Impulsa Galicia desaparece sen que o Consello de Contas lograse facela transparente, pero deixa 'herdeira'

Montaxe do logotipo e do acto de lanzamento en novembro de 2023 de Recursos de Galicia, promovida por Impulsa Galicia e que agora será a súa 'herdeira' CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A empresa público-privada que promoveu a fábrica de Altri cede o lugar a outra, Recursos de Galicia, cuxa documentación tamén é ocultada pola Xunta ao ente fiscalizador malia pedirlla expresamente

A disolución de Impulsa Galicia, a empresa público-privada creada pola Xunta que promoveu a fábrica de Altri en Palas, chega tras catro anos de funcionamento durante os que o Consello de Contas, o ente fiscalizador das administracións galegas, non logrou facela máis transparente. En parte o seu lugar pasará a ser ocupado por outra sociedade mixta tamén con participación da Xunta, Recursos de Galicia (RDG), de xeito que se Impulsa Galicia quería desenvolver novos proxectos, tarefa que dá por cumprida, RDG quere participar no seu accionariado. Porén, o Consello de Contas ve na nova empresa as mesmas eivas que na anterior e malia pedir expresamente á Xunta documentación sobre a sociedade "non foi achegado".

Conclusións do Consello de Contas sobre Impulsa Galicia e Recursos de Galicia no seu último informe, divulgado en primavera, o primeiro no que tentou fiscalizar sen éxito a RDG CC-BY-SA Praza Pública

En Impulsa Galicia a Xunta participaba directamente cun 40% do capital, seguida por Abanca cun 38%, Reganosa cun 12% e Sogama cun 10%. Como a Xunta tamén está presente no capital de Reganosa e Sogama, a participación do Goberno galego en Impulsa Galicia superaba o 48%. En Recursos de Galicia a participación da Xunta é do 30%, sumada a participacións menores de 32 empresas privadas. Como nos dous casos a participación pública non supera o 50%, a Xunta vén argumentando que non deben ser fiscalizadas polo Consello de Contas. Pero o órgano fiscalizador discrepa e ve nas dúas as mesmas eivas de transparencia. 

Contas salienta que aínda que o capital público non supere o 50%, as dúas empresas foron iniciativa da Xunta, que ten dereito de veto, designa directivos e conselleiros e mesmo RDG ten sede "en instalacións públicas" 

Impulsa Galicia foi creada en 2021, e xa nos informes de Contas correspondentes a ese ano, publicados en 2023, o ente fiscalizador reclamaba "transparencia" e "control público". O mesmo volveu facer nos informes correspondentes a 2022 publicados en 2024. E por terceiro ano consecutivo repetiu a súa petición nos informes divulgados esta pasada primavera correspondentes a 2023, engadindo por primeira vez eivas similares para Recursos de Galicia, creada nese ano.

No último informe Contas evidencia que tanto en Impulsa Galicia como en RDG "a Xunta de Galicia é o socio de referencia que posúe a maior participación de todos os accionistas", e salienta "a concorrencia doutros elementos nestas empresas como: a promoción pública destas iniciativas, a designación de directivos e o dereito de veto ou bloqueo nas decisións das sociedades son indicadores de control público e/ou influencia pública significativa". Porén, Contas lamenta que "a Xunta non ten aprobado un marco normativo nin ten implantadas medidas de xestión que incrementen o nivel de transparencia e supervisión nestas entidades nas que a participación pública, aínda que poda non ser maioritaria, é moi relevante". 

Neste último informe Contas pon o foco en RDG, creada xusto no exercicio a fiscalizar. Dela salienta que ten como obxectivo "o aproveitamento sostible de recursos naturais" e que o seu capital social, a finais daquel ano, era de 15 millóns "dos que a Xunta de Galicia é o seu maior accionista co 30%". Contas engade, facendo evidente a falta de comunicación por parte do Goberno galego, que "algúns medios de comunicación recollen declaracións de autoridades públicas que atribúen á Xunta de Galicia dereito de veto nas decisións da sociedade o que constitúe un indicio de control público". Pero Contas non foi quen nin de que a Xunta lle confirmase iso: "Solicitouse o pacto de socios á Xunta de Galicia para comprobar este feito, pero este non foi achegado", lamenta o informe.

Contas engadiu, como outros feitos que deberan mellorar a transparencia de RDG, que "segundo as contas de 2023 a sede social da empresa estaba en instalacións públicas e a presencia de responsables públicos nos órganos de administración é significativa". 

Empresas participantes en Recursos de Galicia, na que a Xunta ten un 30% © Recursos de Galicia

Contas pediu á Xunta o pacto de socios de RDG para comprobar o dereito de veto do Goberno galego, "pero este non foi achegado"

Ningunha destas circunstancias serviu para que o Consello de Contas puidese fiscalizar á agora disolta Impulsa Galicia nin á nova RDG. Un Consello de Contas que insiste nas súas últimas recomendacións ao Goberno galego en "establecer as medidas normativas e de xestión oportunas para transparentar a actuación financeira das entidades nas que a Xunta sexa o accionista, socio ou partícipe de referencia (principal socio ou partícipe público malia que non posúa illadamente o control) e para que a actuación destas entidades sexa sometida a control, supervisión pública e rendición de contas". Petición que Contas di que "en particular, resulta aplicable" a Impulsa Galicia e Recursos de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.