Os concellos con hidroeléctricas pídenlles máis cartos as empresas polo seu negocio

Obras de Iberdrola no corazón da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA M. Carballada

Os concellos afectados pola construción de encoros e centrais hidroeléctricas deixaron de considerarse grandes beneficiados pola intervención nos seus territorios das empresas eléctricas e comezan a reclamar os seus dereitos fronte aos usos e privilexios das compañías. 

Os propios alcaldes ourensáns afectados, 43 no conxunto da provincia, recoñecen que “a xeración de riqueza e de emprego non é a mesma hoxe que hai anos porque non se emprega a tanta xente”, como explicou o alcalde de Manzaneda, David Rodríguez.

“A xeración de riqueza e de emprego non é a mesma hoxe que hai anos porque non se emprega a tanta xente”

A federación estatal que agrupa as vilas e cidades con centrais, estacións ou subestacións nas súas lindes reclama dende hai tempo un trato xusto que compense economicamente o servizo que se presta cos recursos naturais endóxenos. Dende a propia Federación o asesor xurídico, Javier González, recoñeceu en Ourense que se trata de conseguir unha adecuación entre a actividade empresarial e os ingresos aos que teñen dereito os concellos. Para González, “non se trata de sangrar as eléctricas pero si de que paguen o que paga calquera cidadán, porque se un veciño non paga a luz córtanlla”. O representante legal argumentou que durante unha época e “cando se deixaba de producir non abonaban o Imposto de Actividades Económicas e isto naturalmente non era xusto”.

Incluso o presidente da Deputación, Manuel Baltar, apuntou que se trata "de defender os intereses dos concellos e dos cidadáns e de esixir un trato igualitario para que a riqueza repercuta na cidadanía”

Os voceiros estatais deixaron claro que non se “trata de ir contra as multinacionais, nin contra ninguén pero si de compensar pola ocupación de terreos e pola riqueza que se xera”. Incluso o presidente da Deputación, Manuel Baltar, apuntou que se trata "de defender os intereses dos concellos e dos cidadáns e de esixir un trato igualitario para que a riqueza repercuta na cidadanía”. Baltar, por certo, aproveitou para posicionarse cun “está fóra de toda dúbida” contra a construción de novos aproveitamentos eléctricos no conxunto da provincia de Ourense.

Porén, e a pesar de que algúns rexedores recoñeceron que durante os últimos anos se produciu unha maior comunicación e toma en consideración por parte das empresas, segue habendo temas pendentes. Un destes exemplos é o caso de Manzaneda, que “sofre unha discriminación negativa” por mor dunha revisión catastral feita no ano 2003. Esta errónea clasificación afecta aos concellos de Viana, O Bolo e Vilariño de Conso ao compartir o encoro do Bao.

O alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, explicou a Praza que “os concellos perciben menos do que deberían” e cifrou a cantidade a repartir entre os catro municipios pola ocupación de Iberdrola en “300.000 euros ao ano”. Rodríguez non dubidou en cualificar como positiva a fonte de ingresos pero tamén advertiu de que “hoxe, no que se refire a postos de traballo non é igual que hai anos porque practicamente non traballa ninguén e faise todo con máquinas”. Entre os anos 1955 ao 1962, chegaron a traballar na explotación da antiga Saltos del Sil en Manzaneda unhas 3.000 persoas que foron reducíndose progresivamente ata os 60 empregados fixos de Iberduero e a falta de persoal da actualidade.

O mesmo sucede na Ribeira Sacra, onde os saltos contan con escaso persoal debido á automatización dos sistemas. De feito, as empresas hidroeléctricas recorren ao argumento da creación de emprego para xustificar a ampliación das centrais que están funcionando na actualidade. Porén, dende colectivos ecoloxistas, como a Fundación Germán Estévez, cuestiónase abertamente esta idea ao considerar que “o que en verdade queren as eléctricas é explotar o río para vender máis corrente”.

Nin os alcaldes, nin os propios veciños e veciñas parecen querer repetir as aldraxes e os excesos de tempos sen control e de momento os concellos van a reclamar o que pertence a cidadanía

O voceiro da Federación Nacional de Concellos con Centrais,  Francisco Gómez, asegura que “a protección ambiental e patrimonial é un dos grandes temas pendentes” e sen vacilar recoñece que “durante moito tempo non se respectaron os caudais ecolóxicos e o peche dos encoros afectou negativamente ao turismo”. Tamén algunhas empresas hidroeléctricas tratan de minorar o impacto que durante o franquismo se produciu na paisaxe galega. De feito, Gas Natural Fenosa está recuperando na Ribeira Sacra antigas e abandonadas instalacións para construír un centro de formación e investigación.

Hoxe en día nin as empresas, nin os alcaldes, nin os propios veciños e veciñas parecen querer repetir as aldraxes e os excesos de tempos sen control e de  momento os concellos van a reclamar o que pertence a cidadanía.

Obras de Iberdrola no corazón da Ribeira Sacra CC-BY-NC-SA M. Carballada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.