de hoxe ao 46%, aproximadamente, un 27% menos que o ano pasado por estas datas", segundo José Antonio Quiroga, presidente da entidade.
Ademais, asegura que nos encoros das Portas e Cenza experimentouse "unha turbinaxe excesiva". "Está dentro das normas de explotación pero, desde logo, non ten en conta ningún outro criterio máis que o estritamente economicista", engade Quiroga.
"Non é razoable o que fan algunhas hidroeléctricas"
"Non é razoable o que están facendo algunhas empresas hidroeléctricas, posto que unhas compañías deste calibre teñen que ser responsables social e medioambientalmente máis aló do criterio estritamente económico", asegurou o presidente da CHMS, que advirte de que aínda que as operacións das eléctricas están "dentro do límite legal que permiten as normas de explotación" é o momento "axeitado para facer cambios".
"O Plan Hidrolóxico que vai gobernar as masas de auga entre os anos 2022 e 2027 está en exposición pública, que remata o 31 de decembro, e estase a moi a tempo de introducir variables que eviten estes desmáns, que a día de hoxe están dentro da lei, pero que non son razoables", remata.
"As eléctricas teñen que ser responsables social e medioambientalmente máis aló do criterio estritamente económico", di a Confederación Hidrográfica Miño-Sil
Ademais, o colectivo Terra e Adega denunciaron tamén que o treito do río Eume que hai entre o encoro da Capela e a central hidroeléctrica de Endesa está cun baixo nivel de auga e mesmo seco nalgunhas zonas. Acusan a a empresa de "secuestrar e non liberar o caudal ecolóxico que esixe a lei neste pico de produción eléctrica" e alertan do estado da auga nos lugares a onde chega a destinada logo ao consumo da veciñanza de Pontedeume.
"Endesa non ten reparo en deixar novamente ao río sen o caudal ecolóxico mínimo que impón a lei sen que, como é habitual, saibamos os motivos", di Adega.
Endesa xa fora multada no pasado mes de maio con máis dun millón de euros pola Xunta polos danos ao río Eume provocasdo en 2020 para "optimizar o rendemento" da súa central.