A situación do Eume desde hai varios días mantén a prohibición do consumo de auga potable en Pontedeume e provocou primeiro a apertura dun expediente e logo a declaración de emerxencia no río por parte da Xunta, que intenta establecer a orixe da turbidez dunhas augas cuxa orixe apunta á explotación do encoro por parte de Endesa.
A turbidez e os restos de óxido no río Eume levaron o Concello de Pontedeume a prohibir o consumo de auga da billa desde o pasado sábado
Desde o pasado sábado leva a cidadanía de Pontedeume sen poder consumir auga da billa pola contaminación do río Eume do que se abastece, que agora baixa gris, turbio e con restos de óxido. Uns verquidos que afectan o leito e provocados, tal e como indica a Xunta, moi probablemente por un "problema" na "explotación do encoro" que Endesa xestiona na Capela e que o pasado mes de setembro, por mor da sequía, deixou á vista lamas, refugallos mineiros ou cinsas, tal e como denunciara Adega. "É o resultado das verteduras da mina e dos arrastres e escorrentías arredor do enorme oco mineiro, hoxe convertido nunha balsa de máis de 800 hectáreas", advertía a asociación ecoloxista.
“A situación é inaceptable, demos instruccións concretas á empresa explotadora do encoro para que adopte as medidas necesarias e baixe a turbidez”, asegurou este martes desde a beira do Eume Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, que anunciou a apertura do expediente para "analizar e esclarecer a orixe do turbidez do río”. O obxectivo, di o Goberno galego, é agora "depurar responsabilidades e que isto non volva acontecer".
A turbidez do Eume débese, como apunta a Xunta, á xestión do encoro de Endesa; a seca de setembro fixo agromar alí lamas, refugallos ou cinsas
Aínda que a situación mellorou desde a fin de semana, aínda non é boa dabonda para cumprir cos parámetros de calidade da auga e permitir o seu consumo. Os niveis de PH e de osíxeno, segundo as análises realizadas, non foron afectadas e tampouco se sabe de mortandade de especies, pero a turbidez continúa. Por iso, desde o domingo hai colocadas unhas barreiras anticontaminación para evitar o paso de sólidos e mellorar no posible a calidade da auga. O Concello de Pontedeume asegura que a situación "evoluciona positivamente" e a Xunta fala dunha "progresiva recuperación dos parámetros" de calidade.
Neste mércores, especialistas en emerxencias ambientias e técnicos de Calidade das Augas da Xunta analizaron a situación. Á tarde, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, anunciaba a "declaración de emerxencia coa fin abordar a situación de turbidez na que se atopa o río Eume e a as súas consecuencias no abastecemento de auga no Concello de Pontedeume".
A través desta emerxencia, segundo aclara a Xunta, adoptaranse as medidas necesarias para reducir os niveis de turbidez do río Eume. Por outra, "permitirá acometer as actuacións de emerxencia necesarias na estación de tratamento de auga potable para conseguir, á maior brevidade posible, que a auga volva ser apta para o seu consumo e se poida restablecer o servizo de abastecemento á poboación".
Desde Adega lembran que levan anos advertindo da necesidade de que Endesa retire os lodos do encoro e evite así máis danos á fauna, a flora e á cidadanía polos "sedimentos moi tóxicos" procedentes de substancias moi contaminantes que se permitían na minería hai xa anos. A seca no mes de setembro deixou ao aire, segundo denuncia a asociación ecoloxista, a "pegada" da hidroeléctrica no encoro, logo de case medio século "usándoo como vertedoiro". Todo en pleno Parque Natural das Fragas do Eume.
O Concello de Cabanas advirte de que a prohibición de consumo de auga "é só a punta do iceberg dun problema ambiental moito máis grave e de maior calado"
Desde o Concello de Cabanas, bañado no sur polo río Eume, advirten de que a prohibición de consumo de auga en Pontedeume --que non afecta a este municipio-- "é só a punta do iceberg dun problema ambiental moito máis grave e de maior calado". Así o asegura Iago Varela, tenente alcalde e responsable da área de Medio Ambiente, que advirte de que “o pouso dos sedimentos dos verquidos podería acabar co banco marisqueiro da marisma" da zona e que denuncia a "pasividade administrativa" ante a actitude de Endesa.
O Colectivo Terra, un dos principais denunciantes da situación, lembra que foi a finais de setembro cando, tras a advertencia de Adega, se puido comprobar a mudanza na cor do encoro. Alí o río, segundo denunciou a entidade incluíndo imaxes e vídeos, arrastraba os lodos do fondo e aumentaba a súa turbidez. O día 5 de outubro confirmábase "a traxedia" e o Eume aparecía tinguido de gris, malia que un día despois Endesa aseguraba á axencia EFE que a calidade da auga e dos sedimentos do fondo do encoro estaba "acreditada" por laboratorios "alleos e da Xunta" e que o agromar dalgúns deses sedimentos non supoñía perigo.
O pasado sábado 10 de outubro o Concello de Pontedeume prohibía o consumo de auga potable e o domingo instalábanse as barreiras anticontaminación. A Xunta, neste martes, anunciou a apertura do expediente para ditaminar as responsabilidades dun problema que vén de moi lonxe. Para Adega, desde hai uns 50 anos, os que leva Endesa, segundo a asociación, "usando o río Eume como sumidoiro da mina" e acumulando lodos contaminados.