A central foi outorgada en 1990 cun aproveitamento de 1.000 litros por segundo, ampliouse en 1999 a 2.200 e agora pasa a 3.300
O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de prorrogar 25 anos unha concesión para o aproveitamento hidroeléctrico da auga do río Cerves, entre Melón e Ribadavia, ao tempo que autoriza a Naturgy Wind a aumentar un 50% o caudal máximo por segundo que pode empregar. Así o publica este mércores o Boletín Oficial del Estado, que fixa agora no 8 de agosto de 2050 o remate dunha concesión que debía rematar en 2025.
O aproveitamento hidroeléctrico desvía a auga do río algo máis abaixo das coñecidas pozas de Melón e a través dunha tubaxe lévaa soterrada ata a central hidroeléctrica situada a uns tres quilómetros de distancia e uns trescentos metros máis abaixo, na cola do encoro de Frieira, no río Miño, onde remata vertendo. O aproveitamento hidroeléctrico deixa así ao río Cerves sen esa auga ao longo de 5,1 quilómetros.
O aproveitamento hidroeléctrico deixa 5,1 quilómetros do río sen o volume de auga que se autoriza desviar, que unha tubaxe leva ata a central a 3 quilómetros de distancia e 300 metros máis abaixo
A concesión hidroeléctrica do río Cerves, ao que o ministerio se refire como Cierves, foi outorgada en 1990 a Fenosa. Capta a auga dunha pequena represa situada río abaixo das pozas de Melón, a poucos metros da N-120 que a separa dese espazo recreativo. Naquel momento a concesión outorgouse para desviar un máximo instantáneo de 1.000 litros por segundo a través da tubaxe que transporta a auga desde a represa ata a central hidroeléctrica, cifra que en 1999 foi aumentada a 2.200 litros por segundo.
Agora a nova autorización, que se basea nunha avaliación de impacto ambiental formulada en 2012, eleva a 3.300 litros por segundo o caudal máximo instantáneo entre outubro e marzo, 2.005 litros entre abril e xuño e cero entre xullo e setembro. A resolución tamén establece unha serie de matices de volumes mensuais e anuais máximos a aproveitar para a xeración de enerxía en función de se o ano é húmido ou non e unha serie de condicionantes ambientais.
Co aumento do caudal o ministerio autoriza a realización de obras de mellora na central hidroeléctrica situada xunto ao río Miño para aumentar a súa potencia cunha modificación da turbina actual para que poida aproveitar 2.300 litros por segundo cunha potencia máxima de 5.955 kW e cunha nova turbina para outros 1.000 litros por segundo e 2.562 kW. E xunto con estas actuacións establécese que "o prazo concesional increméntase en vintecinco (25) anos, polo tanto, prazo de concesión finalizará o 8 de agosto de 2050".