A Xunta fai unha lista de proxectos públicos para optar aos fondos da UE e non revela os privados por "confidencialidade"

Francisco Conde, dirixíndose á comparecencia no Parlamento sobre os fondos UE, e páxinas do "inventario" de proxectos públicos entregado aos grupos CC-BY-SA Foto: Conchi Paz | Montaxe: Praza Pública

O pasado martes, o presidente da Xunta protagonizou un acto con empresarios centrado nos proxectos vinculados á mobilidade para os que o Goberno galego quere captar cartos nos fondos europeos Next Generation, orientados á recuperación económica tras a pandemia. Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo referiuse aos proxectos impulsados dende o eido público e citou algúns dos privados e os seus promotores, tales como a Asociación do Clúster do Naval Galego, a Federación Galega de Estacións de Servizo ou grandes enerxéticas como Naturgy e Iberdrola. En anteriores actos, citara tamén algúns outros proxectos ligados ao sector privado, tales como unha fábrica de viscosa.

Conde entregou aos grupos parlamentarios unha relación de 247 proxectos públicos dos que di estimar que poderían "mobilizar" ata 7.000 millóns. Dos privados indica que son 107 e "acadan unha mobilización" duns 13.000 millóns

Apenas vinte e catro horas despois, este mércores, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía comparecía ante a comisión creada no Parlamento para abordar as iniciativas de "reconstrución" fronte á crise do coronavirus. Como en anteriores ocasións, tanto BNG como PSdeG reclamaron a Francisco Conde que revelase a listaxe íntegra de proxectos aos que o Goberno galego presta o seu apoio para obter fondos europeos. Conde achegou aos grupos un "inventario" dos proxectos públicos para os que quere captar estes fondos, pero non fixo o mesmo cos privados, dos que apenas sinalou que son 107 e que poderían "mobilizar" case 13.000 millóns de euros. A razón é que cómpre "confidencialidade", argumentou.

Na listaxe achegada polo número tres do Executivo de Alberto Núñez Feijóo aos grupos -un documento impreso-, á que tivo acceso Praza.gal, figuran 247 títulos de proxectos que, di Conde, "acadan unha mobilización de en torno aos 7.000 millóns de euros", o que suporía algo menos do 35% do total. 

"Inventario" de proxectos públicos para os que a Xunta quere captar fondos NextGeneration, entregado pola Xunta aos grupos parlamentarios e ao que tivo acceso Praza.gal

Como é posible observar no documento sobre estas liñas, ese "inventario" inclúe algúns proxectos novos, pero tamén outros xa bosquexados ou mesmo existentes antes da propia pandemia. Así, por exemplo, no epígrafe "economía circular e transición enerxética" combina dende proxectos máis ou menos xenéricos como a "eficiencia enerxética nos centros educativos", "fomento da economía circular no ámbito da empresa" ou "dixitalización da industria forestal" con accións prometidas dende hai anos (caso do "ecobarrio" da Ponte en Ourense) ou obras máis concretas com a "rehabilitación do edificio administrativo da Consellería de Medio Ambiente".

A listaxe de proxectos públicos combina iniciativas novas con outras xa previstas antes da pandemia e con mencións xenéricas como "eficiencia enerxética", "Ribeira Sacra" ou "Museo+"

No eido da "mobilidade sostible", o proxecto para o que estima un investimento máis cuantioso é o "polo aeroespacial de Galicia", con 533 millóns. Ségueo, con 91 millóns, a "execución de sendas peatonais e ciclistas para o fomento da movilidade sostible", un tipo de obra que a Xunta vén impulsando dende hai anos. 

A "transformación dixital dos centros educativos", "tecnoloxías da comunicación cuánticas", o xa anunciado centro de datos do sector público, o tamén coñecido proxecto dun centro de ciberseguridade de Galicia ou a Cidade das TIC da Coruña, que a UDC impulsa dende hai anos, figuran tamén nunha relación na que outros proxectos están sinalados con expresións coas que resulta imposible saber a que se refiren, tales como "Ribeira Sacra" ou "Museo+". No eido sanitario, inclúense proxectos como a reforma do hospital da Coruña ou unha referencia xenérica ao hospital de Burela e outros enunciados algo máis concretos, como a "automatización da dispensación" de uniformes.

Noa Presas, voceira do BNG en materia económica, intervindo na comparecencia de Conde sobre os fondos europeos, este 21 de abril CC-BY-NC-SA BNG

Trátase, en calquera caso, da primeira relación de proxectos nun proceso no que, segundo o conselleiro Conde, a Xunta está a traballar con "rigor e transparencia", aínda que aludindo a esa "confidencialidade" evite detallar os proxectos privados. Sobre os públicos, o conselleiro subliña que "os maioritarios están vencellados co impulso da economía circular e a eficiencia enerxética, co crecemento cohesionado e coa sanidade e a nova economía dos coidados".

A oposición reclama máis "transparencia" e menos "propaganda"

Presas (BNG) lamenta que a Xunta "finxa que hai debate" e "que son as liñas coas que concorremos todos" : "Son as dun Goberno que se negou a ter a oposición ao carón"

Diante da negativa de Conde a ofrecer información máis ampla sobre os proxectos privado e ante a mera relación de proxectos no eido público, as reclamacións de transparencia repetíronse por parte da oposición. A voceira do BNG en materia económica, Noa Presas, lamenta que o conselleiro compareza por terceira vez sobre este asunto e "continúe sen dar información", limitándose a "finxir que hai un debate democrático" que en realidade "non existe".

Caballero (PSdeG) coida que Conde entrega o documento tras meses de "política de parcheo" cun "suspenso claro en estratexia, formas e modelo de país"

Son xa trece, sinala Presas, as ocasións nas que o BNG solicitou formalmente a documentación sobre os proxectos e "o único que recibimos foi unha lista sen detalles para poder debater a conveniencia" de cada unha das iniciativas. Ante o "inminente remate do prazo para presentar os proxectos", sinala a deputada nacionalista, Conde "vén vendernos que estas son as liñas mestras coas que concorremos todos, pero iso é falso, son as liñas do Goberno, que se negou a ter a oposición ao seu lado".

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, outorga a Conde un "suspenso claro en estratexia, formas e modelo de país". Cando cumpriría unha "orientación seria e rigorosa" para optar aos fondos, sinala o líder socialista, o Goberno do PP optou por "meses de política de parcheo" e "facer propaganda". Foron meses "de desleixo", reprocha o líder socialista, nos que a Xunta se "limitou a coordinar xornadas e recolectar PowerPoints para mandarlle un Excel ao Goberno de España no que non se identifican as apostas do Goberno galego".

Gonzalo Caballero, intervindo en resposta á comparecencia de Francisco Conde sobre os fondos europeos, este 21 de abril CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.