A empresa portuguesa Altri foi a elixida pola Xunta para investir e liderar o seu proxecto de fabricación de 200.000 toneladas anuais de lyocell, unha fibra téxtil sostible, a partir da transformación da madeira dos montes galegos, ademais da reciclaxe de téxtiles.
Impulsa Galicia, firma público-privada encabezada por Xunta e Abanca, elixiu Altri para a fabricación de 200.000 toneladas anuais de fibra téxtil a partir da madeira
A pasteira lusa é o "investidor e tecnólogo" elixido logo dun proceso selectivo por parte da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia (Impulsa Galicia), a firma público-privada impulsada pola Xunta (co 40% do capital) pero onde os investidores privados -Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%)- e que se encarga de impulsar proxectos tractores no país con cargo aos fondos europeos Next Generation.
Impulsa Galicia detalla que o acordo ao que chegou con Altri, segunda pasteira de Portugal tras Navigator e competidora de Ence, prevé un investimento duns 800 millóns e xerará uns 1.500 postos de traballo directos. E aclara que a iniciativa "está aberta á colaboración de todo o sector galego, pon en valor o territorio e pecha o ciclo de produción" no país, ademais de dar resposta á "crecente demanda de fibras téxtiles sostibles, de calidade e fabricadas en proximidade", tamén de grandes multinacionais como Inditex.
Impulsa Galicia prevé 1.500 empregos directos e Altri advirte dun complexo "com as tecnologias mais avançadas e sustentáveis do mercado mundial"
Segundo Impulsa Galicia, Altri comprométese a asumir os custos, o deseño e desenvolvemento do proxecto en base ao acordo, ademais de explorar alianzas con toda a cadea de valor do sector galego, onde prevé a creación doutros 6.500 empregos indirectos. A compañía lusa, nun comunicado ao supervisor portugués, advertiu da sinatura dun "Memorando de Entendimento" coa sociedade público-privada para "a construção de uma unidade industrial de raiz, equipada com as tecnologias mais avançadas e tecnicamente sustentáveis disponíveis no mercado mundial".
Ademais, aclara que a sinatura do acordo definitivo depende da "verificação" dunhas condicións que se levará a cabo, presumiblemente, no segundo semestre de 2022. No entanto, non hai datas nin prazos aínda para o desenvolvemento do proxecto. Tampouco localización prevista, logo de que As Pontes ou As Somozas -favorecidas pola importante produción de madeira ou a necesidade de impulso industrial ante o peche inminente da central térmica- aparecesen como candidatos para os intentos de pechar o ciclo do papel en Galicia xa hai tempo.
A aposta por Altri chega cando un dos seus principais competidores no mercado ibérico e europeo, Ence, contempla xa a súa posible marcha da ría de Pontevedra en dous anos de non prosperar o seu recurso á sentenza da Audiencia Nacional que anula a última prórroga á súa localización en Lourizán. A marcha da compañía que xa pon cifras ao seu desmantelamento, e as súas posibles consecuencias no sector poderían ser tamén paliadas pola chegada da empresa lusa.
Navigator, outra pasteira portuguesa e a máis grande do país veciño, obtén xa o 13% da súa materia prima en Galicia, onde explota 1.000 hectáreas de terreo. Mentres que Ence gasta 190 millóns en compras de madeira a milleiros de particulares e comuneiros no país. Altri, pola súa banda, ten tres fábricas e pasta de papel en Portugal e máis de 81.000 hectáreas de áreas forestais, e merca eucalipto en Galicia a través de Celbi, unha das súas filiais.