A eléctrica esgrimiu a concesión franquista de 1953 como aval para mudar a explotación da presa en beneficio do seu “rendemento”, pero os técnicos de Augas de Galicia desbotaron as súas reiteradas alegacións
Malia ser unha obriga desde 1967, “as Normas de Explotación da presa do Eume aínda non foron aprobadas por causa dun incumprimento reiterado por parte de Endesa dos requisitos formais e técnicos requiridos por Augas de Galicia”. Así se pronuncia a proposta de sanción a Endesa cun millón de euros de multa e outro millón para reparación dos danos causado no Eume o pasado outubro en resposta a unha das varias alegacións que a empresa xa formulou durante a instrución do expediente.
No proceso a empresa esgrimiu a concesión franquista de 1953 como aval para mudar a explotación da presa en beneficio do seu “rendemento enerxético”, pero os técnicos de Augas de Galicia desbotaron as súas explicacións. "O título concesional non habilita a Endesa para explotar o encoro ao seu libre albedrío co fin de maximizar a produción hidroeléctrica", chega a dicir Augas.
"O título concesional non habilita a Endesa para explotar o encoro ao seu libre albedrío co fin de maximizar a produción hidroeléctrica", di Augas
A proposta de sanción que vén de formular este luns o instrutor do expediente de Augas de Galicia, avanzada por Praza.gal, terá que ser ratificada polo Consello Reitor dese ente dependente da Consellería de Infraestruturas. A Xunta sinalou este luns que “a empresa ten agora un prazo de 15 días hábiles para presentar alegacións”, pero a propia proposta de sanción, de 43 páxinas, xa recolle e rebate alegacións que a empresa presentou en catro ocasións desde a apertura do expediente o pasado outubro.
Segundo Augas de Galicia, a turbidez no Eume que o pasado outubro afectou ao abastecemento de Pontedeume e causou danos no ecosistema do río foi provocada pola decisión unilateral de Endesa de reducir por baixo dos 306 metros sobre o nivel do mar a cota de explotación da auga do encoro para “optimizar o rendemento enerxético” da súa central. A empresa pretendía reducila a 283 metros, pero acabou parando ao admitir ela mesma a existencia de turbidez -que atribúe a choivas e non á baixada do nivel- ao chegar a 299 metros a finais de agosto.
Endesa alegou que a concesión orixinal da presa outorgada pola ditadura franquista en 1953 -en favor de Sociedad General Gallega de Electricidad, transferida en 1957 a Fenosa antes do remate das súas obras e posteriormente a Endesa- permitiríalle baixar moito máis a cota de aproveitamento do encoro. Pero Augas de Galicia nega que a concesión diga tal cousa senón que se limitaba a constatar que a cota máis baixa do encoro está a 60 metros de altura. E lembra Augas que en todo caso a empresa debe contar cunhas Normas de Explotación e, en ausencia delas, atender o que determine a Comisión de Desaugamento.
Segundo as respostas de Augas ás sucesivas alegacións de Endesa, a empresa non presentou unha proposta de Normas de Explotación ata 2006, “despois de varias décadas de explotación do encoro”. Desde ese momento, ao longo dos tres últimos lustros a empresa e Augas foron intercambiando propostas e correccións desas Normas de Explotación “debido a que Endesa insistía en cumprir só parcialmente os requisitos esixidos por Augas de Galicia”. “En definitiva, as normas de explotación do encoro non foron aprobadas porque Endesa non deu suficiente cumprimento aos requisitos técnicos e formais requiridos por Augas de Galicia”, sentenza o ente público.
En ausencia desas normas esixidas desde 1967, “en todo este tempo Endesa explotou o encoro do Eume entre as cotas 306 e 318 msnm conforme ao acordado nas sucesivas comisións de desaugamentos, a excepción da do ano 2011, cando con ocasión do período de seca padecido ese ano o encoro chegou a baixar significativamente por debaixo desa cota”.
“Resulta evidente a relación: por debaixo da cota habitual increméntase o risco de turbidez”, conclúen os técnicos
Endesa argumentou tamén que a turbidez se debera a choivas recentes e que a súa redución da cota de auga realizouna de xeito "lento e controlado". Pero Augas rebate tamén esa afirmación comparando tanto o que ocorreu no antedito 2011 de seca como en 2017 con fortes precipitacións. Nos dous anos, di Augas, “detectáronse eventos de turbidez pero dunha menor magnitude despois de períodos de chuvias abundantes”.
En 2017 “o feito de que o encoro se atopara por encima da súa cota habitual amorteceu en gran medida o incremento e duración do evento de turbidez”, mentres que en 2011, co encoro na cota 303, case 3 metros por baixo da cota mínima habitual por mor da seca dese ano, chuvias de menor intensidade provocaron “valores de turbidez semellantes”. “Resulta evidente a relación: por debaixo da cota habitual increméntase o risco de turbidez”, conclúe Augas de Galicia.