O BNG concentrouse este sábado en Cabanas, á beira da ponte que cruza o río Eume, en protesta pola situación que sofre dende hai días o río, cunha turbidez que obrigou a prohibir o consumo das súas augas en Pontedeume. O Bloque, ao igual que ADEGA ou o Colectivo Terra, responsabiliza da situación a Endesa e á explotación do encoro que a empresa xestiona na Capela e que o pasado mes de setembro, por mor da sequía, deixou á vista lamas, refugallos mineiros ou cinsas, tal e como denunciara Adega.
O Bloque, ao igual que ADEGA ou o Colectivo Terra, responsabiliza da situación a Endesa e á explotación do encoro que a empresa xestiona na Capela
Na concentración despregouse unha faixa na que se podía ler “Xunta e Endesa culpábeis. Salvemos o Eume!” e esixiuse tanto á compañía coma ao Goberno galego “actuar xa” para "salvar o Eume e evitar un desastre medioambiental maior do actual".
O BNG acusa ao Goberno galego de "inacción" e de non exercer o necesario control sobre as actividades de Endesa. “Endesa puido facer e desfacer o que quixo no Eume durante anos cunha Xunta cómplice, que nin fixo nin está a facer o seu labor de control dentro das súas competencias”, sinalou o portavoz municipal do BNG e tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela.
“O dano causado por Endesa no Eume non pode quedar impune, porque ademais das consecuencias ambientais ao Parque Natural das Fragas do Eume, hai que engadir os danos a sectores económicos, produtivos e turísticos”
O Bloque denuncia que a Xunta "minimiza" o problema, enfocando a atención nos problemas coa auga da traída de Pontedeume, unha situación que aínda sendo preocupante o BNG considera “só unha parte dun problema máis grande, o desastre ambiental causado por Endesa”. “A eventual reanudación do abastecemento non suporá acabar co resto das consecuencias desta situación”, engadiron.
“O dano causado por Endesa no Eume non pode quedar impune, porque ademais das consecuencias ambientais ao Parque Natural das Fragas do Eume, hai que engadir os danos a sectores económicos, produtivos e turísticos”, concluíu Varela, que avanzou que o BNG esixirá unha avaliación dos danos causados, así como a implicación da Consellaría do Mar "para vixiar a evolución do banco marisqueiro da marisma do Eume ante o pouso dos lodos verquidos ao río nas últimas semanas".
Gonzalo Caballero esixe á Xunta que “faga públicos” os datos das analíticas do río Eume e pide que se tomen “todas as medidas” para arranxar este episodio
Este venres tamén o líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiu á Xunta que “faga públicos” os datos das analíticas do río Eume, e urxiu que se tomen “todas as medidas” para arranxar este episodio. Nunha visita á zona afectada en compañía do alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, Caballero chamou a todas as administracións a actuar no que está ocurrindo nun espazo natural que é “emblemático” e na medida en que está afectando á calidade da auga dos veciños de Pontedeume e ao sector marisqueiro.
Así mesmo, o voceiro socialista en Medio Ambiente no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, criticou “o desleixo, a neglixencia e a pasividade” da Xunta no coidado do parque natural das Fragas do Eume. “A Xunta pinta espazos protexidos nun papel, pero logo nin os protexe, nin os coida, nin sanciona cando corresponde”, dixo, ao lembrar que esta zona leva 23 anos sen plan de xestión.